Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 14 de abril de 2003 Páx. 4.740

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de marzo de 2003 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes previsto na Orde do 24 de febreiro de 2003, pola que se regulan as axudas do ano 2003 para a execución de proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior e proxectos de formación e sensibilización social para o desenvolvemento.

A Orde do 24 de febreiro de 2003, pola que se regulan as axudas do ano 2003 para a execución de proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior e proxectos de formación e sensibilización social para o desenvolvemento, establece no seu artigo 30.3º que o prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 15 de abril de 2003.

A orde foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 44, do 4 de marzo de 2003. Por outra banda, a Lei 6/2002, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 251, do 30 de decembro), dispón no seu artigo 43 que o prazo de presentación de solicitudes que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria de axudas e subvencións non será en ningún caso inferior a corenta días hábiles.

Dado que do cómputo do prazo desde o día da publicación da dita orde e a data límite de presentación de solicitudes establecida, é dicir, o 15 de abril, resulta que o prazo é inferior a corenta días, para o debido cumprimento da regra prevista na devandita lei, é polo que cómpre modifica-la orde no seu artigo 30.3º.

Polo exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos de lle dar cumprimento ó disposto no artigo 43 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 251, do 30 de decembro), modifícase o artigo 30.3º da Orde do 24 de febreiro de 2003 pola que se regulan as axudas do ano 2003 para a execución de proxectos de cooperación ó desenvolvemento no exterior e proxectos de formación e sensibilización social para o desenvolvemento (DOG nº 44, do 4 de marzo), de xeito que queda redactado como segue:

«Artigo 30.3º. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación da orde de convocatoria».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública