Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.937

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 18 de marzo de 2003 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para actividades realizadas por escolas de tempo libre e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 11 a estructura básica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, que conta cunha Dirección Xeral de Xuventude á que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude.

Ante a importancia que hoxe adquire a organización de actividades de tempo libre e de utilización do lecer polos mozos, así como a axeitada formación dos responsables e técnicos de actividades de animación sociocultural, debe apoiarse o traballo que realizan as escolas de tempo libre existentes na nosa Comunidade Autónoma, en tanto que centros recoñecidos oficialmente pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado para impartir esa formación específica.

A realización de cursos ordinarios para a obtención dos títulos establecidos oficialmente en materia de tempo libre e animación sociocultural, como aqueloutros máis específicos de perfeccionamento e actualización para as persoas xa tituladas, así como outras actividades formativas nesa materia, é cometido das escolas de tempo libre, entidades que a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, a través da Dirección Xeral de Xuventude, pretende promocionar coa convocatoria das presentes axudas.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 6/2002, do 27 de decembro, pola que se regulan os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta disposición ten por obxecto establece-las bases que rexen as axudas para actividades realizadas, desde o 1 de xaneiro de 2003 por escolas de tempo

libre, sen ánimo de lucro e se procede á súa convocatoria.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Cursos de formación para dirixentes ou responsables de asociacións xuvenís.

b) Cursos de directores e monitores en actividades de tempo libre.

c) Organización e participación en conferencias, xornadas e congresos sobre as temáticas de tempo libre.

d) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan a mocidade.

e) Intercambios técnicos con outras escolas de tempo libre, comunidades autónomas e países estranxeiros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de subvención os programas docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo. Tamén estarán excluídos os gastos derivados do normal funcionamento da escola.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado financiará as ditas subvencións con cargo á partida orzamentaria 1405.355B.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 cunha contía de 67.313 euros, con reflexo orzamentario nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2003.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvención as escolas de tempo libre, sen ánimo de lucro inscritas no rexistro oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG nº 49, do 10 de marzo).

2. Será requisito imprescindible para poder solicita-la subvención ter xustificado debidamente as axudas, recibidas no último ano.

3. Igualmente, para ter acceso ás axudas previstas na presente orde, será obrigatorio que os solicitantes cumpran o previsto nos artigos 64 e 66.1º C do Decreto 50/2000 antes citado.

Artigo 4º.- Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes, co formato do impreso de solicitude (anexo I), serán dirixidas á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, podendo presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do responsable da entidade que subscribe a petición, acreditando a súa lexitimación.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificación dunha conta bancaria aberta pola entidade titular da escola de tempo libre.

d) Breve memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar.

e) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 43 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

4. A Dirección Xeral de Xuventude requirirá a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada ou a falta de documentación, no prazo de dez días. Se así non o fixera se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

1. A contía da axuda concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento total das actividades subvencionadas.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente, ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos proxectos presentados farase tendo en conta os seguintes criterios:

1. Número de cursos ofertados, e de participantes neles.

2. Vocación de formación na xestión de proxectos e económica das asociacións, favorecendo a repartición de responsabilidades entre os seus membros.

3. Continuidade na realización de conferencias ou intercambios que xeren unha rede de colaboración, no ámbito do tempo libre.

4. Actividades que promovan a participación social da mocidade, así como nas que a finalidade formativa, cultural ou de integración social primen sobre os simplemente recreativos.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. Posteriormente a directora xeral de Xuventude elaborará unha proposta de resolución, correspondendo dicta-la resolución á conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2. A resolución da solicitude de subvención seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía admi

nistrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictara no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, se o acto fora expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades, e de comproba-la súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

4. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

1. Unha vez notificada a resolución da concesión da subvención procederase á xustificación e pagamento na forma en que se indica a continuación.

2. A xustificación das axudas efectuarase ata o día 15 de outubro de 2003 mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas ou autenticadas, de conformidade coa normativa vixente, que ademais irán recollidas nunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se achegen e que figuren na relación, especificando cada un deles a actividade realizada, data da súa execución, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

Ademais, deberase presentar unha breve memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención, vinculando cada factura á actividade subvencionada e efectivamente realizada.

Igualmente, deberá presentarse no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8º, poderase proceder ó pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

2. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado só aboará a parte proporcional do gasto de adicado ó fin subvencionable, sen prexuízo do que proceda de conformidade co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados:

1. A non modificar, sen autorización expresa da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, o programa de actividades inicialmente aprobado.

2. A facilitar á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado a realización das comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación, sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración da Xunta de Galicia.

3. A facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade obxecto da axuda, que recibiu subvención da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, Dirección Xeral de Xuventude, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Estar sometido ás actuacións de comprobación que efectuará a Dirección Xeral de Xuventude e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Control e reintegro da subvención.

Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario en redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención.

Disposicions adicionais

Primeira.-No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado