Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 09 de abril de 2003 Páx. 4.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de abril de 2003 pola que se dictan normas que determinan os servicios mínimos nos centros docentes non universitarios durante a folga convocada para o día 10 de abril de 2003.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

A Confederación Intersindical Galega e a Unión Xeral de Traballadores, mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria dunha folga xeral «que terá lugar durante as 24 horas da xornada do 10 de abril de 2003, aínda que a súa efectividade será dun par de horas por quenda de traballo, e que «afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico da Comunidade Autónoma galega.

O Comité Rexional de Galicia da Confederación Nacional do Traballo (CNT) e o Comité Confederal de Galicia da Confederación Xeral do Traballo (CGT), mediante escrito do 31 de marzo de 2003, comunicaron a convocatoria de folga xeral «para tódolos traballadores e traballadoras de tódolos ámbitos sectoriais, públicos e privados, funcionarios e funcionarias desta comunidade para o día 10 de abril de 2003 e que abarcará desde as 0 horas ata as 24 do mesmo día».

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais, de acordo coa normativa vixente, e con carácter complementario á Orde do 8 de abril de 2003 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se dictan as normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 10 de abril de 2003, obriga a esta consellería a fixar uns servicios mínimos específicos e indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais nos centros docentes non universitarios.

O servicio esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixianlancia e coidado

dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden ós centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial ós menores; dun xeito máis específico, o Real decreto 732/1995 (do 5 de maio, publicado no BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 15 que tódolos alumnos teñen dereito a que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade e hixiene. Polo tanto, a custodia dos menores de idade que se atopen nun centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabililidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servicio mínimo para garantilos establécese a necesaria presencia no centro docente non universitario do director, ou, de se-lo caso, doutro membro do equipo directivo, xa que o director ostenta a representación do centro e garante o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan, respectivamente, os apartados d) e a) do artigo 79 da Lei 10/2002, do 23 de decembro (de calidade na educación; publicada no BOE do 24 de decembro), e por tanto está capacitado e facultado para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

Do mesmo xeito, este deber de protección esténdese desde garantir unha mínima limpeza ou hixiene no centro ata as funcións orgánicas básicas dos menores de idade, como é o comer, e que determina que se establezan servicios mínimos para que se poida presta-lo servicio de comedor, sendo este servicio, así como o servicio de limpeza, parte indivisible e ineludible do servicio esencial de educación nos centros residenciais docentes e nas escolas-fogar, que funcionan como internados, e que non poden ser paralizados nas súas actividades básicas, como é alimenta-los menores e coida-la hixiene. Tampouco pode ser paralizada a actividade básica de coida-la integridade física daqueles que por ter dimunuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores e persoal sanitario, como son os alumnos dos centros de educación especial. A determinación dos anteditos servicios mínimos por porcentaxes considérase como criterio máis

apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros docentes existentes que hai na nosa comunidade, en calquera caso nunca poderán baixar de dúas persoas nos comedores das escolas-fogar por canto resulta o número de persoal imprescindible para a prestación do servicio de comedor coas mínimas garantías.

Resulta así mesmo ineludible a protección dos bens mobles e inmobles afectados ó servicio esencial á educación, de conformidade coa disposición adicional primeira, alínea A.5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, correspóndenlle ó corpo de subalternos as funcións ordinarias de vixilancia e custodia, polo que atendendo ás funcións encomendadas a este corpo e tendo presentes a necesaria protección dos bens mencionados, cómpre establecer como servicio mínimo a presencia de un subalterno nos centros educativos.

Hai que ter presente que os centros docentes non universitarios non están abertos (agás algúns, e non todos, os centros residenciais) os sábados, domingos ou festivos, en consecuencia non é posible atender ó criterio establecido como medida cautelar na parte dispositiva do Auto do 19 de xuño de 2003 do Tribunal Superior de Xustiza en relación coa Orde do 17 de xuño de 2002 da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública pola que se dictan as normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada para o día 20 de xuño de 2002, por tanto cómpre establecer normas específicas para garanti-los servicios esenciais e para protexer os bens xurídicos mencionados nos parágrafos anteriores nos centros docentes non universitarios.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada, oído o comité de folga, e tendo en conta o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servicios mínimos nos centros docentes non universitarios os seguintes:

-O/A director/a ou membro do equipo da dirección e un/unha subalterno/a en cada centro escolar.

-O 25 % do persoal de comedores, limpeza e subalternos/as nas escolas-fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas-fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% do persoal de comedores, limpeza e subalternos/as nos centros residenciais docentes.

-O 30% do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

Artigo 2º

A designación nominal do persoal que deberá cubri-los distintos servicios relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal na dita situación.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO