Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2003 Páx. 5.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de abril de 2003 pola que se convocan bolsas de colaboración nos departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia, no curso académico 2003-2004.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) de traspaso de funcións, medios e servicios na materia, pola que se lle transferiron á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG), creou as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o Sistema Universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento que precisen os estudiantes universitarios.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, realiza desde hai algúns anos unha política de asistencia económica ós estudiantes universitarios. Esta política de asistencia económica ampliouse con novas convocatorias como: as axudas para a mobilidade de estudiantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia que queiran realizar unha parte dos seus estudios noutra universidade pública distinta á súa, entre aquelas adheridas ó Sistema de Intercambio en Centros Universitarios de España (SICUE), axudas destinadas á colectividade galega en Iberoamérica e bolsas de colaboración nos departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Estas bolsas de colaboración van destinadas ós alumnos do último curso de ensinanzas universitarias que acrediten bos expedientes académicos e desexen presta-la súa colaboración en departamentos universitarios, en réxime de compatibilidade cos seus estudios, iniciándose así en tarefas de investigación directamente vinculadas cos estudios que estean a cursar, permitindo con isto o crecemento e a potenciación das tarefas investigadoras no Sistema Universitario de Galicia.

Esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de colaboración para o curso académico 2003-2004, destinadas a alumnos do último curso de ensinanzas universitarias, co obxectivo de realizar tarefas de investigación no Sistema Universitario de Galicia directamente vinculadas cos seus estudios.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, sen prexuízo de poderen ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, coa seguinte distribución:

Aplicación 07.05.322C.480.2:

Ano 2003: 20.283,75 euros.

Ano 2004: 40.567,50 euros.

A contía que percibirá cada beneficiario será de 270,45 euros mensuais, que devengará por cada mes de prestación da colaboración.

Artigo 3º.-Período de aproveitamento.

A duración máxima destas bolsas será de nove meses comprendidos entre outubro de 2003 e xuño de 2004. As axudas concedidas poderanse desfrutar durante ese mesmo período e por unha soa vez.

En ningún caso o aproveitamento de bolsa de colaboración terá efectos xurídico-laborais entre o bolseiro, as universidades do SUG e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes.

1. Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas, os alumnos universitarios que reúnan os seguintes requisitos:

a) Non estar en posesión ou en disposición legal de obte-lo título académico de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

b) Matricularse no curso académico 2003-2004, en calquera das tres universidades que compoñen o SUG no último curso do 2º ciclo ou da totalidade das materias ou créditos que lle falten para remata-los seus estudios, excluíndo do devandito cómputo o proxecto fin de carreira, e ter superado no momento da formalización da matrícula do curso 2003-2004 o primeiro ciclo e o 45 por cento dos créditos que integran o segundo, con excepción dos alumnos de medicina, que deberán ter superado o 60 por cento.

c) Ser admitido nun departamento onde presta-la colaboración.

2. Estas axudas son compatibles co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, agás con aquelas que teñan a mesma finalidade. Non poderán beneficiarse desta axuda aqueles que xa a desfrutaran en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. A solicitude, no modelo ED 430 B que se publica como anexo a esta orde, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera medio dos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

A solicitude e documentación correspondente remitiranse á:

Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios, edificio administrativo San Caetano s/n, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderá solicitarse información adicional, polos seguintes medios:

Teléfonos: 981 54 54 33, 981 54 54 31 e 981 54 44 30.

Fax: 981 54 54 22.

Os interesados poderán tamén consulta-la páxina web:www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu ou seleccionando: www.xunta.es.

Consellerías:

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Dirección Xeral de Universidades.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 430 B que figura no anexo desta orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificación académica completa ou copia compulsada desta na que se fará consta-la nota media do expediente académico, obtida de acordo co establecido no artigo 8 das bases da convocatoria, número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou créditos nos que se atopa matriculado o alumno no curso académico 2002-2003. No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

No caso daqueles alumnos que accedan ó segundo ciclo desde unha titulación de primeiro ciclo, presentarán, ademais, a certificación académica deste.

Soamente se valorarán as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2002.

c) Carta de aceptación do director do departamento receptor da colaboración.

d) Declaración xurada do solicitante de tódalas axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou privadas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación, sinalando as causas de exclusión; poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Universidades (http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu). Tamén se exporán nos taboleiros de anuncios da Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas.

As devanditas listas estarán expostas desde o 20 ó 30 de xuño do 2003 (ámbolos dous incluídos). Os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria a través dos medios sinalados no artigo 5º desta convocatoria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 8º.-Selección.

1. A selección farase en función do expediente académico do solicitante, valorado ata o momento da presentación de solicitudes, de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1=número de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=número de convocatorias empregadas en cada materia.

Para o cálculo da nota media, non se terán en conta as materias ou créditos que, segundo os plans de estudios, soamente poidan cualificarse como apto, nin o recoñecemento de créditos nos que non apareza unha cualificación. Así mesmo, soamente se valorarán as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2002.

2. As solicitudes presentadas serán clasificadas segundo titulacións ou bloques de titulacións semellantes pertencentes a un mesmo ámbito científico.

3. O número de bolsas que se concedeán, ata o límite orzamentario establecido, repartirase entre as solicitudes presentadas e clasificadas segundo o indicado no punto anterior.

4. A comisión avaliadora, á vista do número de solicitudes presentadas en cada ámbito científico, poderá adopta-las medidas necesarias para que non se produzan desaxustes no número de bolsas concedidas a cada ámbito.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

-Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Universidade de Vigo.

-Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Para o desfrute efectivo desta bolsa, o alumno beneficiario deberá ter superado antes do comezo do curso 2003-2004 o primeiro ciclo e, polo menos, o 45 por cento dos créditos que integran o segundo, con excepción dos alumnos de medicina, que deberán ter superado o 60 por cento deles.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os alumnos que resulten beneficiarios destas bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico 2003-2004, por ensino oficial, os estudios nos que se atopan matriculados.

b) Presta-la súa colaboración durante 3 horas diarias no departamento correspondente, desenvolvendo as actividades que se lle encomenden.

c) Someterse ás actuacións de comprobación precisas para verificar, se é o caso, o cumprimento e efectividade das condicións da concesión da axuda.

Artigo 13º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A axuda aboarase na conta bancaria indicada polo interesado, de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez presentada, antes do 5 de novembro de 2003, a seguinte documentación:

a) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou privadas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación oficial da universidade na que se faga constar que ten superado o 1º ciclo e o 45 por cento dos creditos do 2º ciclo (no caso de alumnos

de medicina, o 60 por cento). Así mesmo faranse constar, na mesma certificación, as materias das que está matriculado no curso 2003-2004.

c) Certificado de incorporación ó departamento asinado polo director ou titor deste.

O aboamento destas axudas farase trimestralmente. O pagamento do último trimestre ingresarase unha vez que o beneficiario presente, na Dirección Xeral de Universidades, unha breve memoria onde se determinen as principais actuacións realizadas no departamento, co visto e prace do titor ou director deste e sempre antes do 14 de xullo de 2004.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria