Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 26 de marzo de 2003 Páx. 3.743

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 15 de xaneiro de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, relativo á iniciación do procedemento de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Costa, a favor dos veciños de Santián, no concello de Maside (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, en sesión celebrada con data do 23 de abril de 2002, inicia-lo expediente de clasificación como veciñal en man común a favor dos veciños de Santián, do monte denominado A Costa, no concello de Maside e coas características que de seguido se relacionan, nomeándose instructores do expediente a Belén Bris Marino e Miriam Areal López.

Publícase de acordo co establecido no artigo 23.2º do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, (DOG nº 186, do 23 de setembro), polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Concello: Maside (Ourense).

Denominación do monte: A Costa.

Comunidade propietaria: Santián (parroquia de Amarante)

Superficie: 74.000 m, aproximadamente.

Estremas.

Norte: estrada local do Carballiño ó Trevoedo e cerrume cun valado de pedra que pecha coa propiedade particular de Avelino González Torres, Carmen López Rodríguez, José Álvarez Latón, Teresa Varela Pérez, Julio González, Delia Salgado Fernández e Luisa Rodríguez Rodríguez

Sur: cerrume cun valado de pedra que pecha coa propiedade particular de Manuel Cabo Campo; gabia

e marcos que separan este monte co comunal de Montegrande

Leste: gabia, valados de pedra e marcos que delimitan coas propiedades privadas de Ángel Varela, Jesús Campos, José Álvarez Campos, José Benito Rodríguez, Celso Varela e Avelino Álvarez Campos

Oeste: cerrume cun valado de pedra que pecha coas propiedades particulares de Ernesto Presas Rodríguez, José Ramón Álvarez Fernández, Antonio López Fernández, Elena Nogueira Crespo, Josefina Salgado Fernández.

Descrición perimetral:

Esta descrición iníciase no punto máis ó norte do monte, o cal se sitúa na estrada local do Carballiño ó Trevoedo nun camiño abandonado, e segue cara ó sur ata a pista que sae da antedita estrada, pista que se dirixe polo interior do monte ó lugar de Montegrande; neste punto de cruzamento de camiño e pista aparece un valado de pedra que delimita o monte con particulares.

Pegado á pista continúa o perímetro, cercado ademais cun valado de pedra que delimita o monte con máis particulares, ata un marco que delimita os concellos de Maside e do Carballiño. A partir deste marco a pista vai cara ó interior do monte e o valado continúa en dirección oeste delimitando sempre o monte con particulares, torcendo o valado cara ó sur pouco despois, baixando ata o cruzamento cun camiño interior que se dirixe ó Torrón. Logo deste camiño volve continua-lo valado, observando certas descontinuidades nel, ata chegar ata outro camiño para acceso a predios particulares. O valado continúa ata o punto máis ó sur do monte onde delimita con particulares e co comunal dos veciños de Montegrande.

Desde este punto máis ó sur do monte seguindo cara a parte empeza unha gabia que delimita ó monte co comunal dos veciños de Montegrande, estando interrompida pola pista que se dirixe a Montegrande. A gabia continúa en liña recta ata unha rocha na que aparecen escritas as letras P e A, antigo marco de separación entre as parroquias de Partovia e Amarante. Esta gabia segue ata un marco (fito de pedra) que volve separa-las citadas parroquias. Ata este último marco o monte linda co comunal de Montegrande, delimitado pola gabia.

A partir deste punto o monte linda con particulares, estando delimitado novamente por valados e gabias conxuntamente. Seguindo en dirección norte, aparecen pequenos marcos de separación cos particulares, ata chegar preto da estrada onde aparece un pequeño valado, máis ou menos continua, para baixar xa ata a estrada local do inicio do Carballiño ó Trevoedo, deixando ó leste predios particulares.

Desde este punto seguimo-la estrada local ata chegar ó inicio desta descrición perimetral, quedando así completada esta.

Iníciase a apertura do período dun mes para a práctica de alegacións a partir do día seguinte da publicación do edicto no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 15 de xaneiro de 2003.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense