Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Mércores, 12 de marzo de 2003 Páx. 2.926

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia.

Nunha sociedade na que factores como o auxe da comunicación e a identificación visual converteron a imaxe nun referente de primeira orde, a Xunta de Galicia non pode permanecer allea a esta realidade e, polo tanto, persegue nas súas prioridades a dotación de instrumentos que reafirmen a súa identidade e faciliten a súa identificación polos cidadáns. A identificación visual que se persegue cun programa de imaxe institucional como o que aborda o presente decreto, responde ás necesidades que para a Xunta de Galicia supón que a comunicación cos cidadáns constitúe unha obriga derivada da súa propia natureza, dos seus fins, e das súas diversas actuacións.

En consecuencia, realizado o pertinente estudio, estímase que a imaxe corporativa da Xunta de Galicia implantada no ano 1985, nas súas diversas aplicacións foi revelando problemas de lexibilidade inherentes á súa propia construcción formal orixinaria, o que xerou unha considerable dispersión na súa aplicación, que aconsella unha nova formulación da devandita imaxe corporativa.

A devandita lei aprobou, como un dos símbolos de Galicia, o seu escudo, e fixou no seu artigo 7º os supostos nos que este deberá ser utilizado. A presente norma pretende regula-la utilización da imaxe corporativa da Xunta de Galicia respectando o establecido no devandito artigo 7.

Mediante a presente norma apróbase, pois, o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia e establécese o seu ámbito de aplicación, que abrangue tódolos departamentos da Administración da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos e entes de dereito público dela dependentes, autorizando o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para que, mediante orde, estableza as condicións nas que o mencionado código de identificación corporativa deberá ser utilizado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia que figura anexo ó presente decreto.

Artigo 2º

1. Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos e entes de dereito público dela dependentes, utilizarán o devandito código de identificación en tódalas accións de comunicación audiovisuais, escritas e plásticas e, en particular:

a) Nos documentos, modelos normalizados e material impreso.

b) Nas informacións, publicacións, comunicacións ou calquera outro tipo de expresión en calquera soporte, incluídos os audiovisuais ou telemáticos, así como nos carteis e sinalizacións.

2. No suposto dos organismos autónomos e entes de dereito público dependentes ou adscritos á Xunta de Galicia, estarán suxeitos ó disposto no presente decreto, con independencia da utilización, se é o caso, da súa imaxe específica, suposto no que estarán obrigados á utilización de ambas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para fixa-las condicións nas que o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia deberá ser utilizado en cada caso concreto e, en xeral, para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública