Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 31 de marzo de 2003 Páx. 3.914

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

DECRETO 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración.

Publicado o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, na que se integra a Consellería de Emigración, e establecidos os seus departamentos polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, procede determina-la estructura orgánica desta consellería, atendendo ós principios de economía e eficacia.

O feito histórico da emigración galega configurou comunidades no exterior que teñen o recoñecemento estatutario de cara a comparti-la vida social e cultural de Galicia. A proxección internacional da nosa identidade a través destes colectivos humanos, así como o especial fincapé na atención e asistencia social a estes, particularmente nas áreas que sofren agudas crises económicas, aconsellan unha estructuración administrativa capaz de atender a unha realidade cada vez máis complexa.

Por outra banda, a globalización presenta o fenómeno inmigratorio como un proceso natural de confluencia de culturas, etnias e relixións.

En Galicia estase a rexistrar, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, un notable incremento dos movementos inmigratorios, xa que nos últimos cinco anos máis de oitenta e dous mil inmigrantes chegaron á nosa Comunidade Autónoma, amosándose así unha realidade que se debe contemplar como acción de goberno. A política inmigratoria terá en conta os dous tipos de inmigrantes que chegan ó noso país: os españois e os estranxeiros.

Finalmente, pese a atender colectivos que por definición se encontran repartidos nas catro provincias galegas, renúnciase a unidades provinciais específicas para acadar unha dimensión suficiente nos servicios centrais consonte criterios de economía e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emigración, co informe previo das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das súas atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política inmigratoria nacional e estranxeira en Galicia.

Artigo 2º

A Consellería de Emigración desempeñará as funcións da súa competencia a través dos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Emigración.

IV. A Dirección Xeral de Apoio á Inmigración.

I. O conselleiro

Artigo 3º

O conselleiro é a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría Xeral

Artigo 4º

Un.-A Secretaría Xeral exercerá as funcións sinaladas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, ademais das que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

Dous.-Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, que exercerá as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa ó secretario xeral en tódolos asuntos que este lle encomende.

b) A xestión de tódolos asuntos relacionados co persoal da consellería, sen prexuízo das atribucións que lles correspondan ós órganos competentes das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda.

c) A coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control.

d) A organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros existentes na consellería.

e) A contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A coordinación das publicacións da consellería.

g) A coordinación da formación de estatísticas, estudios e investigacións acerca das competencias da consellería, sen prexuízo das que ten asumidas o Instituto Galego de Estatística.

h) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servicios da consellería, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos dela.

i) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da consellería, sen prexuízo das competencias que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten atribuídas nesta materia.

j) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ó Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

k) O desempeño das funcións de índole administrativa que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións sobre as que exerza o protectorado.

l) Tódolos aspectos relacionados co réxime interno da consellería.

m) A organización do arquivo da consellería.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior.

Son funcións deste servicio:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento.

b) A xestión e seguimento da execución orzamentaria.

c) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ó capítulo I.

d) O rexistro xeral da consellería.

e) O arquivo.

f) O réxime interior.

1.2. Servicio Técnico Xurídico, Contratación e de Persoal.

Son funcións deste servicio:

a) Estudia-los proxectos de disposicións que vaia promulga-la consellería adaptándoos ás prescricións do ordenamento xurídico cando así se lle encomende.

b) Elabora-las propostas de resolución dos recursos administrativos que debe resolve-lo conselleiro.

c) O estudio das disposicións de carácter xeral que deban someterse á Comisión de Secretarios Xerais e que sexan encargadas polo secretario xeral.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

e) As funcións relativas ó exercicio do protectorado en relación con aquelas fundacións que se atopen baixo a tutela da Consellería de Emigración.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

g) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ó persoal funcionario e laboral dependente da consellería.

h) A habilitación de pagamentos relativos ó capítulo I.

i) Programa-las necesidades de persoal da consellería.

j) O control de asistencia e puntualidade.

k) Aqueloutras actividades relativas ó persoal da consellería que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o secretario xeral.

2. Dependendo organicamente da secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

2.1. Intervención Delegada.

2.2. Asesoría Xurídica.

III. Dirección Xeral de Emigración

Artigo 5º

Un.-A Dirección Xeral de Emigración é o centro directivo encargado de executa-la política da Xunta de Galicia sobre comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Para tal fin exercerá as seguintes competencias:

a) As actuacións nas materias derivadas da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

b) As relacións da Xunta de Galicia coas comunidades galegas asentadas fóra do territorio da Comunidade Autónoma.

c) A preparación e, se é o caso, sinatura e seguimento da execución dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións e que, en relación cos galegos residentes no exterior, teñan por obxecto a consecución de actividades de tipo social, educativo, formativo e cultural que dado o caso procedan.

d) O fomento para a creación, a coordinación e a participación nas principais cidades do exterior nas que así o aconselle o apreciable volume de residentes galegos, de unidades de asesoramento nos centros galegos existentes ou que se creen.

Dous.-Para o exercicio das súas funcións e competencias a Dirección Xeral de Emigración estructúrase do seguinte xeito:

1. A Subdirección Xeral de Programas Sociais, á que lle corresponderá a asistencia ó director xeral en materia de política social a prol dos emigrantes incluídos os aspectos formativos e culturais, así como a elaboración de programas sociais e a coordinación e dirección dos servicios que dela dependan.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Atención Social ós Emigrantes.

Son funcións deste servicio:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación de asistencia social tendentes á mellora da calidade de vida dos galegos residentes fóra de Galicia.

b) A preparación, coordinación e seguimento dos programas de axudas ós galegos residentes no exterior.

c) Regula-los criterios de avaliación socioeconómica necesarios para realiza-lo diagnóstico sobre os estados de necesidade dos nosos maiores residentes no exterior solicitantes de axuda.

d) Prestar información e asesoramento ós emigrantes galegos sobre as cuestións formuladas, tanto de carácter social como sobre a actualidade de Galicia.

e) O estudio, tramitación e seguimento de programas que permitan a mobilidade xeográfica entre os lugares de residencia dos galegos do exterior e Galicia.

f) A preparación, coordinación e seguimento de programas de colaboración asistencial e social coas residencias da terceira idade sitas no estranxeiro nas que exista presencia de anciáns galegos.

g) A proposta e seguimento de medidas para a promoción social dos emigrantes e das súas familias.

h) A elaboración de toda clase de estudios e informes relacionados coa situación dos galegos residentes no exterior que sexan solicitados pola dirección xeral.

i) Información xeral das prestacións que poidan afecta-los emigrantes, así como dos dereitos dos que poidan ser potenciais beneficiarios.

1.2. Servicio de Acción Formativa e Cultural.

Son funcións deste servicio:

a) A confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

b) Elaboración e xestión de programas para a formación profesional, empresarial e ocupacional dos galegos no exterior, nos propios países en que residen.

c) Promoción e desenvolvemento das actividades culturais, de acción solidaria e tempo libre dirixidas á xuventude das comunidades galegas do exterior, así como o fomento da participación destes mozos nos programas e servicios que a favor da xuventude organiza a Xunta de Galicia.

d) A elaboración e xestión de programas de promoción e integración da xuventude na actividade sociocultural e xerencial das comunidades galegas.

e) A programación de cursos, seminarios e actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura así como o coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

f) A proposta de iniciativas de participación en traballos, conferencias e simposios de interese, así como a selección de relatorios e a realización das xestións necesarias para tales actos.

g) Elaboración de programas orientados á conservación dos fondos patrimoniais, documentais e bibliográficos das comunidades galegas no exterior.

h) Elaboración de estudios, informes e xestión de programas que lle sexan encomendados polo director xeral.

2. A Subdirección Xeral de Comunidades Galegas, á que lle corresponderá a asistencia ó director xeral nas súas relacións institucionais coas comunidades galegas, os procesos de reordenación destas e o recoñecemento da galeguidade, así como o seguimento dos expedientes de gasto relativos ás axudas que derivan dos programas sociais e culturais e asesoramento técnico na elaboración e xestión de bases de datos da dirección xeral.

Contará coa seguinte unidade:

2.1. Servicio de Rexistro de Comunidades Galegas e tramitación de axudas.

Son funcións deste servicio:

a) A xestión administrativa das axudas ou subvencións para programas destinados a entidades galegas que presten determinados servicios asistenciais e residenciais así como para aqueles plans de contido estructural, funcional e de equipamento dos centros galegos no exterior.

b) A xestión administrativa dos programas da consellería en forma de axudas e subvencións, nas áreas formativas e culturais e aquelas dedicadas ós mozos descendentes dos galegos no exterior.

c) Xestión do rexistro de comunidades galegas e nesta materia, segundo o previsto, tramitación dos expedientes de recoñecemento de galeguidade, de altas, baixas ou modificacións.

d) Preparación de convenios e concertos coas entidades galegas no exterior.

e) Planificación e xestión das bases de datos relacionais correspondentes a programas de actuación da dirección xeral.

f) A coordinación das actividades que presten as unidades de asesoramento nos centros galegos, coa actualización de procedementos e novas tecnoloxías, nos termos nos que se recoñece no artigo 3.1º da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

g) Asesoramento, apoio técnico e coordinación da Mesa Galega da Emigración, do Consello de Comunidades Galegas e outros órganos de consulta e asesoramento das institucións da comunidade autónoma de acordo co previsto no capítulo II da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

IV. Dirección Xeral de Apoio á Inmigración

Artigo 6º

Un.-A Dirección Xeral de Apoio á Inmigración é o centro directivo encargado de executa-la política autonómica en materia de inmigración nacional e estranxeira en Galicia. Para tal fin exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, planificación e execución dos programas de atención ós inmigrantes.

b) A xestión das liñas de axudas e subvencións de apoio ós inmigrantes.

c) A determinación das bases e criterios da política en materia de integración social e laboral dos inmigrantes e a súa coordinación.

d) A coordinación e colaboración con outras administracións públicas para a realización e posta en marcha de proxectos e actuacións dirixidos á integración dos inmigrantes.

e) Apoio á ordenación da chegada dos inmigrantes desde os seus países de orixe.

f) Colaboración no deseño dos continxentes anuais de inmigrantes solicitados polos axentes económicos.

g) Promove-la participación de tódolos axentes sociais nas actuacións que se van realizar e, en particular, a creación de órganos de consulta e asesoramento nos que estarían representadas as administracións públicas e as diferentes entidades e axentes sociais implicados coa inmigración.

h) Promove-la sensibilización social a favor da colectividade inmigrante na procura dunha convivencia multicultural e a favor da tolerancia e, en particular, na loita contra a xenofobia.

i) A representación e participación nos órganos e foros relacionados coa inmigración.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Apoio á Inmigración, estructúrase do seguinte xeito:

1. A Subdirección Xeral de Apoio á Inmigración, á que lle corresponde a asistencia ó director xeral nas súas competencias en materia de inmigración, así como a coordinación e dirección dos servicios dela dependentes. En particular, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A elaboración das disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política inmigratoria na Comunidade Autónoma.

b) A preparación dos convenios e outros instrumentos de colaboración coas administracións públicas e entidades sociais en materia de inmigración.

c) A posta en marcha de programas e campañas de sensibilización social en prol da convivencia intercultural e en contra da xenofobia.

d) A elaboración de estudios, informes e propostas de actuación derivados da participación da Dirección Xeral de Apoio á Inmigración nos órganos e foros relacionados coa inmigración.

e) Determina-las tendencias do conxunto dos fluxos migratorios que afectan a Galicia e a elaboración de calquera tipo de estatística neste eido, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

f) A coordinación cos órganos das administracións estatal e local con competencias en materia de inmigración.

g) O fomento da coordinación interdepartamental das actuacións en materia de inmigración na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A emisión de informes que, sobre inmigración, estean previstos nas normativas sectoriais.

i) Estudio da problemática na que se desenvolven no seu país de orixe os inmigrantes.

Estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Atención e Orientación ós Inmigrantes.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) O artellamento e xestión das estructuras de atención e orientación dos inmigrantes.

b) Información xeral e asesoramento sobre as posibles prestacións que puidesen afecta-los inmigrantes, así como daqueles que poidan ser potenciais beneficiarios.

c) Establecer cos axentes sociais mecanismos de información que difundan unha visión positiva do fenómeno inmigratorio.

d) Coordinación dos puntos de información ós inmigrantes das diferentes administracións e entidades colaboradoras.

e) Apoio á creación e mantemento dun movemento asociativo inmigratorio que lle facilite a infraestructura básica para o desenvolvemento das súas actuacións.

f) Potenciación do papel das organizacións non gobernamentais na elaboración de programas de apoio ós inmigrantes.

g) Potenciar plans formativos de profesionais das administracións públicas relacionados coa inmigración, así como promove-la acción coordinada baseada en protocolos comúns e criterios de intervención pactados.

h) Apoio á ordenación da chegada dos inmigrantes desde os seus países de orixe.

i) Colaboración no deseño dos continxentes anuais de inmigrantes solicitados polos axentes económicos.

1.2. Servicio de Acollida Básica e Axudas.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) Xestión da rede de Acollida Básica do Inmigrante.

b) Apoio e axudas ós axentes sociais para desenvolver programas de información, orientación e asesoramento sociolaboral que garantan a non discriminación dos inmigrantes.

c) Axudas para desenvolver programas de formación e busca de emprego promovidos por entidades colaboradoras especializadas na atención a inmigrantes e por corporacións locais.

d) Promove-la creación dunha rede de emerxencia con carácter temporal e transitorio, que lles facilite ós inmigrantes en situación de vulnerabilidade a cobertura das súas necesidades básicas.

e) A intermediación para facilita-lo acceso á vivenda, educación e asistencia sanitaria básica.

f) A xestión de liñas de axudas e subvencións que se establezan en favor dos inmigrantes co fin de procurar garanti-los seus dereitos básicos na súa chegada á nosa comunidade autónoma.

g) Apoio á formación de profesionais de entidades colaboradoras que traballen co colectivo de inmigrantes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Emigración para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA