Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.105

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de marzo de 2003 pola que se convoca concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres na Comunidade Autónoma de Galicia, e para adquiri-la habilitación en novas especialidades.

A disposición adicional décimo primeira, punto 1, da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, e o Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, polo que se regula o ingreso e a adquisición de especialidades nos corpos de funcionarios docentes ós que se refire a Lei orgánica 1/1990, establecen que o sistema de ingreso na función pública docente será o de concurso-oposición, convocado polas respectivas administracións educativas que se encontren en pleno exercicio das súas competencias educativas.

Por outra banda, o título III do antedito Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, regula o procedemento para a adquisición de novas especialidades, establecendo no seu artigo 40 que os funcionarios do corpo de mestres poderán obte-la habilitación para o exercicio de novas especialidades dentro do mesmo corpo, mediante a superación dunha proba de aptitude.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acorda anuncia-las seguintes convocatorias e as correspondentes bases:

Convocatoria do concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres.

Convocatoria para a adquisición de novas especialidades.

Capítulo I

Sección primeira

Convocatoria do concurso-oposición para ingreso

no corpo de mestres

1. Convócase concurso-oposición para cubrir polo sistema xeral de acceso libre 170 prazas, todas en expectativa de ingreso.

O número de prazas ofertadas verase incrementado, se é o caso, pola totalidade ou parte das vacantes que se produzan como resultado do acceso de funcionarios a outros corpos docentes a través dos procedementos de mobilidade establecidos na disposición adicional décimo primeira da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, e no Real decreto 575/1991, do 22 de abril (BOE do 23 de abril), polo que se regula a mobilidade entre os corpos docentes e a adquisición da condición de catedrático, sempre que os ditos funcionarios opten por incorporarse ó ensino secundario.

2. Conforme o disposto no artigo 31.2º da Lei da función pública de Galicia, e na disposición adicional décimo novena da Lei 23/1988, resérvase o tres por cento do total de prazas ofertadas para seren cubertas entre as persoas con discapacidade igual ou maior ó 33%, segundo o establecido na disposición adicional sétima da Lei 4/1991, do 8 de marzo (DOG do 13 de marzo) de reforma da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

3. A este concurso-oposición seralle de aplicación a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación; a Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea; o Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, polo que se regula o ingreso e a adquisición de especialidades nos corpos de funcionarios docentes a que se refire a Lei orgánica 1/1990, e o disposto nesta convocatoria.

4. As probas selectivas que se convocan terán lugar na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela, sen prexuízo de que non se realicen probas dalgunha especialidade nalgunha das localidades citadas. Na resolución pola que se nomeen os tribunais sinalaranse a localidade ou localidades nas que deberán facerse as probas.

5. Distribución de prazas por especialidade. Tendo en conta as necesidades do ensino, as prazas anunciadas neste concurso-oposición distribúense do seguinte xeito en cada área ou especialidade:

EspecialidadeAcceso

libre

Prazas reservadas

a discapacitados

Total

Idioma estranxeiro: inglés29130

Educación infantil58260

Pedagoxía terapéutica19120

EspecialidadeAcceso

libre

Prazas reservadas

a discapacitados

Total

Audición e linguaxe24125

Educación física19120

Música15-15

O feito de matricularse nunha provincia determinada e supera-lo proceso selectivo non lle atribúe ó aspirante un dereito a ser destinado nela, senón que, unha vez ingresado e chamado a exercer, a Administración poderao destinar, dentro da Comunidade Autónoma, á provincia e o posto de traballo onde o requiran as necesidades do ensino.

Así mesmo, os que superasen o concurso-oposición polas distintas especialidades veñen obrigados a desempeñalas a teor das necesidades dos centros, segundo a normativa de adscrición do profesorado e o establecido no artigo 10 do Real decreto 895/1989, do 14 de xullo, modificado polo Real decreto 1664/1991, do 8 de novembro.

6. Asignación de prazas ós tribunais. Nas especialidades nas que se nomee máis dun tribunal, o número de prazas de ingreso libre que se asigne a cada un será proporcional ó número de aspirantes que se presentasen por ese procedemento á primeira proba.

Para tales efectos, os tribunais comunicaranlle telegraficamente á Dirección Xeral de Persoal o número de aspirantes que realizaron o primeiro exercicio especificando os que acudan por cada un dos sistemas establecidos nesta convocatoria.

Sección segunda

Requisitos dos candidatos

7. Para seren admitidos á realización do concurso-oposición, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

7.1. Requisitos xerais:

a) Ser español ou, de acordo co establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea ou a de calquera daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación dos traballadores nos termos en que esta se encontra definida no tratado constitutivo da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non exceder da idade establecida para a xubilación.

c) Estar en posesión ou en condicións de que lles sexa expedido algún dos seguintes títulos:

-Mestre.

-Diplomado en profesorado de educación xeral básica.

-Mestre de ensino primario.

No caso de titulación obtida no estranxeiro, deberá estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou da credencial de recoñecemento para o exercicio da profesión de mestre en aplicación da Directiva 89/48/UE.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co exercicio da docencia.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

f) Non ser funcionario de carreira do corpo de mestres, agás que se concorra ó procedemento para a adquisición de nova especialidade a que se refire a convocatoria segunda desta orde.

g) Non estar nomeado como funcionario en prácticas no corpo de mestres.

7.2. Requisitos específicos para os aspirantes que non posúan a nacionalidade española.

De conformidade co establecido no artigo 2 da Lei 17/1993, do 23 de decembro, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española, para seren admitidos ó concurso-oposición, deberán acreditar, ademais dos requisitos xerais a que alude o número 7.1, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

7.3. Requisitos específicos para participar pola reserva de minusvalidez.

Poderán participar por esta reserva aqueles aspirantes que, ademais de reuniren os requisitos xerais, teñan recoñecida polos órganos competentes da comunidade autónoma correspondente unha diminución física de, alomenos, un 33 por 100.

A opción por esta reserva terá que formularse na solicitude de participación con declaración expresa de reuni-la condición esixida ó respecto, que se acreditará, se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes que acredite tal condición.

Non obstante, se na realización das probas se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo de mestres, poderán solicita-lo correspondente dictame dos órganos competentes conforme o previsto no número 55 c). Neste caso, e ata que se emita o dictame, o aspirante poderá seguir participando condicionalmente no proceso selectivo, quedando en suspenso a resolución definitiva sobre a admisión ou exclusión do proceso ata a recepción do dictame.

O proceso selectivo realizarase en condicións de igualdade cos aspirantes de ingreso libre, sen prexuízo das adaptacións previstas no número 31 da sección quinta desta convocatoria.

Os aspirantes que concorran por esta reserva non poderán concorrer á mesma especialidade polo sistema de ingreso libre. Así mesmo, só poderán concorrer a unha única especialidade por este sistema.

Aqueles aspirantes que concorran ás prazas reservadas para discapacitados e que, reunindo os requisitos mínimos para aprobar, excedan do número de prazas asignadas ó tribunal para esta reserva, concorrerán á formación da lista de aprobados do tribunal en igualdade de condicións cós das prazas libres, segundo a súa puntuación.

8. Tódolos candidatos deberán reuni-los requisitos enumerados na data na que remate o prazo de presentación de instancias, e mantelos ata o momento da toma de posesión, como funcionarios de carreira.

Sección terceira

Solicitudes

9. Forma. Os que desexen tomar parte neste concurso-oposición deberán presentar unha solicitude, conforme o modelo que se insire a continuación desta orde, e que poderán obter na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, na que fagan consta-lo seguinte:

a) Área ou especialidade que elixen para realizaren a fase de oposición recollida no punto 40.2º desta convocatoria.

b) As persoas con discapacidade deberán indicar no recadro correspondente o tipo de discapacidade que sofren e, se é o caso, as adaptacións de tempo e medios que solicitan para a realización das probas.

Os aspirantes deberán, así mesmo, presenta-lo documento que se xunta como anexo I, relacionando tódolos méritos que alegan, achegándolles tódolos documentos xustificativos, na forma que se establece no anexo III.

Os aspirantes de nacionalidade distinta á española deberán indica-la nacionalidade que posúen e, en caso de estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros, deberán consignar se están exentos da proba de castelán.

10. Documentación.

10.1. De carácter xeral: os aspirantes achegarán á súa solicitude toda a documentación xustificativa para a valoración dos méritos a que se fai referencia no baremo que, como anexo III, se xunta a esta orde, entendéndose que só se tomarán en consideración aqueles méritos debidamente xustificados a través da documentación que se determina nesta convocatoria durante o prazo de presentación de instancias.

10.2. De carácter específico:

a) Para os de nacionalidade española: dúas fotocopias do documento nacional de identidade.

b) Para os aspirantes doutra nacionalidade:

-Dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade.

-Fotocopia compulsada do título alegado para participar no concurso-oposición ou certificación substitutoria expedida pola autoridade competente.

-Declaración xurada ou promesa de non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

-Para os aspirantes exentos da proba de coñecemento do castelán, fotocopia compulsada do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas, ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención dos ditos diplomas.

11. Órgano ó que se dirixen. As solicitudes dirixiranse ó director xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

12. Lugar de presentación. A presentación de solicitudes farase na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares e formas que determina o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán cursarse, no prazo sinalado no número 13 desta orde, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que llas remitirán de seguido ó organismo competente. O interesado xuntaralle á solicitude o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II.

13. Prazo de presentación. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

14. Importe dos dereitos de exame. Polos dereitos de exame aboaranse 31 A. Estarán exentas do pagamento dos dereitos de exame as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, debidamente xustificado.

15. Forma de pagamento. O importe dos dereitos de exame e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes faranse utilizando o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II. O dito impreso facilitaráselles ós interesados xunto co impreso de solicitude, que deberá cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo.

A non presentación deste anexo, no que figure o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a presentación deste anexo suporá substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no número 11 desta orde.

16. Erros nas solicitudes. Os erros de feito que se poidan advertir poderán ser rectificados en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado.

Sección cuarta

Admisión de candidatos

17. Lista provisional. Rematado o prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Persoal fará pública, no Diario Oficial de Galicia, a lista provisional de admitidos e excluídos.

Nesta lista deberán aparece-lo nome, apelidos, número do documento nacional de identidade, reserva discapacitados, cando proceda, e se están exentos ou non da proba de lingua galega e, se é o caso, de lingua castelá.

18. Reclamacións contra a lista provisional. Contra a lista provisional os interesados poderán interpoñer, no prazo máximo de dez días naturais a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, as reclamacións que coiden oportunas, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

19. Lista definitiva. As reclamacións presentadas serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos, que se fará pública no Diario Oficial de Galicia.

20. Recurso contra a lista definitiva. Contra a resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

21. Reintegro dos dereitos de exame. Os dereitos de exame serán reintegrados por petición dos aspirantes que fosen excluídos definitivamente da realización das probas selectivas, por falta dalgún dos requisitos para tomar parte nas ditas probas.

Sección quinta

Órganos de selección

22. A selección dos participantes no proceso selectivo será realizada por tribunais nomeados pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez pecha

do o prazo de solicitudes, nomeamento que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

23. Composición dos tribunais. De acordo co disposto no artigo 7.3º e 7.4º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, os tribunais estarán compostos por funcionarios de carreira en activo dos corpos docentes ou do corpo de inspectores ó servicio da Administración educativa en número impar, non inferior a cinco. Para este concurso-oposición fíxase a composición de tódolos tribunais en cinco membros.

A totalidade dos membros dos tribunais pertencerá a corpos de igual ou superior grupo de clasificación que o que se corresponde co corpo de mestres.

Na designación dos tribunais que teñan que xulgar cada unha das áreas terase en conta o principio de especialidade. De acordo con isto, a maioría dos seus membros deberá ser titular da especialidade obxecto do proceso selectivo.

Os tribunais estarán integrados por:

Un presidente, designado directamente pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; catro vocais designados por sorteo público entre os funcionarios do corpo de mestres que conten coa especialidade correspondente.

Actuará como secretario o vocal de menor antigüidade no corpo, agás que o tribunal acorde determinalo doutra maneira.

Por cada tribunal designarase, polo mesmo procedemento, un tribunal suplente.

24. De conformidade co artigo 11.1º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, a participación nos órganos de selección ten carácter obrigatorio.

25. Abstención. Os membros dos órganos de selección deberán absterse de intervir, notificándollo á Dirección Xeral de Persoal, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Do mesmo xeito, de acordo co artigo 11.2º do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño (BOE do 30 de xuño), deberán absterse de intervir aqueles membros dos órganos de selección que realizaron tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas de acceso a corpos ou escalas do grupo B nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Os presidentes poderán esixir dos membros do tribunal declaración expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas nos dous parágrafos anteriores.

26. Recusación. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal de acordo co artigo 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorran nestes as circunstancias previstas no punto anterior.

27. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomean novos membros do tribunal que deberán substituí-los que perderon a súa condición por algunha das causas previstas nesta convocatoria.

28. Constitución dos tribunais.

28.1. Logo da convocatoria do presidente, constituiranse os tribunais con asistencia, polo menos, da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. Na resolución de designación dos tribunais ós que se alude no punto 23 desta convocatoria determinarase o prazo no que terá lugar a súa sesión de constitución.

Na dita sesión os tribunais acordarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

28.2. A suplencia do presidente será autorizada, se é o caso, pola Dirección Xeral de Persoal; a dos vocais polo presidente que vai actuar, tendo en conta que deberá recaer no vocal suplente respectivo ou, no seu defecto, nos que o sigan segundo a orde en que figuren na disposición que os nomeou.

29. Unha vez constituído o tribunal e comezados os exercicios, este poderá actuar ata con tres membros, titulares ou suplentes, indistintamente.

30. Os tribunais resolverán tódalas dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como todo o que se deba facer nos casos non previstos.

A actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

31. Os tribunais adoptarán as medidas precisas de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto dos participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten nas instancias, as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización.

32. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), estes tribunais, comisión de baremación e comisións de avaliación da fase de prácticas consideraranse incluídos na categoría segunda.

33. Funcións dos tribunais. Correspóndelles ós tribunais:

a) Cualificación das distintas probas establecidas nesta convocatoria.

b) Coordinación en canto á data de comezo da proba, que será simultánea naquelas especialidades nas que se nomee máis dun tribunal.

c) Agregación das puntuacións correspondentes ás distintas fases do procedemento selectivo, ordenación dos aspirantes e declaración dos aspirantes que superaron este procedemento selectivo.

d) Elaboración e publicación das listas de aspirantes seleccionados, así como elevación destas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) Elaboración da proba á que alude a sección sétima desta convocatoria.

f) Desenvolvemento do proceso selectivo, de acordo co disposto nesta orde.

34. Funcións encomendadas a outros órganos da Administración. A asignación da puntuación que lles corresponda ós aspirantes polos méritos que acrediten, segundo o baremo recollido no anexo III desta convocatoria, será efectuada por unha comisión integrada por funcionarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, designados pola Dirección Xeral de Persoal. Esta valoración efectuarase en nome dos órganos de selección, achegándolles a eles os resultados obtidos.

Ás sesións da comisión poderá asistir un representante de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente de niveis non universitarios.

35. En ningún caso se poderá declarar que superou o concurso-oposición un número maior de aspirantes que o número de prazas ofertadas.

Sección sexta

Comezo e desenvolvemento do concurso-oposición

36. Comezo. O proceso establecido nesta orde de convocatoria dará comezo coa proba de coñecementos da lingua castelá para os aspirantes que non posúan a nacionalidade española, e coa proba de coñecementos da lingua galega para o resto dos aspirantes sempre que non estean exentos da súa realización.

No seu momento, a Dirección Xeral de Persoal publicará os días da realización das probas citadas, que en todo caso non será anterior ó día 24 de xuño de 2003.

Os aspirantes serán convocados, a través do Diario Oficial de Galicia, para o acto de presentación, a realización da proba de coñecementos de lingua galega, a de coñecementos de castelán, e a proba prevista no punto 40 da sección sétima desta convocatoria, con 10 días naturais de antelación, como mínimo, indicando data, hora e lugar no que se realizarán estes actos.

Non será obrigatoria a publicación dos sucesivos chamamentos dos aspirantes no Diario Oficial de Galicia. Estes anuncios deberá facelos públicos o tribunal nos locais nos que se realizaron as probas anteriores, con 12 horas de antelación, se se trata dun mesmo exercicio, ou con 24 horas, se se trata dun exercicio distinto. En todo caso, desde o remate dunha proba e o comezo da seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de 48 horas.

37. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente, de conformidade co resultado do sorteo que no seu momento se realice na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

O tribunal poderá requirir en calquera momento dos aspirantes para que acrediten a súa identidade.

Os aspirantes serán convocados para o acto de presentación e para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídos do proceso selectivo os que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

Se en calquera momento do proceso selectivo os tribunais teñen coñecemento de que algún dos aspirantes non posúe algún dos requisitos esixidos por esta convocatoria, logo de audiencia ó interesado, deberán propoñe-la súa exclusión ó director xeral de Persoal, comunicándolle así mesmo as inexactitudes ou falsidades formuladas polo aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Sección sétima

Sistema de selección

38. Proba de coñecemento do castelán para os aspirantes que non posúan a nacionalidade española.

Con carácter previo á realización das demais probas, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido da proba de acreditación do coñecemento do castelán axustarase ó disposto no anexo III do Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira.

A proba cualificarase con apto ou non apto, e será necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-las demais probas.

Quedan exentos de realizar esta proba aqueles que estean en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. O certificado correspondente achegarao o aspirante xunto coa documentación que se xunta á solicitude para tomar parte no concurso-oposición.

39. Proba de coñecementos da lingua galega.

Esta proba, que se levará a cabo de forma escrita, consistirá na resposta a varias cuestións sobre o temario de lingua galega que figura no anexo IV,

e unha traducción do castelán para o galego. Non terá carácter eliminatorio, agás no caso das especialidades de educación infantil, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e música. A dita proba, que lles será facilitada ós tribunais pola Dirección Xeral de Persoal, deberá realizala a totalidade dos aspirantes que non estean exentos da súa realización.

A valoración da proba de coñecementos da lingua galega farase con carácter previo á realización da fase de oposición establecida no punto 40.2 nas especialidades de educación infantil, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e música, dado o carácter eliminatorio daquela.

Ó remate da fase de oposición prevista no punto 40.2 desta convocatoria, valoraráselle-la proba de lingua galega ós aspirantes das demais especialidades que resulten seleccionados, segundo o establecido no punto 48 desta convocatoria.

Quedan exentos da realización desta proba os aspirantes que teñan superado, con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes, o curso de perfeccionamento en lingua galega ou conten coa súa validación, feita pola Dirección Xeral de Política Lingüística ou órgano competente, os licenciados en filoloxía galego-portuguesa e os que teñan superado o curso de especialización en lingua galega, sempre que o acrediten no prazo de presentación de solicitudes.

O tempo para a realización da proba será dunha hora e non se poderá utilizar diccionario. A súa cualificación será apto ou non apto.

Os aspirantes, para os que a proba non sexa eliminatoria, declarados non apto deberán ter acreditados os cursos de iniciación e perfeccionamento do galego que para tal fin se convoquen, nun prazo máximo de dous anos.

40. Conforme o establecido na disposición adicional décimo primeira, da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, e no capítulo sexto do título II do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, polo que se regula o ingreso e a adquisición de especialidades nos corpos de funcionarios docentes a que se refire a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, o sistema de selección constará das seguintes fases: fase de concurso, fase de oposición e fase de prácticas.

40.1. Fase de concurso. Nesta fase valoraranse os méritos que acrediten os aspirantes. Terán a consideración de méritos a experiencia docente, a formación académica e os cursos de formación e perfeccionamento superados.

A referida valoración realizarase conforme o baremo que, como anexo III, se xunta a esta convocatoria.

A cualificación da fase de concurso aplicaráselles unicamente ós candidatos que superasen esta convocatoria, de acordo co disposto na sección oitava.

40.2. Fase de oposición. Nesta fase valoraranse os coñecementos específicos dos candidatos necesarios para imparti-la docencia, a súa aptitude pedagóxica e o seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente.

Os temarios sobre os que versarán as probas da fase de oposición para as respectivas especialidades son os establecidos na Orde do 9 de setembro de 1993 (BOE do 21 de setembro) e na Orde do 5 de marzo de 2003 (BOE do 6 de marzo).

Esta fase de oposición constará de tres probas eliminatorias que se desenvolverán na seguinte orde:

1. Proba de carácter práctico: esta proba axustarase, para cada especialidade, ó disposto no anexo V desta orde. O tempo asignado para a realización desta proba será establecido polos tribunais.

A elaboración desta proba realizarana os tribunais.

2. Proba escrita: os aspirantes que superaron a primeira proba realizarán esta segunda, que consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas. O primeiro dos temas será elixido polo candidato de entre dous extraídos ó chou polo tribunal dos correspondentes á parte A do temario. O segundo tema será extraído ó chou polo tribunal dos correspondentes á parte B. Para o seu desenvolvemento os aspirantes disporán de catro horas: dúas para cada un dos temas.

O tema correspondente á parte A da proba escrita da especialidade de idioma estranxeiro inglés poderá realizarse neste idioma.

Rematada a proba, os tribunais procederán ó chamamento dos opositores para que estes efectúen a lectura do exercicio realizado.

3. Proba oral: os aspirantes que superaron a segunda proba realizarán esta terceira, que consistirá na exposición oral dun tema elixido polo candidato entre dous extraídos ó chou polo opositor, da parte A do temario da especialidade. A exposición terá dúas partes. A primeira delas versará sobre os aspectos científicos ou de contido do tema. Na segunda o aspirante deberá enmarca-lo tema no currículo oficial de educación infantil ou primaria, segundo corresponda, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, explicando a relación deste cos elementos do currículo; así mesmo, describirá pautas concretas de actuación co alumnado, ou implicacións educativas, en ámbolos casos relacionadas co tema elixido e referidas a un ciclo concreto. Rematada a exposición, o tribunal poderá debater co candidato sobre o contido da súa intervención.

A exposición e o debate citados no parágrafo anterior terán unha duración máxima, respectivamente, dunha hora e de quince minutos. O opositor disporá de dúas horas para a súa preparación, podendo utilizar nela o material que coide oportuno.

A proba oral da especialidade de idioma estranxeiro inglés poderá realizarse nese idioma.

4. Fase de prácticas. Os aspirantes que resulten seleccionados conforme o disposto no punto 48 deberán realizar un período de prácticas tuteladas que formarán parte do proceso selectivo e que terá por obxecto comproba-las aptitudes para a docencia deles.

A cualificación desta fase será de apto ou non apto.

Sección oitava

Cualificación

41. Valoración da proba práctica. Os tribunais cualificarán esta proba de cero a dez puntos, con aproximación ata as dezmilésimas. Para a súa superación os candidatos deberán obter unha puntuación igual ou superior a cinco puntos. Finalizada esta proba, os tribunais exporán nos taboleiros de anuncios dos locais onde se realizou esta a puntuación obtida polos aspirantes que a superaron.

A puntuación de cada aspirante nesta proba será a media aritmética das cualificacións de tódolos membros presentes no tribunal. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros do tribunal exista unha diferencia de tres ou máis enteiros serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, achándose a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, só será excluída unha delas.

42. Valoración da proba escrita da fase de oposición. Os tribunais cualificarán esta proba de 0 a 10 puntos, con aproximación ata as dezmilésimas, correspondendo de 0 a 7 puntos á primeira parte e de 0 a 3 puntos á segunda. Para a superación desta proba os candidatos deberán obter unha puntuación igual ou superior a cinco puntos. Finalizada esta proba, os tribunais exporán nos taboleiros de anuncios dos locais onde se realizou esta as puntuacións obtidas polos aspirantes que a superaron.

A puntuación de cada aspirante obterase da forma que se di no segundo parágrafo do punto 41 desta orde.

43. Valoración da proba oral da fase oposición. Os tribunais cualificarán diferenciadamente cada unha das dúas partes das que consta a exposición oral do tema elixido.

A primeira destas partes cualificarase, con aproximación ata as dezmilésimas, polo tribunal de 0 a 7 puntos e a segunda de 0 a 3.

Para superar esta proba os aspirantes deberán obter unha puntuación igual ou superior a 5 puntos.

A puntuación de cada aspirante obterase de igual forma que nas dúas anteriores probas.

Finalizada esta proba, os tribunais exporán nos taboleiros de anuncios dos locais onde se realizou esta a puntuación obtida polos aspirantes que a superaron.

44. A cualificación correspondente á fase de oposición será a media aritmética das puntuacións obtidas nas probas integrantes desta fase, cando todas elas foran superadas.

45. Os aspirantes das especialidades de educación infantil, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e música deberán, ademais, supera-la proba de coñecementos da lingua galega, agás que estean exentos da súa realización.

46. Valoración da fase de concurso. Os méritos presentados polos aspirantes valoraranse de acordo co baremo establecido no anexo III desta convocatoria.

A puntuación, por epígrafes e especialidades, farase pública na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións provinciais.

Contra esta puntuación poderase presentar reclamación, no prazo de dez días naturais, perante as respectivas delegacións da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Resoltas as reclamacións pola comisión, procederase a publica-las puntuacións definitivas. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A recuperación da documentación presentada poderán realizala os aspirantes no lugar e durante o prazo que se determine na orde pola que se faga pública a lista de aprobados polos distintos procedementos selectivos, agás a documentación necesaria para o seu nomeamento como funcionario, sempre e cando non exista interposto recurso por parte dalgún aspirante, pois neste caso poderán ser retidas para efectos de comprobación ou proba. No suposto de non ser retirada no prazo sinalado, entenderase que o aspirante renuncia á súa recuperación, decaendo, polo tanto, no seu dereito.

47. De conformidade co establecido na sección quinta desta convocatoria, correspóndelles ós tribunais a agregación das puntuacións acadadas polos aspirantes nas distintas fases do proceso selectivo, a ordenación deles de acordo coas puntuacións totais acadadas e a declaración dos que superaron este procedemento, e aplicaranlles ós candidatos que superaron a fase de oposición as puntuacións da fase do concurso.

Terase en conta que, segundo o establecido no artigo 3.1º, punto 2, do Real decreto 850/1993, a ponderación das puntuacións das fases de oposición e concurso para forma-la puntuación global será de dous tercios para a fase de oposición e dun tercio para a fase de concurso.

Sección novena

Superación do concurso-oposición

48. Resultarán seleccionados para pasar á fase de prácticas aqueles aspirantes que, unha vez orde

nados segundo a puntuación global das fases de oposición e concurso, teñan un número de orde igual ou menor que o número de prazas convocadas na especialidade pola que participaron.

49. Os tribunais, unha vez determinados os aspirantes que superaron o concurso-oposición, confeccionarán a correspondente relación, ata o número de prazas que lles foron asignadas, na que figurarán os aspirantes que o superaron ordenados segundo a puntuación obtida, con aproximación ata as dezmilésimas.

As prazas de entre as reservadas que non se cubran acumularanse ás de sistema xeral do quenda libre.

Os posibles empates resolveranse de acordo cos seguintes criterios:

1. Maior puntuación na fase de oposición.

2. Maior puntuación en cada un dos exercicios da oposición, pola orde en que estes se realizaron.

3. Maior puntuación nos epígrafes do baremo de méritos pola orde en que estes aparecen na convocatoria.

4. Maior puntuación nos subepígrafes do baremo pola orde en que estes aparecen na convocatoria.

5. No caso de persisti-lo empate, este dirimirase por sorteo público.

50. Estas listas faranse públicas nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e no local ou locais nos que se realizaron as probas.

Contra estas listas poderán os interesados interpoñer, de conformidade co disposto nos artigos 107 e 114 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada perante o director xeral de Persoal.

As ditas relacións elevaranse á Dirección Xeral de Persoal.

51. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará, cando exista máis dun tribunal nunha especialidade, a lista de aprobados, e publicará no Diario Oficial de Galicia as listas únicas de aprobados por especialidade.

52. A renuncia ós dereitos derivados do concurso-oposición non suporá modificación nas prazas asignadas ó resto de aspirantes.

53. En ningún caso os tribunais poderán aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido neste punto será nula de pleno dereito.

Os aspirantes que superen as probas por dúas ou máis especialidades deberán optar por unha delas, no prazo de 10 días contados a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da lista de opositores

seleccionados, e poderán solicitar prórroga para a realización do período de prácticas na outra especialidade.

De conformidade co disposto no artigo 33 do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, estes aspirantes quedarán exentos da realización da fase de prácticas na especialidade na que non a realicen cando acrediten ter prestado, alomenos, un curso escolar como funcionarios docentes de carreira.

Os aspirantes que superen, no mesmo corpo e especialidade, os procedementos selectivos convocados por esta consellería e polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou outra comunidade autónoma con competencias en materia educativa, se optasen polo posto de traballo correspondente ó ámbito da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, deberán presentar instancia no dito sentido dirixida á Dirección Xeral de Persoal, xunto coa copia de renuncia ó outro posto de traballo, no prazo de 10 días contados a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da lista dos aspirantes seleccionados.

Sección décima

Presentación de documentos

54. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará, no Diario Oficial de Galicia, a orde coa lista única de aprobados por especialidades, na forma prevista no punto 51 desta orde.

55. No prazo de vinte días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas de aspirantes que superaron o concurso-oposición, estes deberán presentar na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia na que se inscribiron, os documentos seguintes:

a) Fotocopia compulsada do título alegado para participar no proceso selectivo ou certificado de ter rematados os estudios. No caso de que a data do título ou certificado de estudios sexa posterior ó día no que rematou o prazo de solicitudes fixado na convocatoria, deberá facerse consta-la data de terminación dos estudios.

b) Dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade.

c) Os aspirantes que fixesen vale-la condición de persoas con discapacidade deberán presentar certificación dos órganos competentes que acrediten tal condición, e deberán presentar tamén certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria na que se acredite a compatibilidade co desempeño da función docente.

d) Declaración xurada de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de

ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

e) Certificado médico acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia.

56. Excepcións. Os que tivesen a condición de funcionarios públicos de carreira e estean en situación de servicio activo estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa demostrados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar en tal caso unha certificación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou folla de servicios do organismo do que dependan, na que se consignen de forma expresa os seguintes datos:

a) Indicación do corpo ó que pertencen, número de rexistro de persoal e se se atopan en servicio activo.

b) Lugar e data de nacemento.

c) Título académico que posúen e data de expedición.

57. Os aspirantes que, tendo superados os procesos selectivos, estean xa prestando servicios remunerados na Administración como funcionarios de carreira, interinos ou como persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción pola percepción de remuneración, durante a súa condición de funcionarios en prácticas, de conformidade co previsto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo).

58. Falta de presentación de documentos. Os que dentro do prazo indicado, e salvo casos de forza maior, non presenten a súa documentación, ou nela non se reflicta claramente que reúnen na data sinalada nesta convocatoria as condicións esixidas, non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que poidan incorrer por falsidade na instancia de solicitude.

59. A Dirección Xeral de Persoal, de acordo coas necesidades do servicio, procederá a nomear funcionarios en prácticas os integrantes das propostas dos tribunais.

A Dirección Xeral de Persoal poderá, por causa xustificada e por petición do interesado, concede-lo aprazamento da fase de prácticas.

Os aspirantes que resulten seleccionados quedan obrigados a incorporarse ós destinos que a Dirección Xeral de Persoal lles adxudique para a realización da fase de prácticas. No caso de non incorporarse ós citados destinos no prazo que se estableza, entenderase que renuncian ó proceso selectivo, agás que

se lles tivese concedido o aprazamento da devandita fase de prácticas segundo o establecido no parágrafo anterior.

Se se incorporan serán nomeados funcionarios en prácticas.

Sección décimo primeira

Fase de prácticas

60. Fase de prácticas.

Os aspirantes que resulten seleccionados deberán realizar un período de prácticas que formará parte do proceso selectivo e terá por obxecto a valoración da aptitude para a docencia destes. A duración do dito período non poderá ser inferior a seis meses e a súa cualificación será a de apto ou non apto.

Aqueles aspirantes que resulten seleccionados e que sexan nomeados funcionarios en prácticas serano con data do 1 de setembro de 2003.

Con esta finalidade nomearanse comisións, para o efecto, coa seguinte composición:

-Un inspector técnico de Educación, que será o presidente.

-Dous funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.

Quedarán dispensados da fase de prácticas os que prestasen servicios docentes como funcionarios de carreira en centros públicos durante un tempo mínimo dun curso escolar, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou Ministerio de Educación, Cultura e Deportes ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de número de rexistro persoal.

61. Os aspirantes declarados non apto perderán tódolos dereitos ó seu nomeamento como funcionarios de carreira por resolución motivada da autoridade convocante.

62. Desde o momento do nomeamento de funcionarios en prácticas ata o nomeamento como funcionarios de carreira, o réxime xurídico-administrativo dos opositores será o de funcionario en prácticas, sempre que estivesen desempeñando un posto docente.

Sección décimo segunda

Nomeamento de funcionarios de carreira

63. Rematada a fase de prácticas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aprobará o expediente do proceso selectivo e elevará a correspondente proposta de nomeamento como funcionarios de carreira do corpo de mestres ó Ministerio de Educación, Cultura e Deportes.

Sección décimo terceira

Posesión e destino definitivo

64. Destino en propiedade definitiva. Os profesores ingresados en virtude deste proceso selectivo obterán o destino definitivo, no seu día, polo procedemento ordinario, acudindo con carácter forzoso ó concurso xeral de traslados.

65. Aqueles mestres que resultasen seleccionados deberán obte-lo seu primeiro destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia.

66. A lista xeral de seleccionados da Comunidade Autónoma de Galicia formarase por orde de puntuación acadada, con aproximación ata as dezmilésimas. En caso de empate decidirá o establecido no punto 49 desta orde de convocatoria.

Capítulo II

Convocatoria para a adquisición de novas

especialidades

Sección primeira

Normas xerais

1. Ábrese a convocatoria para que os funcionarios de carreira do corpo de mestres, directamente dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, poidan adquirir de acordo co título III do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, novas habilitacións para o exercicio das especialidades que a continuación se sinalan:

Educación infantil.

Idioma estranxeiro-inglés.

Audición e linguaxe.

Pedagoxía terapéutica.

Educación física.

Música.

A este procedemento, no non previsto nesta convocatoria, seralle de aplicación o disposto na convocatoria do concurso-oposición.

2. Os órganos de selección para este procedemento serán os mesmos ós que se refire o punto 22 desta orde e exercerán, respecto deste procedemento, as mesmas funcións que se enumeran no punto 33.

Sección segunda

Sistema de habilitación

3. Conforme o disposto no artigo 40 do Real decreto 850/1993, do 4 de xuño, o sistema de habilitación consistirá na realización dunha proba que terá por obxecto valorar tanto os coñecementos sobre a materia como os recursos didácticos e pedagóxicos dos candidatos. Esta proba dividirase en dúas partes:

1ª parte: o contido de carácter práctico e que se axustará, para cada especialidade, ó disposto no

anexo V desta orde. O tempo asignado para a realización desta proba será establecido polos tribunais.

2ª parte: constará da exposición oral dun tema da especialidade á que se opta, elixido polo candidato entre catro extraídos ó chou dos que compoñen a parte A do temario publicado pola Orde do 9 de setembro de 1993 (BOE do 21 de setembro); a exposición terá dúas partes, a primeira delas versará sobre os aspectos científicos do tema. Na segunda o opositor deberá facer referencia á relación do tema co currículo oficial do ámbito educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e desenvolverá un aspecto didáctico deste, aplicado a un determinado nivel previamente establecido por el. Finalizada a exposición, o tribunal poderá realizar un debate co candidato sobre o contido da súa intervención.

A exposición e o debate referidos no parágrafo anterior terán unha duración máxima, respectivamente, dunha hora e quince minutos. O aspirante disporá de dúas horas para a súa preparación, e poderá utilizar nela o material que coide oportuno.

Sección terceira

Requisitos dos candidatos

4. Para ser admitido ó procedemento de habilitación, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

Ser funcionario de carreira do corpo de mestres, con destino no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

No caso de funcionarios en situación de excedencia voluntaria, dos adscritos a postos da función inspectora e dos adscritos a prazas no exterior ou análogos, o cumprimento deste requisito entenderase referido ó último centro de destino inmediatamente anterior.

Estes requisitos deberanse posuír no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sección cuarta

Solicitudes

5. Forma. Aqueles que desexen tomar parte neste procedemento deberán facelo constar na instancia, conforme o modelo oficial, que lles será facilitado gratuitamente nas delegacións provinciais de cada provincia e na Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. Órgano a quen se dirixe. As solicitudes dirixiranse ó director xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

7. Lugar de presentación. A presentación de solicitudes (exemplar número 1, exemplar que presentará o interesado do modelo de solicitude), farase na delegación provincial da Consellería de Educa

ción e Ordenación Universitaria da provincia que se corresponda coa consignada no recadro 1.3 daquela.

Así mesmo, poderán presentarse nas oficinas a que se refire o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Estas oficinas veñen obrigadas, dentro das vintecatro horas a partir da súa presentación, a cursa-las instancias recibidas á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia consignada no recadro número 1.3 da instancia.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán cursarse, no prazo sinalado no punto 8 desta sección cuarta, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ó organismo competente. O interesado xuntaralle á solicitude o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II.

8. Prazo de presentación. O prazo será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

9. Importe dos dereitos de exame. Polos dereitos de exame aboaranse 31 A. O importe dos dereitos de exame e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes faranse utilizando o impreso de autoliquidación sinalado no anexo II. O dito impreso facilitaráselles ós interesados xunto co impreso de solicitude, e deberá cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo.

A non presentación deste anexo, no que figure o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a presentación deste anexo suporá substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude perante o órgano expresado no punto 11 desta orde.

10. Erros nas solicitudes. Os erros materiais, de feito ou aritméticos, que se puidesen advertir poderanse emendar en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado, conforme o que determina o artigo 105.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección quinta

Admisión de aspirantes

11. A este respecto é de aplicación a esta convocatoria de adquisición de novas especialidades a sección quinta, puntos 17, 18, 19 e 20 da convocatoria do concurso-oposición para o ingreso no corpo de mestres que conxuntamente se leva a cabo por esta orde.

Sección sexta

Tribunais

12. Naquelas especialidades nas que o número de aspirantes o aconselle, a Dirección Xeral de Persoal poderá nomear tribunais específicos que valorarán as probas desta convocatoria e ós que, para o non establecido nesta sección, lles serán de aplicación os puntos 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 31 e 32 da sección quinta das que rexen a convocatoria do concurso-oposición a ingreso no corpo de mestres.

13. Funcións dos tribunais. Correspóndelles ós tribunais:

A valoración dos coñecementos propios e específicos do ámbito cultural, científico ou artístico da especialidade ós que se refiren os artigos 23 e 40 do Real decreto 850/1993.

Coordinación en canto á data de comezo da proba, que será simultánea naquelas especialidades nas que se nomee máis dun tribunal.

Elaboración da proba á que se alude na sección sétima da convocatoria do concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres.

A elaboración das listas dos aspirantes que foron declarados aptos.

A elevación das listas a que se refire o parágrafo anterior ó órgano convocante.

No desenvolvemento do proceso, os tribunais resolverán tódalas dúbidas que puidesen xurdir en aplicación destas normas, así como o que se debe facer nos casos non previstos.

Sección sétima

Comezo e desenvolvemento das probas

14. O comezo e desenvolvemento das probas realizarase de conformidade co disposto na sección sexta da convocatoria do concurso-oposición para o ingreso no corpo de mestres.

Sección oitava

Cualificación

15. Valoración da proba. Os tribunais valorarán a proba como apto ou non apto, e obterán a nova ou novas especialidades unicamente os aspirantes cualificados con apto. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará, no Diario Oficial de Galicia, a orde coa lista única de aspirantes que acadaron unha nova especialidade.

Publicada a antedita lista, as delegacións provinciais expediranlles ós interesados a credencial de habilitación.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO III

Baremación para a valoración de méritos para ingreso no corpo de mestres

EpígrafesPuntosDocumentos xustificativos

I. Formación académica (ata un máximo de catro puntos)

1. Expediente académico no título alegado.

Por este punto valorarase exclusivamente, do modo que a continuación se indica, a nota media que se obteña do expediente académico achegado polo aspirante, correspondente ó título esixido con carácter xeral para o ingreso no corpo de mestres.

1.1. Desde 6,01 a 7,5 puntos1
1.2. Desde 7,51 a 10 puntos1,5
Para a obtención da nota media nos casos nos que non figure a expresión numérica concreta, aplicaranse as seguintes equivalencias:
Aprobado5
Notable7
Sobresaliente9
Matrícula de honor10
Aquelas cualificacións que conteñan a expresión literal ben consideraranse equivalentes a seis puntos.

Non se terán en conta as materias validadas nin aquelas nas que apareza apto.

Documentación xustificativa. O candidato deberá remitir certificación académica persoal, orixinal ou fotocopia compulsada, na que consten as puntuacións correspondentes a tódalas materias e cursos esixidos para a obtención do título alegado.

2. Doutoramentos e premios extraordinarios.
2.1. Por posuí-lo título de doutor.2Certificación académica ou fotocopia compulsada do título de doutor.
2.2. Por ter obtido premio extraordinario no doutoramento.0,5Certificación académica ou fotocopia compulsada do título de doutor.
2.3. Por ter obtido premio extraordinario na titulación alegada para o ingreso no corpo de mestres.0,5Certificación académica ou fotocopia compulsada do título.

3. Outras titulacións. Por este punto valoraranse as titulacións universitarias de carácter oficial, no caso de que non fosen alegadas como requisito para o ingreso no corpo de mestres.
3.1. Por cada diplomatura, enxeñería técnica, arquitectura técnica ou títulos declarados legalmente equivalentes e polos estudios correspondentes ó primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñería.1Certificación académica ou fotocopia compulsada do título requirido para ingreso no corpo, así como cantos se aleguen como mérito.
3.2. Polos estudios correspondentes ó segundo ciclo de licenciatura, enxeñerías, arquitecturas ou títulos declarados legalmente equivalentes.1Certificación académica ou fotocopia compulsada do título requirido para ingreso no corpo, así como cantos se aleguen como mérito.

4. Titulacións de ensino de réxime especial. Por este punto valoraranse as titulacións das ensinanzas de réxime especial outorgadas polas escolas oficiais e conservatorios profesionais e superiores de música da seguinte forma:
4.1. Música e danza grao medio.0,5Certificación académica ou fotocopia compulsada do título alegado.
4.2. Ensino de Idiomas:
4.2.1. Ciclo elemental.0,5Certificación académica ou fotocopia compulsada do título alegado.
4.2.2. Ciclo superior.0,5Certificación académica ou fotocopia compulsada do título alegado.

II. Experiencia docente previa (ata un máximo de tres puntos)

5.1. Por cada ano de experiencia docente en centros públicos de EXB, en prazas da mesma especialidade á que se opta, correspondente ó corpo de mestres.0,4Folla de servicios certificada pola delegación provincial ou, no seu defecto, certificado do secretario do centro co visto e prace do director, facendo constar toma de posesión e cesamento e a especialidade impartida.
5.2. Por cada mes fracción de ano inferior ó curso completo nas prazas que se indican no punto anterior.0,033Folla de servicios certificada pola delegación provincial ou, no seu defecto, certificado do secretario do centro co visto e prace do director, facendo constar toma de posesión e cesamento e a especialidade impartida.
5.3. Por cada ano de experiencia docente en prazas da mesma especialidade correspondentes ó corpo de mestres noutros centros.0,2Certificado do director co visto e prace do Servicio de Inspección Técnica Educativa, facendo consta-la especialidade e a duración real dos servicios.
5.4. Por cada mes fracción de ano inferior ó curso completo nas prazas que se indican no punto anterior.0,016Certificado do director co visto e prace do Servicio de Inspección Técnica Educativa, facendo consta-la especialidade e a duración real dos servicios.
5.5. Por cada ano de experiencia docente en centros públicos en prazas de distinto nivel educativo ou diferente especialidade á que opte o aspirante.0,2Folla de servicios certificada pola delegación provincial ou, no seu defecto, certificado do secretario do centro co visto e prace do director, facendo constar toma de posesión e cesamento e a especialidade impartida.
5.6. Por cada mes fracción de ano inferior ó curso completo nas prazas que se indican no punto anterior.0,016Folla de servicios certificada pola delegación provincial ou, no seu defecto, certificado do secretario do centro co visto e prace do director, facendo constar toma de posesión e cesamento e a especialidade impartida.
5.7. Por cada ano de experiencia docente en prazas de distinto nivel educativo ou diferente especialidade á que opte o aspirante, noutros centros.0,1Certificado do director co visto e prace do Servicio de Inspección Técnica Educativa, facendo consta-la especialidade e a duración real dos servicios.
5.8. Por cada mes fracción de ano inferior ó curso completo en prazas de distinto nivel educativo ou diferente especialidade á que opte o aspirante, noutros centros.0,008Certificado do director co visto e prace do Servicio de Inspección Técnica Educativa, facendo consta-la especialidade e a duración real dos servicios.
Para estes efectos, os servicios prestados no nivel de educación xeral básica, con anterioridade ó curso 1990/1991, primeiro no que foi de aplicación o Real decreto 895/1989, do 14 de xullo (BOE do 20 de xullo), que regulou a provisión de postos por especialidades, serán baremados polo punto 5.1 no caso de terse prestado en centros públicos, ou punto 5.3, se foron noutros centros.

Así mesmo, entenderase por centros públicos os centros integrados na rede pública do Estado ou das comunidades autónomas con competencias plenas na materia de educación.

Por este punto só se terá en conta ata un máximo de dez anos, cada un dos cales deberá ser valorado nun so dos puntos anteriores.

III. Outros méritos (ata un máximo de tres puntos).

Formación, perfeccionamento e innovación

a) Por cursos superados, relacionados co ensino, organizados polas administracións educativas que se atopen no pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologados ou recoñecidos polas anteditas administracións, así como os organizados polas universidades.

Puntuarase 0,10 puntos por cada 10 horas de curso. Para estes efectos sumaranse as horas de tódolos cursos, e non se puntuarán o resto do número de horas, inferiores a 10.

Ata 2,5

puntos

Certificado deles nos que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe ou recoñecemento de homologación.
b) Por outras actividades de formación ou perfeccionamento superadas.Ata 0,5

puntos

Certificación deles.

Notas:

Primeira.-Unicamente serán baremados aqueles méritos perfeccionados ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segunda.-Para os efectos do epígrafe II (experiencia docente) non se poderán acumula-las puntuacións cando os servicios fosen prestados simultaneamente en máis dun centro docente.

Terceira.-En ningún caso serán valorados polo punto a) do epígrafe III (outros méritos) aqueles cursos nos que a finalidade sexa a obtención dun título académico.

Cuarta.-De conformidade co artigo 6 da Orde do 11 de novembro de 1998, as equivalencias entre distintos cursos e probas de lingua galega terán a mesma consideración legal que os cursos presenciais de iniciación e perfeccionamento.

Quinta.-Os servicios prestados no estranxeiro acreditaranse mediante certificados espedidos polos ministerios de Educación dos respectivos países, nos que deberán consta-lo tempo de prestación de servicios e o carácter de centro público ou privado, o nivel educativo e a materia impartida. Cando non se acredite a materia impartida ou esta non coincida con algunha das especialidades obxecto desta convocatoria, os servicios entenderanse prestados en distinta especialidade á que opta, segundo corresponda. Os ditos certificados deberán presentarse traducidos para o castelán.

ANEXO IV

Programa de lingua galega

Tema 1. Formación da lingua galega. Niveis de lingua e tratamento escolar.

Tema 2. A realidade actual da lingua: estatus legal e escolar. A normalización lingüística no ensino.

Tema 3. Particularidades fonéticas, morfosintácticas e léxicas do galego en relación coas linguas limítrofes. Tratamento escolar das interferencias.

Tema 4. Vocalismo e consonantismo.

Tema 5.O texto. Temas e subtemas. Esquema oracional. Oración simple e composta. Coordinación e subordinación.

Tema 6. O substantivo e o adxectivo. Oracións subordinadas substantivas. Oracións subordinadas adxectivas.

Tema 7. Pronomes persoais. Formas, funcións e colocación con respecto ó verbo.

Tema 8. Artigos, posesivos, demostrativos, numerais, indefinidos e interrogativos.

Tema 9. O verbo. Verbos irregulares. A perífrase.

Tema 10. Adverbios, preposicións, conxuncións e interxeccións. As oracións subordinadas adverbiais.

ANEXO V

O exercicio práctico ó que fai referencia o punto 40.2 desta orde de convocatoria desenvolverase por escrito coa duración que establezan os tribunais.

Educación infantil.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Etapas máis significativas no desenvolvemento do neno de 0 a 6 anos.

-Correntes pedagóxicas e psicolóxicas e influencia na educación infantil.

-Conceptos básicos que debe domina-lo neno previos á lecto-escritura.

-Metodoloxía sobre a prelectura e a preescritura.

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

Pedagoxía terapéutica.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Organización da integración escolar nun centro ordinario que escolariza alumnos con necesidades educativas especiais.

-Características fundamentais do proxecto curricular dun centro específico de educación especial.

-Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares.

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

Audición e linguaxe.

Poderá versar sobre un ou varios dos aspectos seguintes:

-Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.

-Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares.

-Bases anatómicas, fisiolóxicas e neurolóxicas da linguaxe.

-A estimulación precoz na adquisición e desenvolvemento da linguaxe.

-Sistemas alternativos de comunicación.

Idioma estranxeiro inglés.

Incluirá:

-Traducción directa.

-Traducción inversa.

Educación física.

Incluirá:

-Resolución dun ou varios supostos prácticos elaborados polo tribunal. Os ditos supostos versarán sobre os temas do epígrafe A do temario e/ou sobre os bloques dos contidos da educación física na educación primaria.

Música.

Constará de dúas partes:

a) Escrita, que deberá incluír:

-Composición dunha peza vocal e instrumental para utilizar na aula, sobre un texto dado polo tribunal.

-Composición libre dunha peza musical, xustificando a súa adaptación ó estadio madurativo dos alumnos.

-Análise dun fragamento musical de tipo folclórico.

b) De interpretación:

-Lectura dun fragmento musical seleccionado polo tribunal.

-Interpretación, coa voz ou cun instrumento achegado polo opositor, dun fragmento musical sobre unha partitura seleccionada polo tribunal.

CENTRO INFORMÁTICO PARA A XESTIÓN TRIBUTARIA,

ECONÓMICO-FINANCEIRA

E CONTABLE