Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 02 de abril de 2003 Páx. 4.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 28 de marzo de 2003 pola que se convocan para o ano 2003 axudas ó financiamento de accións de asesoramento para a mellora da calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

A nova orientación da Política Agrícola Común cara á maior competitividade das produccións da Unión Europea pretende, pola súa vez, dar resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimula-la adaptación da oferta neste sentido.

No que respecta ó sector lácteo, a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 1998, das esixencias relativas á calidade hixiénica do leite cru e outras disposicións sobre as condicións das explotacións de producción, e a necesidade da súa homologación e control polas autoridades competentes, demanda un esforzo importante de adecuación por parte do sector, tanto compradores como productores.

O Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos, que incorporou ó ordenamento xurídico español as directivas que son de aplicación no sector lácteo, en especial, a Directiva 92/46/CEE, do Consello, do 16 de xuño de 1992, recolle, entre outros aspectos, as normas sanitarias e de calidade aplicables á producción e comercialización do leite cru, establecendo con carácter obrigatorio que só se destine á elaboración de productos lácteos ou de leite de consumo tratado termicamente o leite cru procedente de animais sans e de explotacións que cumpran determinadas normas de hixiene.

Así mesmo, o dito real decreto establece os requisitos que debe cumpri-lo leite cru no momento da súa recollida nas explotacións, así como a obriga dos centros de recollida, centros de normalización, establecementos de tratamento e establecementos de transformación de lles comunicar ós órganos competentes aqueles casos nos que o leite cru recollido nas explotacións non acade os niveis mínimos de calidade.

Con respecto a este último punto, resulta de interese orienta-los programas actuais cara á consolidación de sistemas de control da seguridade na obtención, recollida e transporte do leite, de tal modo que o uso de prácticas correctas consiga que esta non só cumpra co especificado no mencionado real decreto, senón que ademais asegure que a probabilidade de supera-los seus límites sexa moi baixa.

Co obxecto de avanzar no proceso de mellora da calidade do leite, o Real decreto 460/2002, do 24 de maio, establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a prestar apoio técnico ó sector productor de leite para mellora-lo control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións.

Se ben os beneficiarios son os productores de leite, as ditas axudas deben ser xestionadas conforme o devandito real decreto polos compradores autorizados, os centros de recollida, establecementos de tratamento ou transformación autorizados, así como as agrupacións de productores, debido á súa capacidade de poñer en práctica un programa eficaz de asesoramento e mellora da calidade que inclúa a un conxunto de productores.

No devandito real decreto disponse que a tramitación das solicitudes, a súa resolución e o pagamento das axudas correspóndelles ós órganos competentes das comunidades autónomas.

Con base no anterior, a presente orde ten por obxecto establece-las normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite en Galicia para o ano 2003, precisando o procedemento para a tramitación das solicitudes presentadas, para a súa resolución e, de se-lo caso, pagamento.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da orde é convocar para o ano 2003, as axudas destinadas a prestar apoio técnico ó sector productor de leite para mellora-lo control e a calidade do leite producido e recollido nas explotacións, de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 460/2002, do 24 de maio.

O apoio técnico realizarase a través de programas que teñan por finalidade mellora-lo cumprimento das esixencias establecidas no anexo A do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas na presente orde os productores de leite de vaca que teñan cantidade de referencia asignada na campaña 2003/2004 e cumpran coas obrigas impostas polo réxime de taxa suplementaria, e que participen en programas de mellora das condicións hixiénico-sanitarias da súa explotación e do leite obtido nela, sempre que formen parte dalgunhas das entidades a que se refire o artigo 6º.1.

Artigo 3º.-Programas de mellora da calidade do leite.

1. Os programas terán por obxecto o fomento da mellora da calidade do leite nas explotacións mediante a adecuación de parámetros que incidan nas condi

cións de producción, obtención, almacenamento e transporte do leite, que determinen avances en todos ou nalgún dos seguintes aspectos:

a) Melloras no reconto total de bacterias e células somáticas.

b) Adecuación e limpeza de instalacións e equipos.

c) Mellora das condicións hixiénicas das explotacións.

d) Rutina de muxidura e manipulación do leite.

e) Mellora das condicións sanitarias das ganderías: prevención e control de enfermidades, en especial de mamite.

f) Prevención e control de residuos de medicamentos e hormonais.

g) Melloras nos parámetros mínimos físico-químicos.

h) Establecemento de sistema de manexo e control que permitan reduci-lo risco de que o leite supere os límites legais de calidade hixiénico-sanitaria desde a súa obtención ata a súa descarga nos centros de recollida.

2. Os programas de mellora deberán contar cunha memoria na que se recolla, alomenos, o seguinte:

2A) Identificación do comprador autorizado ou entidade que aplique o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos, de acordo co indicado no anexo II. O programa deberá ser desenvolvido sobre un grupo mínimo de 70 explotacións ou 1.100 vacas.

Cando se trate dunha asociación de compradores presentarase esta información por separado por cada un deles.

2B) Identificación das explotacións que realizarán o programa, de acordo co especificado no anexo X, así como a relación dos compromisos asumidos polos productores segundo o indicado no anexo III. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física ou xurídica dada de alta no LIGAL, farase constar no devandito anexo.

2C) As entidades que realizaron o programa no ano 2002 non terán que achega-lo anexo III daquelas explotacións que continúen no presente ano, debendo achega-las variacións e os compromisos das altas que se produzan.

No caso de explotacións que no ano 2002 realizasen o programa con outra entidade, deberán xunta-lo anexo III, xunto cunha declaración xurada con copia do seu documento nacional de identidade onde exprese a súa vontade de realiza-lo programa coa nova entidade.

2D) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de mellora.

2E) Establecemento dun sistema de control que permita avalia-la eficacia das medidas que consistirá no seguinte:

E.1. Os productores beneficiarios do programa autorizarán o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (LIGAL), ou a outro laboratorio que estea capacitado, como laboratorios responsables dos con

trois analíticos, para que lle faciliten á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os resultados mensuais das análises de calidade do leite das súas explotacións.

E.2. No caso de controis de instalacións de muxidura, estes serán realizados por técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo IV, seguindo, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII.

E.3. No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberán ser realizados por técnicos autorizados pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria ou titulados en FP2, rama frigoristas, e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo V, seguindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX.

E.4. No caso de asesoramento técnico de temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes nel deberán asumi-los compromisos indicados no anexo VI, cubri-lo punto referente á declaración de actividades e as enquisas ou partes de visita a explotacións que reflictan o desenvolvemento do programa.

2F) Se o beneficiario fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.

2G) Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.

2H) Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que será, preferentemente, o LIGAL. A utilización doutro laboratorio necesitará a autorización expresa da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

2I) No caso de establecemento de sistemas de manexo e control que permitan reduci-lo risco de que o leite supere os límites legais de calidade hixiénico-sanitaria desde a súa obtención ata a súa descarga nos centros de recollida, memoria descritiva do sistema que se vai implantar.

3. Os programas de mellora deberán afectar:

a) A tódalas explotacións integrantes, no caso de que o solicitante da axuda sexa unha agrupación das contempladas na letra b) do artigo 2º.a da presente orde, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora.

b) A tódalas explotacións subministradoras, no caso de que o solicitante da axuda sexa algún dos contemplados na letra a) do artigo 2º da presente orde, excepto aquelas explotacións que xa estean incluídas noutro programa de mellora.

Non obstante, poderanse excluír do cumprimento do anterior punto os seguintes casos excepcionais, debidamente xustificados a xuízo da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria:

a) Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante a unha explotación.

b) A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño dunha explotación como consecuencia dunha epizootia oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

c) Calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

Non obstante, será suficiente que as explotacións que integran un programa de mellora acaden, en relación ó volume total de leite do dito programa, o 90% durante o ano 2003. Este requisito verificarase consonte o disposto no último parágrafo do artigo 6º.3.B.

4. Como parte do sistema de control, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural porá á disposición dos beneficiarios as ferramentas informáticas necesarias tanto para a gravación de ficheiros para a solicitude, como o control das explotacións, gravación de revisións e visitas a estas, e que xerará os ficheiros necesarios para a xustificación do programa; para o seu manexo necesítase un ordenador cos seguintes requisitos mínimos:

I. Pentium II -IV, con 64 MB de memoria RAM, alomenos 200 Mb de disco duro baleiro e un sistema gráfico (tarxeta e monitor) que soporte unha resolución mínima de 800 x 600. Así mesmo, co fin de obter certa fluidez no intercambio de datos será preciso dispor dunha conta de correo electrónico, este enderezo deberá incluírse como parte da documentación de solicitude.

Artigo 4º.-Gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables as accións de asesoramento técnico dirixido a todos aqueles factores que incidan na mellora da calidade hixiénica e fisico-química do leite cru, sobre os que se desenvolverán os programas e que deberán contemplar:

a) Ordenación e limpeza de instalacións e equipos

b) Mellora das conduccións hixiénicas das explotacións

c) Sistema de muxidura e manipulación do leite

d) Mellora das condicións sanitarias das ganderías: prevención e control de enfermidades en especial de mamite

e) Prevención e control de residuos de medicamentos e hormonais.

2. Así mesmo, serán subvencionables os investimentos que resulten necesarios para levar a cabo os labores de asesoramento descritos no punto 1 e que inclúan a adquisición dos seguintes bens e servicios:

a) A prestación de asistencias técnicas ás explotacións.

b) Os gastos derivados dos sistemas de revisión e control do funcionamento das instalacións de muxidura e do tanque de refrixeración.

c) A análise para o control de mamite, que incluirán técnicas de diagnóstico, illamento do xerme causante e sensibilidades antibióticas.

d) Gastos de xestión derivados do programa.

e) Formación do persoal técnico que incluirá cursos e conferencias.

f) Divulgación de boas prácticas e novas tecnoloxías ó gandeiro, que incluirá a elaboración de material didáctico como publicacións e folletos e a organización de cursos e conferencias.

3. Quedan expresamente excluídos os investimentos derivados do funcionamento habitual dunha explotación láctea e os medios de transporte.

Artigo 5º.-Importe das axudas.

O importe das axudas concedidas ó abeiro da presente orde non poderán superar, en ningún caso, o 50 por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axudas serán presentadas por:

a) As agrupacións de productores de leite, sempre que tódolos seus socios cumpran coas obrigas sinaladas no artigo 2º.

b) Os compradores autorizados ou as súas asociacións que se comprometan a un pagamento diferencial por parámetros de calidade superiores ós que esixe a normativa vixente, sempre que tódolos seus socios cumpran coas obrigas sinaladas no artigo 2º.

2. As solicitudes presentadas polas entidades a que se refire o punto anterior dirixidas ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural presentaranse, preferentemente, no Rexistro Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural en Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

3. O prazo de presentación das solicitudes será de 40 días habiles a partir da data de publicacion desta orde.

4. Coas solicitudes xuntarase, alomenos, a seguinte documentación:

A. Acreditación da personalidade xurídica do solicitante.

B. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa.

C. Un ficheiro en base de datos, coa estructura indicada no anexo X, co formato facilitado pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

D. Con respecto ó disposto no punto 2 do artigo 3 da presente orde deberase incluír unha relación informatizada da totalidade dos socios ou provedores vinculados á agrupación que conterá, alomenos, o nome do titular e o seu NIF.

E. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

F. Memoria descritiva do programa establecido no artigo 3º.2 da presente orde, indicando a relación de explotacións nas que se aplicará este.

G. Relación dos técnicos que participen na execución do programa e a súa titulación.

H. Fotocopia cotexada do título profesional do técnico, de se-lo caso.

I. Factura proforma dos equipos que se adquiran, de se-lo caso.

J. Relación de gastos derivados das accións de formación, tanto do persoal técnico, como dos productores integrantes do programa.

K. Anexos II, III, IV, V e VI totalmente cubertos.

L. Folla resumo cuberta na súa totalidade, conforme o anexo VII.

M. Compromiso escrito do solicitante de lle comunicar ó director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, os resultados dos controis.

N. No caso de que o solicitante sexa un primeiro comprador, o compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite superiores ós esixidos na normativa vixente.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, segundo os criterios establecidos no punto 3.

2. O prazo máximo para dictar e notifica-la correspondente resolución será de 6 meses, contados a partir do día de entrada en vigor desta orde e, en todo caso, antes do 30 de setembro de 2003. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Os programas avaliaranse en función do número de gandeiros, do volume de leite, a relación entre estes dous criterios e a idoneidade do programa. Dentro destes criterios terán preferencia:

a) Cooperativas de producción láctea: 10 puntos.

b) Primeiros compradores autorizados: 8 puntos.

c) Outras fórmulas xurídicas: 5 puntos.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

1. Os beneficiarios deberanlle comunica-la finalización do programa á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria antes do 1 de maio de 2004, xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización, resultado da avaliación en cada unha das explotacións e a incidencia na mellora da calidade do leite. Así mesmo, deberán remitirse, trimestralmente, xustificantes das accións executadas.

Xunto coa xustificación final do programa achegarase a seguinte documentación:

a) No caso de control de equipos de muxido e equipos refrixerantes, resultados da testaxe de tódalas instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo VIII (control de instalación de muxido) e anexo IX, no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria e os números asig

nados pola devandita dirección xeral ós equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe. Toda esta información recollerase no programa informático de control de instalación de muxidura facilitado pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

b) Enquisas de muxidura e partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico.

c) En canto á información das letras a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presenta-la información gravada. Trimestralmente remitirase o ficheiro informático coas revisións e visitas realizadas así como as explotacións que causen baixa no programa.

d) Relación de explotacións que executaron os programas así como o volume pormenorizado do leite que representan.

e) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens e/ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

f) Copia cotexada das nóminas do persoal contratado para a execución do programa.

2. O pagamento das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000 do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

As accións que se vaian desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxidura e ós labores de asesoramento nas explotacións.

3. Para poder percibi-la axuda, o beneficiario deberá acreditar que se atopa ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débeda ningunha, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Malia o anterior, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

4. Efectuadas as comprobacións oportunas, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria procederá ó pagamento das axudas.

5. A devandita dirección remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, de acordo co artigo 10 del R.D. 460/2002, do 24 de maio, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como un informe global da eficacia e grao de consecución dos obxectivos pretendidos coa aplicación dos programas.

Artigo 9º.-Financiamento.

O financiamento das axudas reguladas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria do orzamento de gastos da Consellería do 09.03.614 A.777.4 na que existe crédito adecuado de catro millóns oitenta e catro mil cincocentos trinta e nove euros (4.084.539 A), que poderá verse incrementada coas achegas doutras administracións

Artigo 10º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Os solicitantes das axudas previstas na presente orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

2. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. O importe total das axudas públicas por beneficiario non superará, en ningún caso, a cantidade de 100.000 euros nun período de 3 anos de acordo co disposto nas directrices comunitarias (2000/C28/02) sobre axudas estatais ó sector agrario.

Artigo 11º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condiciones tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde el pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpo-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Segunda.-Solicitudes de datos pola Administración.

O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo XI desta orde, para os efectos de que a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria poida solicitala por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO