Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 16 de abril de 2003 Páx. 4.861

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 218/2003, do 3 de abril, polo que se inclúe en calidade de membro da Comisión Rectora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 11 de febreiro de 1993, aprobou o Decreto 25/1993, polo que se crea o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e se regula o seu funcionamento (DOG do 19 de febreiro), modificando a denominación polo Decreto 330/1997 (DOG do 24 de novembro) como Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Este centro de investigación encárgase de promover e desenvolver proxectos e programas galegos de estudios lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos e da súa difusión, segundo determina o artigo 1 da citada disposición.

En cumprimento desta finalidade, o Centro Ramón Piñeiro vén levando a cabo cunha pluralidade de proxectos de investigación en tódolos campos de coñecemento que figuran como funcións propias no artigo 2 do decreto da súa creación.

A atención prioritaria do Goberno de Galicia á potenciación do uso do galego e a actitude coherente de xuntar esforzos entre as diferentes consellerías xustifica a conveniencia de que o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo estea entre os membros da Comisión Rectora do Centro Ramón Piñeiro.

En consecuencia, por iniciativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, elabórase este decreto polo que se inclúe no artigo 4 do mencionado Decreto 25/1993 ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo en calidade de membro da Comisión Rectora.

Por todo o que antecede, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de abril do dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Incluír en calidade de membro da Comisión Rectora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou persoa en quen delegue.

Disposición derrradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria