Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 21 de abril de 2003 Páx. 4.938

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de abril de 2003 pola que se establecen os criterios xerais de informe e avaliacións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para a contratación do persoal docente e investigador.

A Lei orgánica 6/2001, de universidades atribúe, no seu artigo 31, as funcións de avaliación, certificación e acreditación á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación e os órganos de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinen.

Creada e publicada por Resolución do 12 de marzo de 2001, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, atribúenselle as competencias citadas no parágrafo primeiro, pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, a través da súa disposición adicional vixésimo sétima que establece:

«A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asumirá, no ámbito da Comunidade Autónoma as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei orgánica 6/2001, de universidades.

O Consello da Xunta e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán adopta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do indicado no parágrafo anterior».

O informe e avaliación veñen determinadas dun xeito máis específico nos artigos 50, 51 e 52 da Lei orgánica 6/2001, como requisito previo para a contratación do profesorado universitario. No seu artigo 72 faise tamén referencia á contratación de polo menos o 25% do persoal docente e investigador das universidades privadas.

É pois, que unha vez informados polo Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia os criterios xerais para avaliar ou informa-las actividades docentes, investigadoras e de xestión, dos profesores, procédese a publicar estes.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Profesor contratado doutor.

Na avaliación para profesores contratados doutores e profesores de universidades privadas serán valorados os seguintes méritos dos solicitantes:

1. Experiencia investigadora. Valoraranse principalmente os seguintes méritos investigadores:

-Artigos de valor científico en revistas de recoñecido prestixio no seu ámbito.

-Outras publicacións científicas, incluíndo libros, capítulos de libros, prólogos, introduccións e anotacións a textos de recoñecido valor científico.

-Patentes, modelos de utilidade e outros resultados da investigación, en especial os que produzan transferencia tecnolóxica ó sector productivo.

-Participación en proxectos de investigación obtidos en convocatorias públicas e competitivas.

-Participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na Administración pública e outras entidades de recoñecido prestixio.

-Estadías de investigación, en especial, as financiadas mediante programas competitivos.

-Contribucións a congresos, seminarios, exposicións artísticas e conferencias de recoñecido prestixio.

-Dirección de teses doutorais.

-Outros méritos de investigación relevantes.

Os recén citados criterios xenéricos acomodaranse ás especificacións propias dos diversos campos científicos que se van avaliar. Ó respecto enténdese por campos científicos os contemplados para efectos de avaliación dos períodos da actividade investigadora ós que se refire o artigo 57.4º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

2. Experiencia docente. Valoraranse principalmente os méritos docentes:

-A amplitude, intensidade e tipo da docencia. Os ciclos do ensino nos que se participou. As institucións nas que se exerceu a docencia. Teranse en conta as avaliacións que sobre a calidade da súa docencia achegue o solicitante. Valorarase a experiencia docente en centros de recoñecido prestixio, distinto daquel no que se defendeu a tese de doutoramento, debidamente certificada polos seus responsables académicos.

-O material orixinal do solicitante (manuais, libros de prácticas, guías, etc.) calquera que sexa o soporte empregado.

-A formación didáctica para a actividade docente (estadías en centros de formación docente, participación en cursos, congresos ou programas específicos) e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento, así como a participación en proxectos de innovación docente obtidos en convocatorias competitivas.

-Outros méritos docentes relevantes.

3. Formación académica. Valoraranse os resultados da formación académica, en especial a desenvolvida durante e despois do doutoramento. Teranse en conta a calidade das institucións e os programas nos que se formou o solicitante. Igualmente valoraranse as bolsas e axudas de carácter competitivo recibidas de programas autonómicos, estatais e internacionais.

4. Experiencia e outros méritos profesionais. Valorarase o interese e a relevancia práctica que para a docencia e a investigación ten a experiencia profesional do solicitante.

5. Experiencia en xestión. Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos desempeñados.

6. Outros méritos.

Artigo 2º.-Profesor axudante doutor.

Na avaliación para profesor axudante doutor serán valorados os seguintes méritos dos solicitantes:

1. Formación académica. Valorarase a amplitude e resultados da formación académica predoutoral así como a relacionada co programa de doutoramento

cursado, atendendo á calidade do programa e da institución correspondente no campo científico do solicitante. Consideraranse tamén os cursos, seminarios e talleres nos que teña participado, tanto no que se refire ó seu ámbito disciplinar como á formación específica como docente universitario. Terase en conta igualmente a formación do solicitante en técnicas e tecnoloxías didácticas.

2. Publicacións e teses de doutoramento. Valorarase a calidade, orixinalidade e relevancia da tese doutoral. Valoraranse igualmente as publicacións relacionadas e outras publicacións de valor científico no seu ámbito, así como os relatorios e comunicacións presentadas en congresos.

3. Estadías en centros autonómicos, estatais e internacionais e axudas recibidas. Valoraranse as estadías pre e pos doutorais, atendendo ós seus resultados formativos e á calidade do programa e institución correspondente no campo científico do solicitante, así como as bolsas e axudas de carácter competitivo recibidas, en especial as relacionadas coa participación en programas autonómicos, estatais ou internacionais.

4. Participación en proxectos de investigación obtidos en convocatorias públicas e competitivas, en especial os financiados mediante programas autonómicos, estatais ou internacionais. Valorarase igualmente a participación en contratos de investigación de especial relevancia en empresas ou na administración pública e outras entidades de recoñecido prestixio, así como as contribucións a congresos, seminarios, exposicións artísticas e conferencias.

5. Formación para a docencia. Valorarase a formación na metodoloxía para a docencia e a experiencia docente se houbese. Valorarase a formación didáctica para a actividade docente (estadías en centros de formación docente, participación en cursos, congresos ou programas específicos) e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento, así como a participación en proxectos de innovación docente obtidos en convocatorias competitivas.

Valorarase o material docente orixinal do solicitante (manuais, libros de prácticas, guías, etc.) calquera que sexa o soporte empregado.

6. Experiencia en xestión. Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos académicos desempeñados na universidade.

7. Outros méritos.

Artigo 3º.-Profesor colaborador.

No informe para profesor colaborador serán valorados os seguintes méritos dos solicitantes:

1. Experiencia docente. Valoraranse principalmente os seguintes méritos docentes:

-A amplitude, intensidade e tipo de docencia no seu ámbito disciplinar. Os ciclos do ensino nos que se participou.

-A formación didáctica para a actividade docente, material orixinal do solicitante, e a utilización das novas tecnoloxías nos procesos de transmisión do coñecemento.

-Outros méritos docentes.

2. Formación académica. Valorarase a formación académica en diplomatura e licenciatura do solicitante, tendo en conta as bolsas e premios de carácter competitivo obtidos. Consideraranse tamén os cursos, seminarios e talleres nos que participará e teranse en conta as estadías realizadas en centros docentes e de investigación.

3. Publicacións. Valorarase a calidade e importancia das publicacións relacionadas co campo científico, así como a realización de informes, dictames, asesoramentos, etc.

4. Experiencia e outros méritos profesionais. Valorarase o interese e a relevancia que para a docencia teórica e práctica ten a experiencia profesional do solicitante.

5. Experiencia en xestión. Valorarase a experiencia en xestión así como os postos ou cargos desempeñados.

6. Outros méritos.

Disposición derradeira

Primeira.-Facultase o director xeral de Universidades para dicta-las resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Está orde entrara en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria