Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 04 de abril de 2003 Páx. 4.302

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2003 pola que se convoca un curso de especialización en autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de especialización en autocad para elaboración de atestados e dispositivos de tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

* Obxectivos.

1. Perfeccionarse nos coñecementos de expresión gráfica.

2. Especializarse no manexo de paquetes de deseño para a confección de atestados ou informes.

3. Adoptar técnicas automatizadas para a representación gráfica nos informes.

* Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente ó persoal que xa participou no primeiro destes cursos realizado na AGS. No caso de quedaren prazas vacantes, abriríase ó resto dos membros de ámbolos dous corpos, sempre que superasen unha proba previa sobre coñecementos informáticos mínimos para o acceso a este curso.

* Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

* Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 30.

* Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de abril, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de Tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

* Datas e horario.

O curso terá unha duración total de 60 horas, dividido en dúas partes:

1ª parte: que será presencial, cunha duración de 40 horas, e desenvolverase durante os días 25 de abril, 2, 9, 16, 20, 23 e 27 de maio; cun horario de 9 a 14 horas os venres e os martes (días 20 e 27 de maio) de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

2ª parte: a distancia, consistente en 20 horas, as cales serán tutorizadas polo profesor ó longo do curso e consistirán na realización dun traballo de acordo co exposto neste.

* Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 23 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

* Lugar.

O curso desenvolverase na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, avenida da Cultura, s/n, A Estrada.

* Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este.

* Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de marzo de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade