Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 02 de abril de 2003 Páx. 4.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 25 de marzo de 2003 pola que se regulan as bases que rexen as axudas para actividades dirixidas á xuventude programadas por concellos.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Con aprobación do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura orgánica básica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, conta cunha Dirección Xeral de Xuventude á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas

fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas para actividades dirixidas á xuventude programadas por concellos desde o 1 de xaneiro do ano 2003 e destinadas a proxectos desenvolvidos con mozos e mozas de entre 12 e 30 anos.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Realización de actividades de carácter socio-educativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude.

b) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

c) Actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre e campamentos de verán.

d) Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana e integral da persoa.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado financiará as anteditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía de 200.000 euros, con reflexo orzamentario nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autónoma galega.

2. Será requisito imprescindible para poder solicita-la subvención o ter xustificado debidamente as axudas, recibidas no último ano.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, dirixiranse á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado e presentaranse no rexistro xeral da consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Proxecto detallado do programa ou programas de actividades para os que se solicita a subvención, espe

cificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano que teña asumida a competencia, en virtude do cal se solicita subvención.

c) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

4. Se na solicitude se aprecian defectos, por parte da Dirección Xeral de Xuventude, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixera considerarase desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será dictada nos termos do artigo 42.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

1. A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1º.2, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Aquelas que teñan como finalidade a educación e a prevención do alcoholismo, o tabaquismo ou calquera outra conducta que incida negativamente na saúde da xuventude.

-Aquelas que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo sobre as meramente lúdicas.

-A relación entre a actividade que se vaia desenvolver e as necesidades ou problemáticas propia ou máis destacable de cada concello.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas ó informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, que procederá,

se é o caso, de acordo co sinalado no artigo 9 do Decreto 287/2000.

Posteriormente, a directora xeral de Xuventude elaborará unha proposta de resolución, correspondendo dicta-la resolución á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara no prazo de un mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fora expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnado directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación ó pagamento na forma en que se indica a continuación.

2. Unha vez realizada a actividade, remitirase unha certificación expedida polo secretario do concello, na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado e o importe, en cifras e letra, do gasto efectuado.

A mencionada certificación deberá ser remitida á Dirección Xeral de Xuventude ata o día 15 de outubro de 2003.

Así mesmo remitirase, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Pagamento.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º poderase proceder ó pagamento da subvención de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

2. No caso de non aplica-lo fin previsto á totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado só aboará a parte proporcional do gasto dedicado ó fin subvencionable, sen prexuízo do que proceda de conformidade co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

3. Estar sometidos ás actuacións de comprobación a efectuar pola Dirección Xeral de Xuventude, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e reintegro da subvención.

1. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos así como a efectiva realización destas, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

2. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da subvención.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado