Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 24 de marzo de 2003 Páx. 3.584

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2003, da Secretaría Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo no Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), entre funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional e no exercicio da competencia atribuída polo artigo 13 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, de función pública de Galicia, e a Orde do 12 de febreiro de 2003 sobre delegación de competencias, esta secretaría xeral

DISPÓN:

Publica-las bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, do posto de vicesecretario/a do Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), que se acompañan como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

P.D. (Orde 12-2-2003)

Manuel Eduardo Martínez Oubiña

Secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior

e Administración Local

ANEXO

Corporación: Concello de Santiago de Compostela.

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela, en sesión realizada o día 28 de novembro de 2002, acordou aproba-la convocatoria, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de vicesecretario/a do Concello de Santiago de Compostela, de conformidade coas seguintes bases:

Obxecto:

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria para cubrir polo sistema de libre designación, establecido no artigo 99.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de acordo co previsto no Real decreto 1732/1994,

posto de vicesecretario/a do Concello de Santiago de Compostela, reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Corporación:

Concello de Santiago de Compostela.

Denominación e clase do posto:

Vicesecretario, reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencentes á subescala de secretaría, categoría superior.

Características do posto:

-O posto que se vai cubrir está incluído na relación de postos de traballo segundo modificación aprobada polo Pleno da Corporación en sesión do 28 de novembro de 2002.

-O complemento de destino asignado ó posto é o correspondente ó nivel 30, e o seu sistema de provisión o de libre designación.

-O complemento específico anual fixado para o posto, e referido ó ano 2003 é o que segue: 22.618,8 A.

Requisitos para o seu desempeño:

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeña-lo posto, no caso de ser nomeados:

-Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior.

-Acredita-lo coñecemento do idioma galego, nivel de perfeccionamento, mediante a presentación da certificación correspondente, expedido pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ou certificado oficial de convalidación.

Solicitudes:

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía dentro do prazo dos quince días seguintes ó da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, segundo o disposto no artigo 28 do R.D. 1732/1994, debendo indicarse nestas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 70.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o número de rexistro persoal, a situación administrativa na que se atope o/a solicitante e o seu destino, e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para o desempeño do posto sinalado na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu currículum vitae, no que constarán os títulos académicos, os anos de servicio, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudios e cursos realizados e outros méritos que estimen oportuno poñer de manifesto, coa correspondente acreditación documental.

Nomeamento:

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a alcadía, no prazo dun mes, procederá, de se-lo caso, e trala constatación dos requisitos esixidos nestas bases, a dicta-la resolución correspondente, que deberá ser motivada e da que dará conta ó Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para as Administracións Públicas, para anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

Toma de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos no artigo 23 do Real decreto 1732/1994, para os funcionarios con habilitación nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Impugnación:

Contra esta convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a alcaldía do concello, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.