Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Xoves, 13 de marzo de 2003 Páx. 3.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 10 de marzo de 2003 pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 2002, prorrogando o prazo de presentación da solicitude única e se establece o desenvolvemento dos requisitos agroambientais para a percepción das axudas directas da política agrícola común.

A Orde do 19 de decembro de 2002, publicada no DOG nº 250, do 27 de decembro, regula na Comunidade Autónoma de Galicia a solicitude única, no ano 2003, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras. No seu artigo 3º.1 establécese que o prazo de presentación das solicitudes de axudas por cultivos herbáceos, leguminosas gran, da declaración de superficies forraxeiras, primas por vacas nutrices, pagamentos por extensificación, primas de ovino cabrún e indemnización compensatoria, rematará o día 14 de marzo de 2003.

Por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación prorrógase o prazo de presentación de determinadas solicitudes de axudas, establecidas nos reais decretos 1026/2002, do 4 de outubro, 138/2002 e 139/2002, do 1 de febreiro, e 3482/2000, do 29 de decembro, polo que cómpre, de acordo coa dita normativa básica estatal, modifica-lo prazo de presentación das solicitudes previstas na normativa autonómica reguladora desas axudas.

Por outra banda, o Regulamento 1259/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a obriga de que os estados membros adopten as medidas agroambientais apropiadas, tendo en conta a situación das terras ou das produccións e os potenciais efectos sobre o medio ambiente, facultándolles para reducir, e incluso suprimi-los beneficios procedentes dos réximes de axuda, cando non se cumpran aquelas medidas.

De acordo co dito Regulamento comunitario, o Real decreto 1322/2002, do 13 de decembro, estableceu a normativa básica que determina a suxeición das actividades agrícolas e gandeiras desenvolvidas nas explotacións ó cumprimento de requisitos agroambientais, supeditando os pagamentos directos íntegros das axudas comunitarias no marco da política agrícola común ó dito cumprimento.

Engádese así un novo capítulo á Orde do 19 de decembro de 2002, para precisar, no ámbito da Comunidade Autónoma, os requisitos agroambientais a cumprir para a percepción do importe íntegro das axudas directas reguladas na dita orde, e establece-las porcentaxes de diminución, en función do risco ou dano agroambiental que poida produci-la práctica inadecuada.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do EAG e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta

e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O prazo previsto no artigo 3º.1 da Orde do 19 de decembro de 2002 (DOG nº 250, do 27 de decembro), pola que se regula a solicitude única, no ano 2003, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras, para a presentación das solicitudes de axuda por cultivos herbáceos, leguminosas gran, da declaración de superficies forraxeiras, primas por vacas nutrices, pagamentos por extensificación, primas de ovino cabrún e indemnización compensatoria, prorrógase ata o 28 de marzo de 2003.

Artigo 2º.-Engádese un novo capítulo VII á Orde do 19 de decembro de 2002, denominado «Requisitos agroambientais das axudas directas», que contén os artigos 58 ó 61 seguintes:

«Artigo 58º.-Os pagamentos íntegros das axudas directas establecidas nos capítulos II e III da presente orde, quedarán supeditadas nas actividades agrícolas ou gandeiras que se desenvolvan na explotación ó cumprimento dos requisitos agroambientais que se detallan a continuación:

a) Requisitos para as actividades agrícolas:

1. Non queima-los restrollos e restos da colleita, excepto cando esta práctica veña recomendada por razóns agronómicas, sexa autorizada pola Consellería de Medio Ambiente e se adopten as medidas de seguridade apropiadas.

2. Mante-las terras retiradas do cultivo conforme as prácticas agronómicas establecidas na normativa reguladora das axudas a cultivos herbáceos. A este respecto:

a) Se é o caso, realizarase o barbeito mediante os sistemas tradicionais ou de mínimo laboreo ou conservando unha cuberta vexetal adecuada, co fin de minimiza-los riscos de erosión, a aparición de malas herbas, pragas e enfermidades, conserva-lo perfil salino do solo, a capacidade productiva deste e favorece-lo incremento da biodiversidade.

b) Se é o caso, as aplicacións de herbicidas autorizados serán efectuadas con aqueles que non teñan efecto residual e sexan de baixa perigosidade.

3. Mante-las terras de barbeito tradicional con mínimo laboreo ou mantendo unha cuberta vexetal adecuada, co fin de minimiza-los riscos de erosión, conforme as directrices establecidas no epígrafe a) do punto 2 anterior.

4. Non efectua-lo laboreo tradicional na dirección da máxima pendente, salvo que se dea algún dos seguintes supostos, nos que se considerará que se cumpre este requisito:

* Cando a pendente media da parcela sexa inferior ó 15%.

* Cando a dirección principal da parcela estea orientada no sentido da pendente e ademais a dimensión secundaria sexa inferior a 50 metros.

* Cando as zonas da parcela que incumpran este requisito, aínda considerando as dúas excepcións anteriores, representen menos do 10% da superficie labrada da parcela.

5. Efectua-las prácticas de rega de acordo coa normativa vixente en materia de concesións de auga e limitacións de uso establecidas polos organismos hidráulicos competentes.

b) Requisitos para as actividades gandeiras:

1. Cumpri-las normas establecidas nos programas obrigatorios de vixilancia e erradicación de enfermidades do gando.

2. Dispor, nas instalacións ou edificacións de estabulación permanente, de esterqueiras impermeabilizadas natural ou artificialmente, cun sistema de recollida de escorrentías e con capacidade suficiente de almacenamento en función da xestión prevista ou, no seu defecto, utilizar un sistema de almacenamento e recollida que, en todo caso, evite o risco de filtración e contaminación de augas superficiais e subterráneas.

3. Retira-los animais mortos na explotación de acordo coa normativa vixente.

4. Non queima-los pastos, excepto cando esta práctica se realice en condicións controladas por razóns de prevención de incendios, logo de autorización expresa por parte da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 59º.-Diminución das axudas.

1. Sen prexuízo do disposto nos capítulos V e VI e a disposición adicional terceira desta orde, o incumprimento dalgún dos requisitos establecidos no artigo anterior dará lugar a unha reducción do importe total dos pagamentos concedidos ó productor correspondentes a solicitudes de axuda presentadas durante o ano 2003.

2. As porcentaxes de diminución das axudas aplicaranse ó conxunto dos pagamentos das axudas agrícolas ou gandeiras segundo o requisito agroambiental incumprido.

3. A porcentaxe que se vai aplicar calcularase en función do número de requisitos agroambientais incumpridos, conforme a seguinte escala:

Incumprimentos constatados no ano.

Dun requisito: 5.

De dous requisitos: 10.

De tres ou máis: 20.

Nos casos nos que a práctica inadecuada provoque un grave risco ou dano sanitario ou agroambiental, aplicarase directamente unha porcentaxe de reducción das axudas do 20%.

Artigo 60º.-Controis.

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria realizará os controis administrativos e sobre o terreo para com

proba-lo cumprimento dos requisitos ambientais sinalados no artigo 58º, sen prexuízo das actividades de inspección e supervisión técnica dos órganos da consellerías de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e Medio Ambiente, no ámbito de súas respectivas competencias.

2. Os órganos competentes das ditas consellerías deberán informar da detección de incumprimentos dos requisitos agroambientais nas explotacións agrarias ó Fondo Galego de Garantía Agraria, como responsable da xestión das axudas da PAC.

Así mesmo, calquera autoridade que, no exercicio da súas competencias, detecte algunha das prácticas inadecuadas consideradas no artigo 58º da presente orde deberá comunicalo ó Fondo Galego de Garantía Agraria.

Artigo 61º.-Aplicación dos importes retidos.

1. Os importes retidos en virtude do disposto no artigo 59º deberán utilizarse como financiamento comunitario adicional dalgunha das medidas indicadas no epígrafe 2º do artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1259/1999, preferentemente en axudas agroambientais e indemnización compensatoria, con especial incidencia, se é o caso, nas zonas da Rede Natura 2000, a máis tardar antes de que finalice o terceiro exercicio seguinte a aquel no que foron retidos.

2. Os importes retidos deberán manterse nunha conta específica do Fondo Galego de Garantía Agraria.

3. A contabilización deberá permitir identifica-la procedencia dos fondos retidos, así como o beneficiario e a liña ou liñas de axuda afectadas».

Disposición adicional

Única.-Tódalas referencias efectuadas pola Orde do 19 de decembro de 2002 ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia entenderanse feitas ó Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será de aplicación ás axudas solicitadas no ano 2003.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural