Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 07 de abril de 2003 Páx. 4.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 208/2003, do 6 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada provincial 3 Allariz-Xunqueira de Ambía, número 100 do Plan Base de 2001 (concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía).

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión que tivo lugar o día vintenove de novembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de estrada provincial 3 Allariz-Xunqueira de Ambía, número 100 do Plan Base de 2001, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A Deputación Provincial de Ourense remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintesete de xaneiro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintecatro de xaneiro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a estrada provincial Allariz-Xunqueira de Ambía ten unha elevada intensidade de tráfico, non só por comunica-los dous núcleos de poboación, senón tamén por canaliza-lo tráfico que desde a zona de Maceda a Baños de Molgas accede á autovía A-52, existindo, ademais, catro obras de fábrica que é urxente alargar para evita-los estrangulamentos que resultan perigosos tanto para o tránsito rodado como para os viandantes, polo que se fai necesaria a actuación co obxecto de mellora-lo trazado da estrada e conseguir un alargamento desta vía, o que redundaría na mellora da seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada provincial 3 Allariz-Xunqueira de Ambía, número 100 do Plan Base de 2001.

Santiago de Compostela, seis de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local