Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 10 de marzo de 2003 pola que se anuncian medidas de apoio á policía local de Galicia, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei das Cortes Xerais 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei de Galicia 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que o concello exercerá competencias, entre outras materias, na seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei de Galicia 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Preténdese, por medio desta orde, dar cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar

medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións, nos concellos da Comunidade Autónoma Galega que conten cos servicios de policía local.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local contribuirá ó equipamento dos concellos de Galicia, co fin de aumenta-la eficacia dos servicios de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, anuncia, en réxime de concorrencia competitiva, medidas de apoio consistentes na cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados ós concellos que conten cos devanditos servicios, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os vehículos, obxecto de cesión desta orde, poderán ser de dous tipos: vehículos tipo turismo e motocicletas; todos eles irán adaptados e rotulados para as funcións propias dos corpos de policía local de Galicia, segundo o disposto no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las cesións a que se refire esta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con servicios de policía local, entendida nos termos previstos no artigo 2 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

b) Que teñan menos de 30.000 habitantes, circunstancia que acreditarán de acordo co establecido no artigo 4º desta orde.

c) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada á materia de policía local.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de cento oitenta mil trescentos catro euros (180.304 A), con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.624.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia, coa seguinte porcentaxe: o 85% a turismos e o 15% a motocicletas.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da corporación adoptado polo órgano competente relativa ó acordo de solicitude da cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta ó alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións establecidas nesta orde.

2.2. Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a existencia dun corpo de policía local e/ou axentes auxiliares propios do concello que teñan como función a prestación de servicios de seguridade.

2.3. Certificación do secretario xeral do concello, co visto e prace do alcalde, na que se faga consta-la poboación de dereito que figura no padrón de habitantes do concello a data do 31 de decembro de 2002; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 2º desta orde.

2.4. Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta a policía local na actualidade.

2.5. Memoria sobre o cadro de persoal da policía local, actualizada ata a data de publicación desta orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

2.6. Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes consignados nos orzamentos municipais do ano 2003 destinados ó funcionamento da policía local e, por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

2.7. Relación das funcións que exerce a Policía local nese concello.

2.8. Tipo de vehículo, dos relacionados no artigo 1º desta orde, acompañado dunha memoria xustificativa da necesidade dese tipo de vehículo en concreto. No caso de solicitar máis dun tipo de vehículo deberase establecer unha prioridade entre eles.

2.9. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa estivese en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se tivese producido desde o momento en que foron presentadas variación que afectase ó seu contido ou á súa vixencia, non será necesario entregalas novamente sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, estime oportuna.

4. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Administración local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá mediante orde que se publicará no DOG, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día

seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria, a cantidade resultante de aplica-lo 20% ó importe unitario de licitación dos vehículos (turismos e motocicletas) no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte ós gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia ).

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior e face-lo ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e sen que se presente o xustificante do depósito a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición (20%).

b) Recursos humanos con que conta a policía local do concello solicitante (postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal (20%).

c) Recursos materiais con que conta a policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante (20%).

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos correntes vinculados á policía local do concello interesado (20%).

e) Se os concellos solicitantes foron beneficiarios de cesións en anteriores convocatorias destas medidas de apoio ás policías locais de Galicia (20%).

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, segundo establece o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen calquera das condicións de cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva emparellada a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 6º.3 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, aplicarase o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local