Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 16 de abril de 2003 Páx. 4.855

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 217/2003, do 11 de abril, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Nos decretos 89/1997, do 10 de abril e 70/2000, do 31 de marzo, regúlase a cobertura temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo; tanto naqueles reservados ós funcionarios (artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia), como os reservados ó persoal laboral (Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro).

Transcorrido un lapso de tempo desde a entrada en vigor dos anteditos decretos, e á vista da diversa casuística xurdida en relación cos diferentes puntos da normativa vixente ata a data, estímase oportuno introducir algunhas modificacións no desenvolvemento seguido nos nomeamentos ou contratacións temporais, coa finalidade de proceder á cobertura provisional de que se trate coa máxima celeridade, facilitando en todo momento a inscrición de candidatos nas listas confeccionadas para a cobertura temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo.

O anterior pretende acadarse establecendo con esta disposición, un sistema obxectivo de cobertura temporal dos postos de traballo vacantes da Administración a través dun sistema de lista única permanentemente aberta.

Visto na mesa xeral de negociación e informado favorablemente pola Comisión de Persoal, cos votos a favor da Confederación Intersindical Galega (CIG), de Comisións Obreiras (CC.OO.), da Unión General de Traballadores (UGT) e da Confederación de Sindicatos Independentes e Sindical de Funcionarios (CSI-CSIF).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada en Laias-Cenlle (Ourense) o día once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é a regulación do procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo tanto daqueles reservados ós funcionarios das administracións xeral e especial, como os reservados ó persoal laboral, mentres non se procede a súa cobertura con carácter definitivo.

Tamén deberá utilizarse para a cobertura das contratacións que se realicen ó amparo do concepto orzamentario 131 («persoal laboral temporal») do capítulo I da Lei de orzamentos.

Artigo 2º.-Modalidades contractuais.

As modalidades contractuais que se aplicarán serán as seguintes:

-Para a cobertura dos postos reservados a funcionarios, pola prevista no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

-Para o persoal laboral, polas modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e, preferentemente, o contrato de interinidade.

Artigo 3º.-Sistema de lista permanentemente aberta.

1. A cobertura temporal dos postos de traballo efectuarase a través dun sistema de lista permanentemente aberta na que figurarán os aspirantes que cumpran os requisitos legalmente esixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas e na que a orde de prelación virá dada pola puntuación obtida trala aplicación do baremo que se regula no artigo 8º deste decreto.

2. Para os ditos efectos, elaborarase unha lista única para cada corpo, escala, especialidade ou categoría dentro de cada grupo de empregados públicos.

3. Para poder ser incluído na lista os interesados terán que reuni-los requisitos que, para cada corpo, escala, especialidade ou categoría, se recollen na normativa vixente.

4. Para a cobertura de postos reservados a funcionarios, elaborarase unha única lista, por corpo, escala ou especialidade dentro de cada grupo de funcionarios.

Os interesados farán constar na súa instancia en que ámbito (provincial, servicios centrais ou autonómico) desexan presta-los seus servicios, ata un máximo de tres por cada corpo, escala, especialidade ou categoría.

5. Para a cobertura de postos reservados á persoal laboral elaborarase unha única lista para cada categoría.

Os interesados farán constar na súa instancia en que ámbito (provincial, servicios centrais, agrupación de municipios ou autonómico) desexan presta-los seus servicios, ata un máximo de tres por cada corpo, escala, especialidade ou categoría.

6. A renuncia a formar parte dunha lista suporá que non terá efectos unha nova solicitude de admisión nesa lista, ata transcorrido o prazo dun ano desde a data da renuncia.

Artigo 4º.-Órganos encargados de elabora-las listas.

1. Para a elaboración das listas así como para o seu control e correcta utilización nomearase unha comisión permanente central e catro comisións permanentes provinciais. Para estes efectos, a comisión permanente central será a encargada de resolver tódalas cuestións de interpretación e coordinación das dis

tintas comisións referidas ó contido deste decreto. Correspóndelles ás comisións permanentes provinciais o control e o seguimento das listas e resolve-las incidencias que se lle presenten no seu ámbito.

2. A composición da/s comisión/s permanente/s de selección será a seguinte:

-Presidente: titular da dirección xeral competente en materia de función pública ou persoa en quen delegue.

-Tres representantes da administración.

-Dous representantes sindicais.

-Secretario: un funcionario dependente dun servicio con funcións de persoal.

Artigo 5º.-Procedemento para o chamamento.

1. Elaboradas as listas pola/s comisión/s permanente/s de selección, remitiranse á secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública, así como ás súas delegacións provinciais. Así mesmo, diariamente as listas poderán consultarse na Internet e nas oficinas de información administrativa e atención ó cidadán.

2. Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto a secretaría xeral ou delegación provincial correspondente dirixirase á secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública, para a/s existente/s nos servicios centrais, ou á delegación provincial da consellería competente en materia de función pública, para as de servicios periféricos, e solicitará á persoa que, segundo a orde de prelación que figura na lista, lle corresponda ser chamada.

3. As comunicacións faranse polo medio máis urxente, que permita a constancia da recepción, sendo tramitadas por rigorosa orde de recepción nas dependencias correspondentes, ofertando tódalas prazas que houbera ese día para ese corpo, escala, especialidade ou categoría.

4. Unha vez designado pola secretaría xeral da consellería competente en materia de función pública ou delegación provincial correspondente a persoa á que corresponda ser chamada, e constatada a súa dispoñibilidade, expedirase a correspondente credencial para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure.

Artigo 6º.-Situación nas listas.

Os integrantes das listas non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda nestas, ata que se xere o dereito á prestación de desemprego, de tal maneira que se a contratación ou nomeamento para a que son chamados ten unha duración inferior, retornarán ó posto que novamente lles corresponda na lista.

A aceptación dun chamamento para un ámbito suporá a suspensión para o chamamento noutros ámbitos da lista sen prexuízo do disposto no artigo 7.2º.

Rematada a contratación ou o nomeamento, o interesado pasará a ocupa-lo último lugar que nese momento lle corresponda na lista durante un ano se xerou o dereito á prestación de desemprego. Finalizado

o ano volverá automaticamente ó lugar da lista que, de acordo coa súa puntuación, lle corresponda.

Artigo 7º.-Os chamamentos ós aspirantes.

1. Os chamamentos faranse polo medio máis urxente, que permita a constancia da recepción destes.

O chamamento poderase facer telefonicamente en supostos de urxencia, cando se trate da cobertura dun posto de persoal que preste servicios en institucións sanitarias, residencias da terceira idade, centros asistenciais, centros de ensino, garderías, centros de menores, matadoiros e lonxas e a súa non cobertura por esta forma puidese orixinar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servicio público.

Os chamamentos telefónicos faranse entre as 8 horas e as 15 horas, e o funcionario que os realice fará constar mediante dilixencia a realización de tales chamamentos, e se tiveron ou non resposta. Estes chamamentos poderán realizarse en presencia dun representante da parte social na/s comisión/s de selección. Para poderen ser citado mediante o chamamento telefónico os interesados/as deberán optar a esta modalidade na súa solicitude de inclusión nas listas, a dita opción será irrenunciable polo interesado.

Os integrantes das listas que, sendo chamados para facer efectiva a contratación ou nomeamento, segundo o disposto neste artigo, non se presentaran ou renunciaran a esta, perderán, agás que se trate de causa de forza maior, os seus dereitos quedando excluídos da lista por un ano, debendo solicitar de novo a súa inscrición unha vez transcorrido o dito prazo. A mesma consecuencia terá a renuncia á continuidade no desempeño dun posto de traballo, agás que fose para atender outro chamamento para unha vacante.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 6º, os chamamentos para prazas vacantes realizaranse por unha soa vez, tamén segundo a puntuación acreditada nas listas, aínda que xa estivera prestando servicios nunha praza que non teña a consideración de vacante, agás que non se atendera o chamamento para unha destas prazas. Para os efectos deste decreto entenderase por praza vacante aquela que careza de titular, excepto as prazas de persoal laboral con xornada igual ou inferior a media xornada en cómputo semanal.

Artigo 8º.-Requisitos e baremo.

1. Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuí-la titulación ou formación académica esixida para cada corpo, escala, especialidade ou categoría.

Igualmente, os solicitantes deberán posuír para os grupos A, B, I e II o diploma ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego, e para os grupos C, D, E e III, IV e V o grao de iniciación do idioma galego. Só se concederá validez ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Non obstante, este último requisito, alternativamente, poderá acreditarse no momento que o aspirante, unha vez citado, atenda ó respectivo chamamento.

2. O baremo aplicable para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados a funcionarios ou persoal laboral será o seguinte:

a) A suma das notas das probas superada no último proceso selectivo da Xunta de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría na que se solicita a inscrición na lista: ata un máximo de trinta e cinco puntos para os grupos A, B, C e I, II, III; trinta puntos máximo para os grupos IV e V, e vinte puntos máximo para os grupos D e E.

b) Polo último proceso selectivo completo superado de organismos autónomos dependentes da Xunta de Galicia, Parlamento de Galicia, Valedor do Pobo ou Consello de Contas, para ese mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría: 5 puntos.

As puntuacións dos puntos a) e b) poranse a cero co motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista na que se encontre inscrito o interesado. Non obstante, agás solicitude en contrario, o órgano de selección dará de alta de oficio no caso do punto a), na mesma data, a puntuación que os interesados obtiveran nas probas superadas, se é o caso, nese novo proceso selectivo, e a petición do interesado no caso do punto b).

c) Por cada mes completo de servicios prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas na mesma categoría, corpo ou escala: 0,25 puntos, ata un máximo de 15 puntos.

d) Por cada curso impartido polas administracións públicas, universidades, INEM, formación continua do AFCA (Acordo de Formación Continua para as Administracións Públicas) ou formación ocupacional, relacionado coas funcións que se van desempeñar:

-De 20 a 59 horas: 0,50 puntos/curso.

-De 60 a 99 horas: 0,75 puntos/curso.

-De 100 ou máis horas: 1 punto/curso.

A puntuación máxima polo indicado nesta letra será de 3 puntos.

e) Por cada mes en situación de desemprego: 0,1 puntos computado soamente o tempo transcorrido nesta situación nos dous anos anteriores ó día 1 de xaneiro do ano en que se produza a inscrición. Esta condición acreditarase mediante certificado de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

f) Por cada familiar a cargo do solicitante que non teña rendas: 0,5 puntos ata un máximo de 3 puntos. O que se entenderá segundo as normas do IRPF e será acreditado coa declaración da renda do último período impositivo ou documento de valor análogo.

As puntuacións das letras e) e f) poranse a cero cada vez que se resolva a nova baremación de listas con motivo do prazo xeral anual de actualización descrito no punto 5 seguinte, agás que nese período fora alegado e documentado novamente.

g) Por cada chamamento pola mesma lista, atendido e rematado sen renuncia ó desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 3 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.

3. De producirse empate na puntuación a orde de desempate será a seguinte:

-Puntuación pola orde das letras do baremo.

-Solicitante de maior idade.

4. Na segunda quincena de cada mes a/s comisión/s de valoración analizarán as novas solicitudes recibidas ata o día 15 do mesmo, publicándose as listaxes provisionais de admitidos e excluídos o primeiro día hábil do mes seguinte, dispoñendo os interesados dun prazo de cinco días para reclamacións. Resoltas estas pola comisión competente será elevado a listaxe definitiva pola comisión central á Dirección Xeral da Función Pública para a súa publicación dentro do mesmo mes natural. En circunstancias excepcionais de extraordinaria acumulación de novas solicitudes, este período poderá prorrogarse un mes máis mediante acordo da Dirección Xeral da Función Pública, debidamente publicado.

5. A actualización dos méritos será anual. Para estes efectos os solicitantes deberán presentar no mes de xaneiro de cada ano a documentación xustificativa dos novos méritos que desexen alegar así como, en todo caso, dos méritos enunciados nos puntos 2.e) e 2.f) do baremo, se desexasen que estes tamén se computen. Agás solicitude en contrario, o mérito recollido no punto 2.g) poderase computar de oficio.

En todo caso só se terán en conta os méritos alegados que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior. Esta normativa será de aplicación, así mesmo, para todas cantas solicitudes de inscrición se presenten ó longo do ano.

Artigo 9º.-Proba práctica.

1. Excepcionalmente e para as categorías de xefe de cociña e oficial 1ª de cociña (grupo III) e oficial 2ª de cociña (grupo IV) poderá esixírselles ós aspirantes a realización dunha proba práctica sobre as funcións propias da categoría, sendo necesaria a cualificación de apto para ser contratado. A excepción anterior poderá facerse extensiva a aquelas categorías ou corpos, escalas ou especialidades que, pola función que vaian desenvolver, así o considere necesario a comisión permanente de valoración, logo do informe da comisión de persoal, e por instancia da consellería afectada que será a encargada de realiza-la proba.

A consellería propoñente deberá manifesta-la motivación e contido da proba, en relación ás funcións que se vaian desempeñar. De todo iso garántese o coñecemento previo polos chamados a participar nela coa antelación suficiente, e o concurso a ela en condicións de igualdade.

2. Estarán exentos de realiza-la proba os aspirantes que acrediten a posesión da titulación de FPI, FPII ou equivalentes, na rama correspondente, en cada caso, ou aqueles que superasen a proba práctica nas respectivas convocatorias de acceso á condición de laborais fixos, así como os que superaron o período de proba na mesma categoría en contratos anteriores.

Artigo 10º.-Instancia.

Os interesados en formar parte das listas cubrirán a instancia, segundo o modelo que figurará na correspondente convocatoria, xuntando a esta toda a documentación que, para acredita-los méritos alegados, consideren suficiente.

Así mesmo, cubrirán, se é o caso, o correspondente modelo, aquelas persoas que atopándose xa incluídos nunha lista desexen presentar novos méritos a valorar.

Disposición transitoria

As listas vixentes na data de publicación do presente decreto no Diario Oficial de Galicia continuarán en vigor ata a confección e publicación das novas listas de cada corpo, escala, especialidade ou categoría, segundo o procedemento establecido nesta norma.

Para a entrada en vigor do novo sistema de cobertura, por resolución da dirección xeral competente en materia de función pública abrirase un prazo de 20 días para que os interesados presenten as súas instancias acompañadas da documentación que acredite os méritos que, de acordo co baremo elaborado para o efecto, desexen que se lles teñan en conta.

Poderase eximir do pagamento de taxas a acreditación de novos méritos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 89/1997, do 10 de abril, o 70/2000, do 31 de marzo, e demais disposicións do mesmo ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública