Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2003 pola que se convoca un curso de actualización na Lei sobre axuizamento rápido para algúns delictos e faltas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a realización dun curso de actualización na Lei sobre axuizamento rápido para algúns delictos e faltas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo a preparación e actualización dos membros dos corpos de Policía Local da provincia de Ourense, en relación coa reforma parcial da LAC provocada pola Lei 38/2002, e tamén

pola Lei orgánica 8/2002, ámbalas dúas do 24 de outubro, sobre o procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas e de modificación do procedemento abreviado.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de Policía Local dos concellos da provincia de Ourense.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 1 de abril de 2003, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense: Departamento de Formación Continua; rúa Progreso, nº 30, 32003 Ourense e nº de fax 988 38 52 15; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase do 7 ó 11 de abril de 2003.

O horario será das 17 ás 21 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:

-Os procedementos de axuizamento criminal.

-A instrucción criminal.

-Funcións procesuais da Policía Xudicial.

-O procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas.

-Organización e cometidos da Policía Local.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 3 de abril a partir das 14 horas, tanto por parte da Deputación Provincial de Ourense como por parte da Academia Galega de Seguridade. Os admitidos poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 988 38 51 42 (Dpto. de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense).

Lugar.

O curso desenvolverase nas aulas do centro cultural da Deputación Provincial de Ourense sito na rúa Progreso nº 30.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 26 de febreiro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade