Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.040

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Consorcio Zona Franca Vigo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Consorcio Zona Franca Vigo, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Consorcio Zona Franca Vigo foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 30 de decembro de 2002, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número catro mil corenta do seu protocolo por Pablo Egerique Martínez, Luís Lara Rubido, Santiago López-Guerra Román, interveñen todos no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais Pablo Egerique en nome e representación do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, o impulso, xestión e desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, didácticas e educativas, científicas, socioeconómicas e demais análogas de interese xeral que, por iniciativa propia ou por proposta doutras institucións, fundacións ou organismos, estime necesarias ou convenientes para o desenvolvemento sociocultural e económico de Galicia. Entre elas inclúese o patrocinio e dirección do Museo do Mar de Galicia.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo indica o artigo 12 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Consorcio Zona Franca Vigo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Consorcio Zona Franca Vigo adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública