Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.039

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 179/2003, do 27 de febreiro, polo que se modifica e amplía o Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

O Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, establece os aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, que forman parte do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos na Comunidade Autónoma de Galicia.

En aplicación da disposición adicional primeira do citado Real decreto 756/1992, o Decreto 253/1993, engadiu ás especialidades dos anteditos graos a de gaita galega, en consideración da importancia deste instrumento na nosa tradición musical e o seu valor histórico na cultura musical europea.

O Real decreto 1463/2001, do 27 de decembro, vén de establece-los aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio da especialidade de gaita, guitarra flamenca e txistu, e o grao medio das especialidades de flabiol e tamborí, tenora e tible.

Tendo en conta que en gran medida o regulamentado por esa norma para a especialidade de gaita xa forma parte dos currículos de gaita galega dispostos polo Decreto 253/1993 e que resulta conveniente a extensión da validez deses estudios a todo o territorio do Estado español, o presente decreto ten por finalidade a adaptación e ampliación dos citados currículos ás normas básicas que figuran no Real decreto 1463/2001, do 27 de decembro, para a especialidade de gaita.

En consecuencia, en virtude da disposición derradeira segunda do Real decreto 1463/2001, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de

Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase equivalente, para tódolos efectos, o establecido no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, para a especialidade de gaita galega coa especialidade de gaita que regula o Real decreto 1463/2001, do 27 de decembro.

Artigo 2º

Engádense ós obxectivos do grao elemental da especialidade de gaita recollidos no anexo II do Decreto 253/1993, os seguintes:

«f) Coñece-las características e posibilidades sonoras do instrumento e saber utilizalas, dentro das esixencias do nivel, tanto na interpretación individual como de conxunto.

g) Adquiri-las técnicas básicas para o mantemento do instrumento, así como para a elaboración dos elementos básicos na producción do son.

h) Iniciar e desenvolve-la capacidade da lectura á primeira vista».

Artigo 3º

Engádense ós contidos do grao elemental da especialidade de gaita recollidos no anexo II do Decreto 253/1993, os seguintes:

«Desenvolvemento da sensibilidade auditiva como premisa indispensable para a obtención duna boa calidade do son.

Emisión do son en relación coas diversas dinámicas e alturas.

Práctica do conxunto con outros instrumentos para desenvolve-la afinación, o axuste e a precisión rítmica.

Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Adquisición de hábitos de estudio correctos e eficaces.

Lectura á vista de obras ou fragmentos sinxelos».

Artigo 4º

Engádense ós obxectivos do grao medio da especialidade de gaita recollidos no anexo IV do Decreto 253/1993, os seguintes:

«f) Dominar no seu conxunto a técnica e as posibilidades sonoras e expresivas do instrumento e saber utilizalas dentro das esixencias do nivel no repertorio propio, así como alcanzar e demostra-la sensibilidade auditiva necesaria para perfeccionar gradualmente a calidade sonora.

g) Desenvolve-la capacidade de lectura á primeira vista».

Artigo 5º

Engádense ós contidos do grao medio da especialidade de gaita recollidos no anexo IV do Decreto 253/1993, os seguintes:

«Adestramento permanente e progresivo da memoria.

Práctica da lectura á primeira vista».

Artigo 6º

No caso da especialidade de gaita, na relación de materias obrigadas do grao medio recollidas no anexo III do Decreto 253/1993, substitúese a de música de cámara pola de conxunto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou de inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA