Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Martes, 18 de marzo de 2003 Páx. 3.263

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 184/2003, do 20 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, constitúe o desenvolvemento na nosa comunidade autónoma dos Reais decretos 1700/1991, do 29 de novembro, polo que se establece a estructura do bacharelato, e 1178/1992, do 2 de outubro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas do bacharelato, que foron modificados polo Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro.

Así mesmo, de xeito complementario, no seu artigo 17 determínanse o número de modalidades de bacharelato que se impartirán nos centros educativos no ámbito de xestión da Xunta de Galicia.

Trala súa publicación a experiencia ven demostrando que, se ben o establecido a ese respecto resulta conveniente para a maioría das situacións que se dan nos centros de Galicia, nalgúns outros faise necesaria a introducción de tratamentos que, con carácter excepcional, permitan unha melloría na xestión dos recursos destinados á educación do noso alumnado de bacharelato.

Así, pódese sinala-lo feito de que, pola dispersión da nosa poboación, na nosa xeografía existen algunhas localidades que, aínda que teñen poucos habitantes, contan con dous institutos de ensino secundario, debido á estructura das ensinanzas anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que se correspondían coas ensinanzas de bacharelato unificado polivalente e de formación profesional. En tales casos, apréciase que nalgunha das modalidades do bacharelato a oferta de prazas escolares excede notablemente as necesidades que se deben prever, co posible detrimento para outras situacións merecedoras de seren atendidas e co mal aproveitamento dos recursos dispoñibles que iso implica.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o punto 1 do artigo 17 do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se determinan a continuación:

1. Os centros educativos que imparten bacharelato farano en alomenos dúas das súas modalidades.

Exceptúanse desta norma as escolas de arte que impartan a modalidade de artes e aqueles centros que, en función da demanda do alumnado e os postos escolares que se ofertan na localidade, autorice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con carácter excepcional, e sempre que na localidade exista como mínimo un instituto de ensino secundario que imparta dúas modalidades de bacharelato.

2. Os centros deberán ofertar obrigatoriamente tódalas materias propias das modalidades de bacharelato que impartan.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que sexan precisas para aplica-lo disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA