Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Luns, 10 de marzo de 2003 Páx. 2.821

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 27 de febreiro de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan as axudas para o ano 2003.

O asociacionismo e o cooperativismo agrarios son instrumentos fundamentais que contribúen moi positivamente na continua modernización do sector agropecuario galego e na súa progresiva adaptación a un mercado cada vez máis amplo e esixente.

Numerosos estudios constatan que o apoio das administracións públicas favoreceu decisivamente o proceso investidor necesario para adapta-las entidades asociativas de carácter agropecuario á realidade actual, facéndoas máis competitivas e dotándoas dunha maior viabilidade e estabilidade económica.

En consecuencia, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considera interesante apoiar aquelas accións orientadas a incrementa-la formación cooperativa dos agricultores e gandeiros socios, así como a mellora-la xestión e os servicios prestados, mediante un maior coñecemento da súa realidade e posibilidades de futuro e a contratación do persoal necesario, xerando creación neta de emprego.

Así mesmo, a experiencia na xestión desta axuda, os resultados que se obtiveron durante o ano 2002 e a adecuación da orde de axudas á realidade actual obrigan a introducir modificacións puntuais que afectan fundamentalmente os condicionantes, criterios de valoración, conceptos subvencionables e contía económica das liñas de axuda establecidas.

Tendo en conta as modificacións citadas e para que a normativa sexa o máis comprensible posible, elabóranse de novo as bases reguladoras das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia. Así mesmo, co inicio do exercicio orzamentario 2003, procede realiza-la convocatoria de axudas para este ano.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3º do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liñas de axuda.

1. Por esta orde, establécense as bases reguladoras das seguintes liñas de axuda:

a) Axudas para mellora-la formación cooperativa.

b) Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado.

c) Axudas para a informatización.

d) Axudas para a contratación de persoal.

e) Axudas para actuacións relacionadas coa calidade.

2. Así mesmo, convócanse estas axudas para o ano 2003, segundo se establece na sección sétima desta orde.

Sección primeira

Axudas para mellora-la formación cooperativa

Artigo 2º.-Obxecto.

Mellora-la capacitación profesional e a formación empresarial do persoal e dos socios das cooperativas e sociedades agrarias de transformación (en diante SAT), así como divulga-lo asociacionismo agrario nesta comunidade autónoma, mediante a realización de actividades formativas, fundamentalmente a organización de cursos, seminarios e xornadas técnicas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, as de explotación comunitaria da terra e as SAT domiciliadas en Galicia.

Artigo 4º.-Condicionantes.

1. Poderanse subvenciona-las solicitudes de axuda para actividades de formación que se realicen de acordo coas condicións esixidas nesta orde. Excepcionalmente, apoiaranse actividades de formación que poidan durar máis dun ano, sempre que o seu interese e realización estean debidamente xustificados.

2. Nas resolucións de concesión especificarase o prazo para a realización das actividades de formación que se subvencionan, que en xeral non excederá do 31 de outubro de cada ano. O incumprimento do prazo concedido poderá supoñe-la perda da subvención aprobada.

3. Os cursos para os socios deberán fomenta-lo asociacionismo agrario e ter unha duración mínima de 20 horas lectivas.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-los gastos derivados da organización e realización de cursos, seminarios e xornadas técnicas por parte das cooperativas e SAT, destinados ó seu persoal, ós socios e demais membros da unidade familiar, así como ós agricultores e gandeiros galegos en xeral. Tamén se poderá subven

cionar calquera outra actividade semellante que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural considere de interese.

2. A axuda non poderá ser superior ó 80% dos gastos de organización e realización das actividades formativas subvencionables, principalmente os gastos de profesorado, medios e material didáctico necesarios.

A subvención poderá chegar ata un máximo de 5.000 euros por actividade formativa que se realice.

3. En calquera caso, ningunha entidade beneficiaria poderá percibir máis de 100.000 euros nun mesmo período de 3 anos.

4. A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, se o considera oportuno e en función das características e do programa das actividades formativas subvencionables, poderá establecer uns importes máximos auxiliables, sen supera-los límites citados anteriormente.

Artigo 6º.-Documentación específica.

1. Ademais da documentación de carácter xeral requirida no artigo 39º, coas solicitudes achegarase unha memoria explicativa das actividades formativas que está previsto realizar, na que se faga referencia ós seguintes aspectos:

a) Motivación e obxectivos.

b) Número e relación de participantes.

c) Duración, datas, horario e lugares de celebración.

d) Programa, debidamente xustificado.

e) Coordinador-responsable das actividades.

f) Profesorado, de se-lo caso.

g) Orzamento desagregado por partidas ou facturas pro forma.

2. Calquera modificación significativa que afecte o desenvolvemento da actividade de formación aprobada (programa, horario, datas, lugar de celebración, etc.) deberase comunicar obrigatoriamente ó Servicio de Fomento Asociativo con antelación suficiente para a realización dos controis oportunos. O incumprimento desta obriga poderá ser causa da revogación da axuda aprobada.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-O interese das accións formativas que se vaian realizar.

-A relación existente entre o programa e a actividade productiva desenvolvida polos membros da entidade solicitante.

-O número de participantes, que debe ser acorde co tipo de actividade formativa prevista.

-O menor número de solicitudes de subvención, para os mesmos conceptos, que se lle concederon nos últimos tres anos.

-A proposta de asistencia dun técnico designado pola Administración.

2. Ós criterios de valoración citados anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de catro, dous, dous, un e un punto, respectivamente.

Artigo 8º.-Xustificación da axuda.

Unha vez realizada a actividade de formación e comprobada a súa correcta execución, procederase ó pagamento da subvención. Para tal efecto, previamente as entidades beneficiarias deberán presentar:

-Memoria-informe das accións formativas desenvolvidas, describindo aquelas incidencias e aspectos técnicos máis relevantes.

-Relación definitiva de tódolos participantes, cos seus correspondentes datos persoais e enderezo, así como do profesorado.

-Xustificación dos gastos efectuados, mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, perfectamente detallados e clasificados por capítulos, co IVE especificado correctamente.

-Xustificación do seu pagamento.

Sección segunda

Axudas para a realización de auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado

Artigo 9º.-Obxecto.

O obxecto desta liña de axudas é dobre:

-Que as entidades asociativas agrarias regularicen a súa contabilidade e coñezan o mellor posible a súa situación económica real, mellorando a xestión empresarial e facéndoa máis transparente ante os socios, mediante a realización de auditorías e análises de xestión.

-Que as entidades asociativas agrarias coñezan e analicen as súas posibilidades e perspectivas de futuro, a conveniencia de poñer en marcha novos servicios e actividades, a situación do mercado e do seu contorno e a mellora da comercialización das súas produccións, mediante a elaboración de estudios de viabilidade e de estudios de mercado.

Artigo 10º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, as de explotación comunitaria da terra e as SAT con domicilio social en Galicia.

Artigo 11º.-Condicionantes.

1. As auditorías e análises de xestión deben ser realizadas por censores xurados de contas ou auditores rexistrados oficialmente. No caso dos estudios

de viabilidade e de mercado, serán realizados por técnicos competentes na materia, colexiados e con experiencia suficiente.

2. Os informes das auditorías e análises de xestión e as conclusións dos estudios, conxuntamente cos dictames efectuados, deberanse explicar con claridade ó conxunto dos socios na primeira asemblea xeral que teña lugar con posterioridade á súa realización. Esta exposición detallada ante o socio recollerase expresamente na acta da devandita sesión plenaria.

3. O prazo para face-las auditorías e os estudios, así como a súa exposición ós socios, remata o 31 de outubro do ano seguinte ó exercicio económico auditado. Poderase ampliar este prazo sempre que se expoñan razóns formais que así o motiven.

4. As entidades solicitantes deberán facturar como mínimo 1.500.000 euros, salvo que:

-Se constituísen nos derradeiros cinco anos naturais.

-Participen en proxectos de fusión, absorción ou integración cooperativa.

-Comercialicen as produccións dos seus socios en nome e por conta da entidade asociativa, no caso das cooperativas agrarias.

-Transformen e comercialicen as súas produccións, no caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e das SAT.

Artigo 12º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Son subvencionables as auditorías, análises de xestión, estudios de viabilidade e estudios de mercado que se realicen de acordo co establecido nesta orde.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, cun máximo de 6.000 euros por auditoría, análise ou estudio realizado. Ningún beneficiario poderá recibir axudas por máis de 100.000 euros nun mesmo período de 3 anos.

Artigo 13º.-Documentación específica.

Presentarase a documentación xeral que se establece no artigo 39º, así como a documentación específica que se detalla seguidamente:

a) Memoria xustificativa.

b) Orzamento ou facturas pro forma.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

Artigo 14º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación desta axuda teranse en conta preferencialmente:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-Que sexa a primeira vez que soliciten.

-Que as entidades solicitantes teñan como actividade principal a transformación e a comercialización dos productos dos socios.

-Que as entidades inicien novas actividades ou servicios.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

2. Ós criterios de valoración establecidos anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de tres, dous, dous, dous e un punto, respectivamente.

Artigo 15º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida polo equipo técnico realizador ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das devanditas facturas.

2. Ademais, para a xustificación dos gastos, será necesario presenta-la seguinte documentación:

-Copia dos informes de auditoría e análises de xestión e copia dos estudios de viabilidade e de mercado que se subvencionaron, así como das conclusións e dictames resultantes.

-Copia compulsada da acta da sesión plenaria, certificación desta ou compromiso de presentala, na cal se lles explicasen ós socios con claridade os estudios, auditoría e informes realizados.

3. O Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, á vista da documentación xustificativa que segundo este artigo é necesario presentar, valorará se as análises de xestión, auditorías, estudios de viabilidade e estudios de mercado realizados se axustan ó inicialmente solicitado, con base no que se describe na memoria e demais documentación que se xunta coa solicitude. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que se poderá considerar condicionante para a determinación do importe final da axuda concedida.

Sección terceira

Axudas para a informatización

Artigo 16º.-Obxecto.

Lograr que a xestión empresarial das entidades asociativas agrarias sexa máis eficaz, moderniza-los procedementos de xestión técnico-administrativa e incrementa-la prestación de servicios ós seus socios, mediante a adquisición de equipos e programas informáticos, software para Internet e fotocopiadoras.

Artigo 17º.-Beneficiarios.

Poderanse acolle-las cooperativas agrarias de carácter agropecuario que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º.-Condicionantes.

1. Só se poderán conceder axudas para a informatización ás cooperativas agrarias no momento da súa constitución ou ás que amplíen significativamente as súas actividades.

Entenderase por ampliación significativa unha extensión das súas actividades a novos productos ou novos sectores ou a expansión cuantitativa superior ó 30% das actividades da entidade. A axuda limitarase proporcionalmente ás novas necesidades creadas por tal aumento de actividades.

2. Ademais, as cooperativas agrarias que amplíen significativamente as súas actividades e soliciten estas axudas, deberán facturar como mínimo 1.500.000 euros, salvo que:

-Se constituísen nos derradeiros cinco anos naturais.

-Participen en proxectos de fusión, absorción ou integración cooperativa.

-Comercialicen as produccións dos seus socios en nome e por conta da cooperativa.

3. As entidades beneficiarias deben ter como obxectivo adaptar conxuntamente a producción dos seus membros ás necesidades do mercado, prevendo normas comúns sobre a producción, en particular sobre a calidade dos productos e as prácticas culturais, sobre a comercialización e relativas á información dos productos. Non se concederán axudas a entidades que teñan por obxecto a xestión dunha ou máis explotacións agrarias, xa que na práctica son asimilables a productores individuais.

4. As entidades beneficiarias deberán establecer normas que preveñan que os productores socios permanezan nelas durante alomenos tres anos e que notifiquen a súa baixa cun mínimo de doce meses de antelación.

5. Esta axuda concederase nunha única vez, cando se adquira o material informático e a fotocopiadora subvencionables por parte das entidades asociativas agrarias acabadas de constituír ou que amplíen significativamente as súas actividades.

6. Nas resolucións de concesión especificarase o prazo para a realización dos investimentos previstos nesta liña de axudas, que xeralmente non excederá do 31 de outubro de cada ano.

Artigo 19º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderase subvenciona-la adquisición de equipos e programas informáticos, o software relacionado coa presencia en Internet e a compra de fotocopiadoras.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% do seu custo, sen supera-los seguintes límites máximos:

-Equipos e programas informáticos: 12.000 euros.

-Software para Internet: 5.000 euros.

-Fotocopiadoras: 2.000 euros.

3. Excepcionalmente, estes límites poderanse superar cando se xustifique que se trata de proxectos de investimento que realizan conxuntamente varias entidades asociativas, ou que o investimento que se vai facer en equipos e programas informáticos repercutirá en beneficio de tres ou máis cooperativas.

Artigo 20º.-Documentación específica.

Para solicitar esta axuda é necesario presenta-la documentación xeral establecida no artigo 39º desta orde, así como a documentación específica seguinte:

a) Relación e características do equipamento informático e fotocopiadora que posúe a cooperativa.

b) Memoria xustificativa da necesidade e aplicación da fotocopiadora, do software para Internet e dos equipos e programas informáticos que se pretenden adquirir, así como xustificación dos condicionantes establecidos no artigo 18º desta orde.

c) Especificación das características técnicas do novo equipamento informático, software para Internet e fotocopiadora.

d) Orzamento ou facturas pro forma.

Artigo 21º.-Criterios de valoración.

1. Para a concesión desta axuda teranse en conta os seguintes criterios preferenciais:

-As razóns expostas na memoria xustificativa.

-As características técnicas do novo equipamento e a súa concordancia coas necesidades da cooperativa agraria solicitante.

-A dimensión socioeconómica da cooperativa.

2. Ós criterios de valoración establecidos anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de catro, catro e dous puntos, respectivamente.

Artigo 22º.-Xustificación da axuda.

Para efectua-lo pagamento da axuda concedida será necesario que as cooperativas agrarias beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se deberá presentar copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida pola empresa subministradora ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das referidas facturas.

Sección cuarta

Axudas para a contratación de persoal

Artigo 23º.-Obxecto.

Mellorar e profesionaliza-la xestión empresarial das entidades asociativas, fortalece-las súas estructuras productivas e comerciais tanto técnica como funcionalmente, realizar novas actividades e ofrecer máis servicios, mediante a contratación de persoal para consolidar ou cubrir novos postos de traballo cualificados que sexa necesario crear.

Artigo 24º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT que teñan o seu domicilio social en Galicia, sempre que contraten persoal para xerencia, técnicos, axentes de substitución e persoal cualificado.

Artigo 25º.-Condicionantes.

1. Só se poderá subvenciona-la contratación de persoal cando signifique a creación neta de emprego.

2. As axudas para os postos de traballo creados concédense para o primeiro ano de contrato. A concesión da subvención para a primeira anualidade non implica ningún dereito preferente ás axudas para prórrogas de contratos.

Polo tanto, a solicitude e concesión de subvencións para as prórrogas farase cada ano ó abeiro da orde de axudas correspondente, sempre que se cumpran as condicións establecidas e se manteña a creación neta de emprego.

3. En tódolos casos a duración da contratación deberá ser como mínimo superior nun ano ó período de tempo subvencionado.

4. Pola súa tipoloxía, os contratos subvencionables deberán garanti-la estabilidade do emprego xerado. Para iso, no primeiro ano deberán ser de carácter indefinido ou de duración determinada por obra ou servicio determinado. No caso das prórrogas, os contratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido.

5. O importe da axuda decrecerá anualmente.

6. Cando se produza a rescisión dun contrato para o que se concedeu subvención, procederase á substitución do traballador no prazo máximo dun mes, en similares condicións ás inicialmente aprobadas, para seguir tendo dereito á axuda concedida. Os datos do substituto e a copia compulsada do seu contrato remitiranse no prazo máis breve posible á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

7. Serán subvencionables todas aquelas contratacións de persoal e prórrogas que se realicen ata o 1 de outubro do ano en curso, como data límite para a formalización do contrato.

8. As entidades solicitantes deberán facturar como mínimo 1.500.000 euros, salvo que:

-Se constituísen nos derradeiros cinco anos naturais.

-Participen en proxectos de fusión, absorción ou integración cooperativa.

-Comercialicen as produccións dos seus socios en nome e por conta da entidade asociativa, no caso das cooperativas agrarias.

-Transformen e comercialicen as súas produccións, no caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e das SAT.

9. No caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e das SAT non se subvencionará a contratación de traballadores que sexan socios da entidade peticionaria ou que sexan familiares directos deles.

Artigo 26º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-las retribucións económicas dos traballadores contratados ó abeiro desta liña de axudas, tanto durante o primeiro ano de duración da contratación, como nos casos de prórroga. Para o cálculo do importe económico da axuda terase en conta o establecido no contrato, así como os conceptos e contías incluídos nas súas nóminas. A subvención aprobada non comprenderá en ningún caso as cotizacións á seguridade social que lle correspondan á entidade contratante.

2. Contía económica e limitacións:

a) No caso da contratación de xerentes, técnicos e axentes de substitución, o importe da subvención poderá chegar ata o 70% das retribucións económicas do primeiro ano de contrato.

Poderase prorroga-la súa contratación durante un ou dos anos. No segundo ano a axuda poderá chegar ata o 50% e no terceiro ano ata o 30%.

b) No caso da contratación de persoal cualificado, o importe da subvención poderá chegar ata o 50% das retribucións económicas do primeiro ano de contrato.

Poderase prorroga-la súa contratación durante un ano e a axuda poderá chegar ata o 30%.

c) As retribucións económicas subvencionables deberán estar en consonancia cos cometidos e co nivel do posto de traballo desenvolvido. As subvencións concedidas para a primeira anualidade non poderán supera-los seguintes límites máximos:

-Xerentes: 21.000 euros.

-Técnicos: 21.000 euros.

-Axentes de substitución: 14.000 euros.

-Persoal cualificado: 10.000 euros.

d) Para as prórrogas, aplicaranse os límites proporcionais que correspondan en cada caso.

Artigo 27º.-Documentación específica.

Ademais da documentación de carácter xeral que se detalla no artigo 39º desta orde, é necesario presenta-la documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa sobre a necesidade, cometidos e cualificación do posto de traballo, así como viabilidade das contratacións que se pretenden realizar.

b) Orzamento anual da nova contratación ou da prórroga.

c) Data prevista da nova contratación ou prórroga e a súa duración. Se non fose posible a contratación na data establecida, comunicarase coa máxima rapidez á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria a nova data de formalización do contrato.

d) Compromiso formal de mante-lo posto de traballo que se crea durante o tempo mínimo que se fixa nesta orde, segundo cada caso.

e) Compromiso formal sobre as condicións de substitución, en caso de rescisión do contrato de traballo subvencionado antes de finaliza-lo período de duración establecido.

f) Copia compulsada dos TC1 e TC2 dos meses de marzo e setembro do ano anterior, especificando o nome completo dos traballadores que se corresponden cos códigos do TC2.

g) No caso dos axentes de substitución nas explotacións, relación dos socios interesados en dispoñer deste servicio e duración prevista deste. Para as prórrogas, copia da contabilidade xustificativa deste posto de traballo.

Artigo 28º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-As razóns expostas na memoria xustificativa, a viabilidade da contratación e o coñecemento do cooperativismo que acredite o persoal que se vai contratar.

-Que sexa a primeira vez que soliciten.

-Que incrementen significativamente o seu cadro de persoal.

-Que poñan en marcha novas actividades ou servicios.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

2. Ós criterios de valoración establecidos anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de tres, dous, dous, dous e un punto, respectivamente.

3. En canto ós postos de traballo que se crean, consideraranse preferenciais os postos de xerentes, técnicos, axentes de substitución e persoal cualificado, por esta orde.

4. En canto á tipoloxía dos contratos, terán prevalencia os que sexan de carácter indefinido.

Artigo 29º.-Xustificación da axuda.

1. Para poder realiza-lo pagamento das subvencións concedidas será necesario xustificar debidamente os gastos efectuados, mediante:

-Copia compulsada das nóminas pagadas pola entidade beneficiaria ó novo persoal contratado ou prorrogado.

-Copia compulsada dos TC1 e TC2 correspondentes ó período xustificado, ou de se-lo caso, compromiso de presentalos.

-No caso dos axentes de substitución é necesario presenta-la facturación contable específica que acredite e permita determina-los custos e coñece-los servicios prestados ós socios, ou alomenos comprometerse a presentala antes de remata-lo período subvencionado.

2. Coa primeira liquidación tamén se achegará a documentación seguinte:

-Copia compulsada do DNI, NIF ou documento de similar valía do novo persoal contratado.

-Copia compulsada do contrato ou contratos, nos que deben figura-los datos persoais e profesionais dos novos traballadores. Os contratos deberán estar asinados por ámbalas dúas partes, así como rexistrados e formalizados debidamente ante o organismo competente en materia de emprego.

-Copia compulsada do título académico, diploma ou acreditación formal da cualificación do traballador, perfectamente lexible. Non se admitirán certificacións nin declaracións dos propios interesados.

-Nos casos de prórroga, copia compulsada dos novos contratos.

3. A partir do primeiro pagamento iranse facendo sucesivas liquidacións da axuda, por trimestres naturais, para as que é necesario previamente presenta-las nóminas, TC1 e TC2 pertinentes.

4. As contratacións de persoal, por razón da súa duración, adoitan culminar alén do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente terá carácter plurianual.

Sección quinta

Axudas para actuacións relacionadas coa calidade

Artigo 30º.-Obxecto.

Mellora-la competitividade das cooperativas e SAT galegas, mediante a incentivación e o fomento da implantación de sistemas de xestión da calidade e de xestión ambiental, incluída a súa certificación.

Artigo 31º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a esta liña de axudas as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT domiciliadas en Galicia.

Artigo 32º.-Condicionantes.

1. Para que as entidades asociativas agrarias poidan beneficiarse desta liña de axudas é imprescindible que rematen o proceso de implantación das normas de calidade elixidas e obteñan a certificación acreditativa.

2. A empresa de consultoría externa deberá estar acreditada e ter suficiente experiencia na realización de procesos similares.

3. Non se subvencionará a renovación de certificados.

Artigo 33º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvencionar:

a) Estudios previos sobre o interese da implantación. Neste caso non é obrigatorio cumpri-lo establecido no punto 1 do artigo anterior.

b) Gastos da entidade asociativa agraria, que se produzan e sexan necesarios como consecuencia da implantación dos sistemas de xestión da calidade e de xestión ambiental.

c) Gastos de consultoría externa para elabora-la documentación básica dos sistemas de calidade, así como para asesoramento e implantación.

d) Gastos derivados da certificación: auditorías de control, concesión, rexistro e emisión de certificados.

2. A contía da subvención poderá chegar ata o 50% dos gastos subvencionables, cos seguintes importes máximos:

-1.500 euros, no caso dos gastos previstos no punto a.

-12.000 euros, para os gastos do punto b, salvo que o interese e a excepcionalidade do proxecto de implantación de normas de calidade aconsellen superar este límite.

-5.000 euros, para os gastos do punto c.

-5.000 euros, para os gastos do punto d.

3. En todo caso, ningún beneficiario poderá percibir máis de 100.000 euros, nun mesmo período de 3 anos.

Artigo 34º.-Documentación específica.

Presentarase a documentación xeral que se detalla no artigo 39º desta orde, así como a documentación específica seguinte:

a) Memoria xustificativa presentada pola cooperativa ou SAT, onde en xeral conste a súa evolución,

actividade, volume de facturación, número de empregados e as súas tarefas, instalacións, estructura organizativa, productos que comercializa, clientes e mercados que atende, situación actual da producción, previsións futuras e interese da acreditación.

b) Memoria descritiva do proxecto de implantación de normas de calidade e a súa acreditación, que conteña as actividades que se van realizar, os obxectivos previstos e tódolos elementos significativos para a avaliación do proxecto.

c) Programa de investimento e orzamento ou facturas pro forma, desagregado por capítulos de gastos.

d) Prazo de execución do proxecto e cadro de resultados previstos.

e) Memoria de presentación da empresa de consultoría externa, onde se indique a súa organización, metodoloxía e experiencia nestes procesos.

Artigo 35º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación desta axuda teranse en conta preferencialmente:

-Aplicación práctica do proxecto de implantación de normas de calidade e a súa acreditación no relanzamento e previsións futuras da entidade.

-Coherencia do proxecto coa estructura socioeconómica da entidade.

-Carácter innovador, en canto á achega de coñecementos ou habilidades inexistentes ou inusuais, que no seu conxunto repercutan favorablemente na entidade e nos seus socios.

-Que a cooperativa ou SAT solicitante realice procesos de transformación de materias primas mediante unha industria de carácter agrario, así como a posterior comercialización dos productos resultantes.

2. Ós criterios de valoración establecidos anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de tres, tres, dous e dous puntos, respectivamente.

Artigo 36º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das subvencións concedidas será necesario que as entidades beneficiarias xustifiquen os gastos realizados, mediante facturas orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificacións expedidas pola empresa consultora e pola entidade de acreditación, ou calquera outro documento similar que acredite fidedignamente o pagamento das devanditas facturas.

2. Ademais, coa xustificación dos gastos presentarase a seguinte documentación:

-Informe técnico ou memoria xustificativa na que se describa a realización do proxecto de acreditación

e se recollan aquelas incidencias máis significativas que ocorreron na súa execución.

-Copia compulsada dos certificados de acreditación obtidos, unha vez rematado o proceso de implantación das normas de calidade elixidas.

3. O Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, á vista da documentación xustificativa presentada, valorará se a implantación das normas de calidade e os gastos derivados están acordes co inicialmente previsto nas solicitudes de axuda aprobadas. De non ser así, emitirá informe ó respecto, que se poderá considerar condicionante para determina-lo importe final da subvención concedida.

Sección sexta

Disposicións xerais

Artigo 37º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se xunta.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Xuntaráselle-la documentación que se detalla nesta orde, tanto de carácter xeral como específica, para cada liña de axudas. No caso de solicitar subvención por varias liñas, a documentación de carácter xeral que sexa coincidente só se presentará unha vez.

3. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 38º.-Condición previa.

Non se admitirán como subvencionables os investimentos, actividades e gastos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda.

Artigo 39º.-Documentación xeral.

As solicitudes presentaranse xunto coa documentación específica que se detalla nesta orde para cada

liña de axudas e coa documentación de carácter xeral que a continuación se cita:

a) Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo do anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-las accións para as que se vai pedi-la subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

b) Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, completamente cuberto.

c) Copia compulsada do CIF.

d) Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último exercicio económico. No caso das cooperativas de nova constitución, presentarán copia da declaración censual.

e) Certificacións, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

f) Certificación bancaria do número de conta.

Artigo 40º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que o servicio competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia

de que de non facelo terase por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 41º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para cada liña de axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria remitirá para a súa fiscalización á Intervención delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 42º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e investimentos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 43º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento do prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ás entidades beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente dirixida ó Servicio de Fomento Asociativo (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, rúa dos Irmandiños, s/n. Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das coo

perativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades e gastos realizados, de acordo co que se especifica para cada liña de axudas no texto desta orde e na pertinente resolución de concesión.

As facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE especificado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente que xa están pagas.

4. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente a entidade beneficiaria presente a seguinte documentación de carácter xeral:

a) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

As certificacións de estar ó día coa Comunidade Autónoma e nas obrigas fiscais poderán solicitalas as cooperativas e SAT beneficiarias, ou ben autoriza-la Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para que o faga, tal como se establece no anexo VII desta orde.

Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas as entidades asociativas beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 euros, de acordo co establecido no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

e) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins previstos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

5. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes

e documentación que se presente ó respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados e admitidos, practicarase a reducción proporcional pertinente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 44º.-Seguimento e control.

1. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as cooperativas e SAT beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, estarán suxeitas ó establecido no artigo 78 punto 9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999), na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 45º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas dictadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa

notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, os beneficiarios desta orde de axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999).

Sección sétima

Disposicións específicas para a convocatoria do ano 2003

Artigo 46º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2003, o prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 47º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.0, por un importe de 680.806,26 euros; e 09.04.615-A.770.0, por un importe de 50.000 euros; dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, así como con outros remanentes que puideran existir nas mesmas aplicacións.

En todo caso, a concesión das axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 21 de xuño de 2002, pola que se establecían axudas para mellora-la formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 10 de xullo de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural