Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Mércores, 19 de marzo de 2003 Páx. 3.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Editorial Compostela, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Editorial Compostela, S.A., que se suscribiu con data do 25 de novembro de 2002, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a dirección xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2002.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de Editorial Compostela, S.A.

Anos 2002-2003

Capítulo I

Disposicións preliminares

Sección primeira

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio é de aplicación en tódolos centros de traballo de Editorial Compostela, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia deste convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e persoal.

Este convenio é de obrigatoria aplicación a todo o persoal da empresa Editorial Compostela, S.A.

Sección segunda

Vixencia e prórroga

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2002, e terá efectos plenos desde esa data. A súa duración será de dous anos, con vencemento o 31 de decembro de 2003.

Artigo 4º.-Prórroga.

Este convenio, agás no establecido nos artigos 8º e 31º, establécese por un período de dous anos. Transcorrido o dito prazo, os seus efectos quedarán totalmente extinguidos.

Sección terceira

Organización do traballo, peche do xornal

e concorrencia

Artigo 5º.-Organización do traballo.

Na organización do traballo, que é competencia exclusiva da empresa, teranse en conta os informes da representación legal dos traballadores. Cando non se chegue a un acordo entre as partes, as modificacións pretendidas deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Terán a consideración de modificacións substanciais do traballo as que afecten as seguintes materias:

-Xornada de traballo.

-Horario.

-Réxime de traballo.

-Sistema de remuneración.

-Sistema de traballo a rendemento.

Artigo 6º.-Peche do xornal.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial en toda empresa xornalística facerlles chegar ós seus lectores os seus productos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia para a organización dos seus ciclos de producción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do xornal e comezo da tirada da primeira edición será o fixado pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa segundo as necesidades, en atención ós obxectivos expostos. O comezo das restantes edicións levarase a cabo sen outras interrupcións, respecto da fin de tirada da precedente, que as normais orixinadas polo cambio de pranchas da rotativa.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos ó seu cargo, e establecerán entre si os contactos que consideren necesarios para tal fin, sendo responsables dos atrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou por non exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Artigo 7º.-Concorrencia.

Os métodos de producción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa, son datos exclusivos desta, que non deben ser citados ou divulgados a terceiros. Xa que logo, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os empregados

non poderán colaborar con outros medios, axencias ou empresas que teñan actividades concorrentes ou competitivas coas propias de Editorial Compostela, S.A., de non mediar autorización escrita desta. Non obstante, respectaranse nas súas mesmas condicións os acordos verbais existentes con anterioridade á sinatura deste convenio.

Capítulo II

Melloras de carácter salarial

Sección primeira

O salario base

Artigo 8º.-Retribucións.

Os salarios base do persoal afectado por este convenio son os que se reflicten na táboa do anexo I.

Páctase expresamente un incremento salarial do 3%, para os dous anos, que se repartirá de forma lineal entre tódolos traballadores. No exercicio de 2002, queda establecido na cantidade de 37,48 A por traballador a xornada completa/mes, importe que se incrementará no epígrafe de complemento de convenio.

Seccion segunda

Os complementos persoais

Artigo 9º.-Complemento de distancia e transporte urbano.

Como complemento persoal mantense o complemento denominado complemento de distancia e de transporte urbano, consistente nunha cantidade lineal mínima de 7,63 A/mes para o persoal que realice media xornada. Para o persoal que realice xornada completa, consistirá nunha cantidade lineal mínima de 15,25 A/mes. Este complemento terá carácter de inabsorbible, e estará exceptuado de cotización á Seguridade Social, ó abeiro do disposto na letra a) do artigo 73 da vixente lei reguladora deste, e non se inclúe para o cómputo de horas extraordinarias. Para efectos de pagas extraordinarias, só se computarán as cantidades de 15,25 e 7,63 A.

Non percibirá as melloras económicas deste artigo que lle puidesen corresponder na liquidación, o empregado que cause baixa voluntaria na empresa sen llo notificar, polo menos, con 8 días de antelación.

Artigo 10º.-Complemento de antigüidade.

Por este concepto percibiranse aumentos nos haberes por ano de servicio na empresa, excluído o período de aspirantado, aprendizaxe e mozo dos recados, consistentes en dous trienios do 5% e quinquenios sucesivos do 5%, calculado sobre o salario base correspondente a cada categoría, sen que en ningún caso se poidan excede-los límites establecidos no artigo 25 do Estatuto dos traballadores. Estes incrementos comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel no que se produza o feito.

Artigo 11º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que de mutuo acordo coa empresa, pactado por escrito, se xubilen antes da idade regulamentaria (65 anos), negociarán con ela calquera tipo de compensación económica que individualmente resulte do pacto entre ámbalas partes. Este pacto deberá ser recollido por escrito.

Artigo 12º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se atope en situación de baixa por ILT será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa, a partir do primeiro día desta, cunha cantidade que, sumada á prestación da Seguridade Social polo dito concepto, alcance o 100% do seu salario mensual fixo e continuo.

Artigo 13º.-Títulos.

Os xornalistas percibirán unha asignación mensual de 48,25 A, denominada complemento de artigo 48º.

Artigo 14º.-Complemento de libre disposición.

O soldo base dos subdirectores, redactores-xefe, xefes de sección e redactores que presten servicios en réxime de libre disposición, incrementarase nun 35%, como mínimo, do sinalado na táboa.

Sección terceira

Os complementos de posto de traballo

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

Considérase traballo nocturno o que se realiza entre as 22 e as 6 horas. O traballo comprendido neste período retribuirase cun incremento do salario base correspondente á xornada completa, equivalente ó 25% del, cando polo menos 4 horas se efectúen en tal período, sendo para os inferiores a esta duración retribuído a pro rata do salario base diario.

Artigo 16º.-Complemento de rúa.

Os redactores que en cómputo mensual desenvolven polo menos a metade da súa xornada nas tarefas profesioanis denominadas de rúa, percibirán por tal concepto un complemento de 36,25 A mensuais, que se rateará na proporción correspondente, para aqueles cunha duración inferior nas ditas funcións. Este complemento non é computable para efectos de pagas e horas extraordinarias e non se percibirá en caso de enfermidade, accidente ou xubilación.

Artigo 17º.-Complemento de reparto penoso.

Tódalas persoas pertencentes á sección de reparto recibirán unha cantidade lineal de 22 A mensuais, en concepto de reparto penoso.

Artigo 18º.-Complementos.

Dentro deste punto irán incluídos os distintos incentivos á producción de carácter mensual e variable que en cada momento se establezan. Este complemento non intervirá para efectos de cómputo de pagas extraordinarias.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Dadas as especiais características da producción da industria de prensa, poderán realizarse horas extraordinarias durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá.

Sección cuarta

Os complementos de vencemento periódico

superior a un mes

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán 4 gratificacións extraordinarias ó ano, nas datas e contías seguintes:

-15 de marzo: retribuirase de acordo co establecido no artigo 65 da ordenanza laboral do traballo na prensa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

-15 de xullo: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento, segundo o disposto no último punto deste artigo.

-15 de outubro: o importe será equivalente a unha paga extra normal, co límite máximo de 722 A (setecentos vintedous A) para o ano 2002. Para aqueles traballadores cunha xornada de traballo inferior á normal, aplicarase a parte proporcional do dito límite.

-15 de decembro: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

O traballador que ingrese ou cese no transcurso do ano percibirá a parte proporcional que corresponde ó tempo da súa permanencia na empresa en cómputo anual.

Para efectos de confección das pagas do 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro, só se computarán os seguintes conceptos: salario base, antigüidade, nocturnidade, títulos, complemento de libre disposición e complemento de transporte, na contía de 7,63 A (persoal a media xornada) ou de 15,25 A (persoal a xornada completa).

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 21º.-Premio de permanencia.

Tódolos traballadores percibirán por este concepto unha paga equivalente ó salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio. Percibirase ó cumpri-los 20, 30, 40 e 50 anos de permanencia ininterrompida na empresa. O importe deste premio calcularase conforme o disposto no último punto do artigo 20º.

Artigo 22º.-Premio de natalidade.

Establécese un premio de natalidade na contía de 150 A por cada fillo, debendo acreditarse tal circunstancia ante a empresa. No suposto de que

o pai e a nai do nacido traballasen nesta empresa, ambos terán dereito a este premio.

Artigo 23º.-Premio de nupcialidade.

Durante a vixencia deste convenio, os traballadores que contraian matrimonio percibirán por este concepto a cantidade de 270 A, logo de xustificación documentada.

Artigo 24º.-Premio de xubilación.

O traballador que estea ó servicio da empresa e se xubile con dereito a prestación económica por tal concepto da Seguridade Social, percibirá en concepto de premio e por unha soa vez, a cantidade equivalente ó salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio, que se lle fará efectiva de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 25º.-Póliza de seguros.

A empresa contratará unha póliza de seguro colectivo de accidente para lles garantir un capital para o caso de morte ou invalidez absoluta a cada un dos compoñentes do colectivo asegurado, sempre que pertenzan ó cadro de persoal da empresa en activo, e os riscos sexan ou fosen en cada caso aceptados pola compañía de seguros. Esta póliza entrará en vigor ós cinco días da sinatura deste convenio.

Os capitais asegurados son os seguintes:

-4.507,59 A, en caso de morte natural e invalidez absoluta por causa natural.

-9.015,18 A en caso de morte por accidente e invalidez absoluta por accidente.

Para estes efectos, enténdese por invalidez absoluta a situación física irreversible provocada por causas naturais e accidentes orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante da total ineptitude deste para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

Capítulo IV

Outras percepcións

Artigo 26º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Os traballadores que, dentro do territorio nacional e por necesidades da empresa, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a localidades distintas a aquelas nas que está situado o seu centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

-Media axuda de custo: 26,14 A/día.

-Axuda de custo completa: 52,29 A/día (se non se pernoita).

Se se pernoita fóra da casa, a empresa cubrirá os gastos de estadía nun hotel de 3 estrelas, logo de exhibi-la correspondente factura.

No suposto de que o traballador, por razóns do seu cometido profesional, deba desprazarse fóra do territorio nacional, as axudas de custo satisfaranse

a razón dos gastos que se lle orixinen, de acordo cos criterios establecidos pola empresa, e deberán ser, en calquera caso, xustificados documentalmente.

Así mesmo, aboarase a quilometraxe a razón de 0,17 A/quilómetro.

Capítulo V

Xornada, vacacións e rendemento

Artigo 27º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará dun período de vacacións de 31 días naturais.

Dadas as especiais características da empresa, poderase traballar aquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, compensándose este traballo mediante 21 días de vacacións ou parte proporcional se non se traballasen tódalas festividades.

Para efectos de posibles reclamacións por parte dos traballadores no que se refire á adxudicación dos respectivos períodos de vacacións, a empresa exporá no taboleiro de anuncios, polo menos cun mes de antelación ó desfrute, as distintas quendas mensuais.

Se durante o desfrute das vacacións o traballador sofre algunha enfermidade ou accidente laboral, estas quedarán interrompidas sempre que medie baixa da Seguridade Social e se xustifique cun prazo, salvo forza maior, de 72 horas, e o traballador afectado poderá continua-las vacacións ata completa-lo período que lle corresponda a partir da data da alta ou ben de común acordo co empresario, nas datas que fixen ámbalas partes.

Por outro lado, os traballadores que desfruten o seu período comprendido entre o 1 e outubro e o 1 de maio, recibirán en compensación unha bolsa de vacacións de 42,07 A dunha soa vez.

Artigo 28º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 2 días naturais en casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo

debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal nos termos establecidos legal e convencionalmente.

Artigo 29º.-Cómputo de rendementos.

O rendemento normal de cada productor do artigo anterior será o que normalmente e no mesmo tempo realiza outro traballador da mesma sección e igual categoría profesional cando non haxa de comparación propio, pois, de ser coñecido o rendemento normal propio anterior, deberá observarse este.

Os rendementos normais das seccións que se indican non poderán ser inferiores ós que a seguir se expresan:

a) Persoal de fotocomposición: o persoal integrado na empresa con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1984 dará unha producción debidamente corrixida non inferior a 12.000 pulsacións home/hora con orixinal bo. O persoal ingresado con posterioridade á citada data dará unha producción non inferior a 15.000 pulsacións, tamén computada individualmente con orixinal bo.

b) Montadores: corenta minutos por páxina de media.

c) Persoal de fotomecánica: doce minutos por páxina.

d) Correctores: vinte liñas por minuto, con orixinal bo.

No non especificado expresamente neste artigo aplicarase o disposto nos manuais de estilo das respectivas seccións, os cales serán de obrigado cumprimento.

Capítulo V

Outras cuestións

Artigo 30º.-Contratos temporais.

De tódolos contratos temporais, sexa cal fose a súa modalidade, a empresa facilitaralle información ó comité, indicando tanto a cantidade dos contratos coma os motivos que a levasen a realizalos.

Se o pedise o traballador, a sinatura do contrato realizarase en presencia do comité de empresa. Facilitaráselles copia deste contrato ó traballador e mais ó comité.

O salario dos traballadores con contrato temporal será o correspondente ó que figura no convenio para a súa categoría profesional.

1. Contratos eventuais por circunstancias da producción.

A teor do disposto no artigo 15 b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores e o Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, (RCL 1995, 226) vixentes, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato: formalizarase por escrito, consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancia que o motive, rexistrándose no Instituto Nacional de Emprego.

Duración e prórrogas: a duración destes contratos non poderá ser inferior a sete días nin superior a doce meses, dentro dun período de dous anos, contados a partir do momento do contrato inicial. As mesmas causas e circunstancias consignadas para a realización destes contratos, na súa duración máxima, non poderán ser utilizadas máis de dúas veces continuadas con contratos desta natureza.

En caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós dezaoito meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración do contrato poida exceder do dito límite máximo. As prórrogas terán unha duración mínima de quince días. A duración máxima do contrato e das súas prórrogas axustarase ó disposto anteriormente, salvo que exista pacto en contrario.

Artigo 31º.-Revisión salarial.

Páctase de forma expresa a revisión salarial co convenio colectivo para os exercicios de 2002 e 2003 se a evolución que sofre o IPC no dito período, en cómputo anual, superase o 3%.

Artigo 32º.-Liquidacións.

Todo traballador poderá solicita-la presencia do comité de empresa co obxecto de recibi-lo asesoramento que considere oportuno antes de asina-lo recibo de liquidación.

Artigo 33º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio colectivo. As súas funcións serán as seguintes:

a) Interpretación xeral do convenio.

b) Coñecemento, arbitraxe e resolución dos conflictos, problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes en asuntos derivados deste convenio colectivo.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade terán carácter vinculante.

Artigo 34º.-Promoción interna.

Os traballadores fixos da empresa terán preferencia en igualdade de condicións para cubri-las vacantes ou postos de nova creación. Da existencia das

ditas vacantes darase coñecemento con 15 días de antelación. Para tal efecto crearase un órgano cualificador, que contará coa participación dos representantes do comité de empresa ou persoal que designe.

Artigo 35º.-Dereitos sindicais.

Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa:

a) Constituír seccións sindicais, de conformidade co establecido nos estatutos do sindicato.

b) Realizar reunións logo de notificación ó empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, sen que por iso se perturbe a actividade normal da empresa.

c) Recibir información que lle remita o sindicato.

As seccións sindicais terán os seguintes dereitos:

a) Disposición dun taboleiro de anuncios situado nun lugar visible de fácil acceso para os traballadores no centro de traballo.

b) A 12 horas anuais retribuídas para realizar asembleas.

c) As seccións sindicais estarán representadas, para tódolos efectos, por un delegado sindical elixido por e entre os seus afiliados.

d) A un local adecuado onde poderen realiza-los seus labores sindicais.

Artigo 36º.-Comité de empresa.

O comité de empresa estará constituído polos delegados de taller, administración e redacción. Recoñécenselle, sen prexuízo dos contidos na lei, os seguintes dereitos:

1. Recibir información da dirección da empresa e trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, evolución do negocio, situación da producción e evolución do emprego na empresa.

2. Coñecer e ter anualmente á súa disposición:

-O balance de contas de resultados

-As memorias e cantos documentos se lles dean a coñecer ós socios.

3. Logo da xustificación dos gastos, a empresa dotará o comité de empresa dun fondo de 721,21 A ó ano para levar a cabo as funcións que lle son propias.

4. Cada delegado do comité de empresa terá dereito ás horas mensuais que lle correspondan legalmente para o exercicio dos seus labores sindicais.

Cláusula adicional

En todo o non establecido neste convenio aplicarase o disposto nas leis vixentes en cada momento e, en especial, no Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Táboa de retribucións

CategoríaSalario

base

Compl.

convenio

Compl.

distancia

Persoal técnico:
Técnico titulado de grao superior1.14234415,25
Técnico titulado de grao medio85434415,25
Técnico non titulado71334415,25

Redacción:
Subdirector1.14234415,25
Redactor xefe99834415,25
Xefe de sección85434415,25
Xefe de área71334415,25
Redactor59634415,25
Auxiliar de redacción47534415,25

Administración:
Secretario xeral1.14234415,25
Xefe de sección71334415,25
Xefe de negociado59634415,25
Oficial primeira47534415,25
Oficial segunda45734415,25
Auxiliar de administración42434415,25

Servicios auxiliares:
Telefonista42434415,25
Conserxe42434415,25

Talleres:
Rexente61734415,25
Subrexente59634415,25
Xefe de sección52634415,25
Corrector49334415,25
Oficial primeira47534415,25
Oficial segunda45734415,25
Oficial terceira43634415,25
Peón40634415,25
Aprendiz38934415,25

Distribución e peche:
Xefe de sección59634415,25
Distribuidor40634415,25
Xefe de peche (media xornada)2711727,63
Repartidora2381727,63

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA