Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 11 de abril de 2003 Páx. 4.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 213/2003, do 27 de marzo, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Pobra do Brollón e Pol.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos da Pobra do Brollón e Pol solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante o Decreto 156/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 32, do 14 de febreiro), desafectáronse do dominio público, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Pobra do Brollón e Pol.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 17 de febreiro de 2003 (DOG nº 55, do 19 de marzo) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello da Pobra do Brollón do dereito de uso dun edificio destinado a oficinas, que consta de baixo e unha planta, situado na avenida de José Antonio, s/n, na vila e municipio da Pobra do Brollón, que ten unha parte de almacén na zona posterior da edificación, coas seguintes superficies: o baixo mailo almacén 163 m, a planta primeira 135 m. O conxunto construíuse sobre un soar duns 192 m coñecido como da Tapia. Estrema: pola súa fronte ou leste, estrada da Pobra do Brollón ó Incio; esquerda ou sur, Isaac Martínez Novo; e dereita ou norte e costas ou oeste, resto do predio matriz propiedade de José Espinosa Feijoo.

Inscrito no rexistro da propiedade de Quiroga no tomo 222, libro 86, folio 9, predio nº 6.968, inscrición 3ª.

2. A favor do Concello de Pol do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta, que ocupa 104 m de superficie do seu soar de 240 m, situado preto do Campo da Feira de Mosteiro, na actualidade rúa Castelao nº 21, parroquia e termo municipal de Pol (Lugo). Estrema: fronte ou oeste, rúa Castelao, antes estrada de Fonfría a Mosteiro; costas ou leste, predio matriz, hoxe Higinio Freire Otero; dereita entrando ou sur, Darío Pérez Valcarce, hoxe Higinio Freire

Otero; e esquerda entrando ou norte, Jesús Saavedra Huerta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 679, libro 41, folio 146, predio nº 4.153, inscrición 2ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán por conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no inventario xeral do patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán por conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL