A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía creouse polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, órganos e entes da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de sistemas de información xeográfica e cartográfica.
A comisión adscribiuse á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública a través da Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.
A recente reestructuración da Xunta de Galicia a través dos decretos 22 e 23/2003, ámbolos dous do 20 de xaneiro, que trouxo consigo a desaparición da devandita secretaría xeral, implica a necesidade de adapta-la adscrición da comisión á nova estructura departamental, estimando que aquel órgano de coordinación se debe adscribir á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, dada a vinculación coas competencias que este departamento ten atribuídas.
En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de febreiro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modificación do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.
1. O artigo 2º queda redactado da seguinte forma:
«Artigo 2º.-Adscrición.
A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará adscrita á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a través da Dirección Xeral de Urbanismo».
2. Os parágrafos 2 e 3 do artigo 4º quedan redactados da seguinte maneira:
«1. Presidente: o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.
2. Vicepresidente: o director xeral de Urbanismo».
3. O punto 1 do artigo 6º queda redactado da seguinte forma:
«1. A secretaría da comisión será desempeñada por quen designe o presidente da comisión entre o persoal que presta servicios na Dirección Xeral de Urbanismo».
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas normas complementarias fosen precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintesete de febreiro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Alberto Núñez Feijóo
Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas
e Vivenda
CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA