Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 04 de abril de 2003 Páx. 4.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

Con data do 23 de xullo de 2001 publicouse a Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

Posteriormente, con data do 30 de maio de 2002, o Consello de Dirección do Igape acordou autoriza-la directora xeral do instituto para aprobar e publica-las modificacións das bases de mellora competitiva referidas ó Plan de Consolidación e Competitividade da PEME (PCCP) derivadas de acordos que se adopten na mesa de directores xerais da PEME, xa que nestas mesas iranse tomando decisións que poden afecta-lo contido publicado nas comunidades autónomas, e que obrigan a prescribir modificacións nas bases reguladoras para adecualas en cada momento ás decisións adoptadas e aliñar coas demais comunidades autónomas a aplicación dos principios do Real decreto 582/2001, do 1 de xuño, que establece o réxime de axudas do PCCP con carácter estatal.

Procede, por tanto, axusta-lo desenvolvemento dos programas de cooperación e de implantación de sistemas de calidade do PCCP ós acordos adoptados na mesa de directores xerais da PEME celebrada o 13 de xuño de 2002.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Publica-las seguintes modificacións das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega:

ANEXO VI

Plan de consolidación e competitividade da PEME 2000-2006:

1. Punto segundo, 1.3.3., subprograma de sistemas de calidade, primeiro parágrafo, substitúese polo seguinte:

«-Proxectos para a implantación nun colectivo determinado ou determinable de Pemes pertencentes ós sectores da construcción, comercio ou servicios, e no propio organismo intermedio se así o producira, de normativas de aseguramento da calidade (ISO 9000, ISO 17000, Q de calidade turística) e/ou ambiente (ISO 14000) que permitan obte-la certificación dunha entidade certificadora acreditada por ENAC. Os proxectos consideraranse realizados cando as Pemes acrediten que se iniciou o proceso de certificación».

2. Punto segundo, 2.3., substitúese polo seguinte:

«Sistemas de calidade: as Pemes dos sectores comercio, construcción e servicios poderán presentar individualmente proxectos de sistemas destinados á implantación nunha Peme de sistemas de aseguramento da calidade (ISO 9000, ISO 17000, Q de calidade turística) e/ou ambiente (ISO 14000) que permitan obte-la certificación dunha entidade certificadora acreditada por ENAC. Os proxectos consideraranse realizados cando se acredite que se iniciou o proceso de certificación».

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá carácter retroactivo para aqueles expedientes que se atopen en tramitación pendentes de resolver no Igape.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA