Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 01 de abril de 2003 Páx. 4.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de marzo de 2003 pola que se dictan normas de apoio ós concellos galegos consistentes na cesión en propiedade de vestimenta de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección civil da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

En virtude dos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro, e 23/2003, do 20 de xaneiro, modificouse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, de xeito que a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mantén as competencias sobre protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

Recentemente publicouse a Orde do 19 de setembro de 2001 pola que se dictan as normas para a uniformidade dos voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, desexa que no menor tempo posible tódolos voluntarios de protección civil de Galicia estean uniformidados conforme a normativa vixente, colaborando cos concellos galegos en dotar a todo o persoal voluntario de protección civil da nova vestimenta de protección civil.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vestimenta de protección civil para o voluntariado de protección civil que presta servicios no concello ou mancomunidade de concellos.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, co fin de colaborar cos concellos facilitándolles o exercicio das súas competencias no desenvolvemento das funcións de protección civil, cederalle vestimenta de protección civil, conforme a Orde do 19 de setembro de 2001, con destino ó voluntariado de protección civil do concello que presta os seus servicios na agrupación de voluntarios de protección civil do concello ou mancomunidade de concellos, que estea inscrita no rexistro de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que no concello ou na mancomunidade de concellos se dispoña dunha agrupación de voluntarios de protección civil debidamente rexistrada conforme se establece no Decreto 56/2000.

b) Que o número de voluntarios da agrupación de voluntarios de protección civil do concello ou da mancomunidade de concellos que estean dados de alta no rexistro da Xunta de Galicia, sexa superior a 10 no momento de publicación desta orde.

c) Que durante o último ano 2002, prestase servicios na agrupación de voluntarios de protección civil una media dun mínimo de 10 voluntarios que figuren inscritos legalmente no rexistro da Xunta de Galicia na data de publicación desta orde.

d) A variación do persoal voluntario do ano 2002 o presente ano 2003 non sexa superior ó 40%.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 85.810 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2003.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municiapais do ano 2003 destinados ás funcións de seguridade e protección civil, especialmente os que se destinan á agrupación de voluntarios de protección civil, o servicio municipal de protección civil.

c) Relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-la correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo responsable da agrupación de voluntarios de protección civil do concello ou da mancomunidade de concellos na que faga constar, en relación á agrupación de voluntarios de protección civil:

* Número de voluntarios nos anos 2002 e 2003 (na data de publicación da presente orde).

* Altas e baixas de voluntarios nos anos 2002 e 2003.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita enmenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de protección civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndollo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil, e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que en ningún caso terá dereito a voto.

4. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto 2, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, seguiranse os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

1. Incremento do número de voluntarios na agrupación de voluntarios de protección civil nos dous últimos anos, ata un 15%.

2. Número de habitantes do concello ou da mancomunidade de concellos, ata un 5%.

3. Número de voluntarios con que conta no momento de publicación desta orde, ata un 20%.

4. Riscos potenciais existentes no ámbito territorial do concello, conforme o establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, no Plan de Emerxencias Municipal (Pemu), ata un 5%.

5. Asignación económica anual que percibiu nos anos 2001, 2002 e previsións para o 2003, por parte dos entes locais, ata un 10%.

6. Colaboración da agrupación de voluntarios de protección civil coas autoridades de protección civil da Xunta de Galicia, ata un 15%.

7. Non recibir no ano 2002 subvención por este concepto, ata un 30%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade da vestimenta de protección civil.

2. A notificación ós peticionarios será feita pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes. En todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese vestimenta, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considerase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados a tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1º deste artigo sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, haberá que aterse ó disposto no artigo 96.4º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Patrimonio da Comunidade Autónoma, e será realizado mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se a vestimenta cedida non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local