Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 08 de abril de 2003 Páx. 4.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de marzo de 2003 pola que se convocan prazas de educadores bolseiros para o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstol da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Coa presente convocatoria preténdese dotar de persoal de apoio no campo educativo e asistencial ó Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol, persoal que, como contrapartida, gozará de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 2003-2004, así como de axudas para sufraga-los gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

Esta orde establece as bases regulamentarias polas que se convocan prazas de educadores bolseiros, en réxime de concorrencia competitiva, para o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol da Coruña dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego de Relacións Laborais de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, se establecen os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración, normativa á que, en consecuencia, se adapta a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regulamentaria da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 2003-2004 no

Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstol dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria:

a) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

b) Non padecer defecto que impida o desenvolvemento normal da actividade.

c) Non ter cumpridos os 26 anos na data en que acabe o prazo de presentación de solicitudes.

d) Estar cursando estudios superiores, medios, de formación profesional grao superior (F.P.2) e/ou técnicos superiores de formación profesional, nunha facultade, colexio universitario ou escola técnica ou ter finalizados estes estudios durante os cursos 2000/2001 ou 2001/2002.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa á Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Coruña; r/ Concepción Arenal 7-9, CP 15006, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou xustificante de que se solicitou a súa expedición.

-Currículum vitae do solicitante.

-Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir da data en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

a) A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2003 ata o 30 de xuño de 2004. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

b) O pagamento por parte da consellería de ata 169,38 euros para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

c) O pagamento por parte da consellería de ata 84,07 euros para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros nas condicións fixadas na alínea b).

d) O pagamento pola consellería da contía de 59,26 euros mensuais, logo da certificación do servicio prestado pola dirección do centro.

e) Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado documento acreditativo dos seus servicios pola consellería, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Artigo 5º.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 2003 ó 30 de xuño de 2004.

Sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, por resolución da delegada provincial, a bolsa poderase prorrogar anualmente ata un máximo de 3 anos, incluíndo o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro.

Artigo 6º.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.212D.485.0 por un importe máximo de 10.152,60 euros.

Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención dos acollidos nel, en horas de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Os bolseiros teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Antes do último pagamento os educadores-bolseiros presentarán unha declaración de que durante o período da bolsa non recibiron ningunha outra axuda coa mesma finalidade.

Artigo 8º.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

Unha comisión, presidida pola secretaria provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Coruña, sendo vocais tres funcionarios designados pola delegada provincial e o director do centro, examinará as solicitudes, valorando no seu conxunto os seguintes datos, por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Animación sociocultural.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Pedagoxía e escolas universitarias de EXB, ademais de Enfermería.

Confeccionarase unha lista das solicitudes recibidas, elevando a correspondente proposta á delegada provincia, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presenta-las instancias.

Delégase no delegado provincial competente, logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das prazas e comunicarase tanto ó centro como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para dicta-la resolución expresa será de 6 meses, contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se no devandito prazo máximo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As resolucións dictadas en relación con estas prazas poñerán fin á vía administrativa, podendo interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da data da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados, así mesmo, desde a data da notificación.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro para presenta-la documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña. De non cumprirse tal esixencia, non se procederá a ningún pagamento.

Artigo 9º.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Artigo 10º.-Revogación ou interrupción no goce das bolsas.

A delegada provincial resolverá a perda da condición de bolseiro polo incumprimento das súas obrigas, ausencias inxustificadas ou, se é o caso, por non cumpri-la disciplina do centro, logo dos informes pertinentes.

O suposto de revogación obrigará o adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do goce da bolsa a delegada provincial, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá, se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2003.

María José Cimadevila Cea

Consellería de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais