Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Venres, 07 de marzo de 2003 Páx. 2.780

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións a empresas para a realización de estudios da situación da muller e para a elaboración de plans de igualdade de oportunidades.

O principio de igualdade de oportunidades, amparado hoxe por tódolos códigos normativos e éticos internacionais, procura un trato non discriminatorio para as mulleres que favoreza que poidan optar e participar plenamente nos diferentes ámbitos de desenvolvemento das persoas. Eliminar toda forma de discriminación esixe a aplicación de medidas específicas que promovan unha situación real de igualdade entre mulleres e homes. Tales medidas ou estratexias correctoras e compensatorias pretenden contrarrestar na práctica as desigualdades que se producen por razón de xénero e aplicar á noción abstracta de igualdade accións concretas que se traduzan en oportunidades reais para as mulleres garantindo así a construcción dun modelo social igualitario.

As estratexias empresariais destinadas a consegui-la igualdade de oportunidades deixa de ser hoxe unha opción meritoria para converterse nunha necesidade para a productividade e o crecemento económico das empresas aparecendo como unha das fórmulas especialmente útiles para a eliminación dos obstáculos que lles impiden ás mulleres desenvolver certas profesións, ocupar cargos de responsabilidade e participar equitativamente no desenvolvemento sustentable da nosa comunidade.

Os plans de igualdade xorden como resposta e como marcos de actuación política e social para minora-las dificultades que por razón de sexo lles impiden ás mulleres o seu pleno e libre desenvolvemento persoal, político, social, profesional, etc.

A Unión Europea, con carácter anual, define unhas directrices para o emprego que os estados membros deberán aplicar a través dos seus plans nacionais e autonómicos. Estes plans elabóranse sobre as liñas de actuación recollidas na Estratexia europea de emprego: a mellora da empregabilidade, o fomento do espírito empresarial, e adaptabilidade e a flexibilidade laboral e a igualdade de oportunidades para homes e mulleres no acceso ó traballo. As medidas para recorta-las diferencias de xénero no mercado laboral e para mellora-la conciliación da vida laboral e familiar xirarán en torno a estas liñas de actuación establecidas.

No IV Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas establécese, dentro da área de formación, emprego e conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como unha das actuacións dirixidas a acada-lo obxectivo de fomenta-la participación das mulleres na actividade empresarial, a promoción da elaboración de plans de igualdade nas empresas.

Á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado correspóndelle, no ámbito da Comunidade Autónoma, o exercicio das competencias en materia de muller, que serán exercidas a través do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, establece no seu artigo 2 que o Servicio Galego de Igualdade terá como obxectivo principal a promoción e adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes, removendo os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

Esta resolución pretende actuar, a xeito experimental, como incentivo para a realización de estudios sobre a situación da muller e a elaboración de plans de igualdade polas empresas e para a súa aplicación no propio ámbito empresarial.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais a subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente resolución, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Estas axudas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 14.50.212A.470.2 recollida no orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. O importe global destinado a elas ascenderá a 12.000 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é establece-las bases reguladoras para a concesión de axudas económicas para a realización dun estudio da situación da muller na empresa ou para a elaboración dun plan de igualdade de oportunidades nela, e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2º.-Destinatarias.

Poderán solicita-las axudas as empresas que teñan a súa sede social e efectiva da actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e que pola súa vez teñan no seu cadro de persoal polo menos quince persoas.

Artigo 3º.-Axudas.

1. Os tipos de axuda que se poderán solicitar son as seguintes:

a) Para a realización dun estudio da situación da muller na empresa.

b) Para a elaboración dun plan de igualdade de oportunidades na empresa.

2. A axuda consistirá nunha subvención que poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe do gasto efectuado.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes formalizaranse segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente resolución, debidamente cuberto, dirixido á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Documentación que se xuntará á solicitude para tódalas axudas:

a) Se o/a solicitante é persoa física, fotocopia compulsada do DNI; se é persoa xurídica, fotocopia compulsada do documento de constitución da sociedade e fotocopia compulsada do DNI da persoa que asina a solicitude e documentación que acredite que posúe poder suficiente para actuar en nome da empresa.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Memoria descritiva do traballo que se vai realizar, con mención dos seus obxectivos, metodoloxía,

tempo de duración previsto, medios humanos e materiais da empresa, necesidades previstas de servicios exteriores, e cantos outros considere de interese.

d) Cadro de persoal da empresa que alomenos indique: número e denominación dos postos, nivel de cualificación esixido e retribución anual. Farase constar unha referencia detallada dos postos de traballo desempeñados por mulleres.

e) Orzamento previsto para a execución da acción subvencionada que reflicta custos por utilización de medios propios e por utilización de servicios exteriores.

f) Declaración do conxunto de tódalas axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a mesma acción, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (anexo II).

g) Declaración expresa de aceptación das actuacións de supervisión e control do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas e ás daqueloutros organismos públicos que, se é o caso, procedan (anexo III).

h) Certificación bancaria de existencia de conta (anexo IV).

i) De se-lo caso, autorización para solicitude de certificacións sobre débedas tributarias estatais e autonómicas (anexo V).

Artigo 5º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado que correspondan ó domicilio do/a solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. Se as solicitudes fosen presentadas nas delegacións provinciais, estas remitiranas coa maior brevidade posible ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 6º.-Tramitación de expedientes.

1. O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller comprobará que os expedientes

reúnen tódolos requisitos recollidos nesta resolución e requirirá ó/á solicitante para que, no prazo de dez días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixera, teráselle por desistido/a da súa petición, logo da resolución de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiránselle á comisión para propoñe-la aprobación ou a denegación de axudas, seguindo os criterios recollidos na presente resolución.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

Para o disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará composta pola secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o/a xefe/a do Servicio de Cooperación e o/a do Servicio de Administración Xeral, que actuará como secretario/a.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A comisión de valoración á hora de avalia-las solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

1. Estudio da situación da muller na empresa referida ó seu cadro de persoal:

a) Número de postos de traballo ocupados por mulleres: características persoais dos postos.

b) Formación profesional precisa para cada posto.

c) Tipo de contratos.

d) Situación de empoderamento da muller: participación en postos directivos.

e) Mobilidade dentro da empresa.

f) Niveis retributivos.

2. Elaboración dun plan de igualdade de oportunidades para a empresa:

a) Grao de inserción laboral feminina na empresa.

b) Recursos existentes na empresa para facilita-la conciliación da vida familiar e laboral.

c) Oferta de formación continuada: realización de cursos de formación e capacitación profesional para mulleres.

d) Existencia de formación, en xestión directiva e liderado, específica para mulleres.

e) Promoción profesional.

f) Selección de persoal: equipos de selección equilibrados á proporción entre sexos.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración e fiscalizado pola Intervención, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Esta resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A notificación das resolucións deberase producir no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 10º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a axuda ou subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as empresas beneficiarias xustifiquen a realización da acción subvencionada e presenten por duplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da realización do estudio ou plan elaborado, presentarase en soporte escrito e informático.

b) Certificacións de que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, se non se asinou a autorización recollida no anexo V.

c) Certificación de que están ó día nas súas obrigas sociais.

d) Certificación do/a representante da empresa que acredite que se realizou o gasto, o importe ó que ascendeu e que este foi destinado para o fin para o que a subvención foi concedida xunto cunha relación detallada dos gastos realizados indicando os conceptos e importes correspondentes.

e) Facturas ou xustificantes documentais acreditativos dos gastos realizados.

f) Declaración complementaria do conxunto de tódalas axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a mesma acción, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. O prazo para presenta-la xustificación remata o 30 de novembro de 2003.

Artigo 11º.-Obrigas dos/as adxudicatarios/as das subvencións.

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá facerse constar que a acción está financiada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, cos seus respectivos anagramas.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 14º.-Reintegro.

Procederá ó reintegro total ou parcial da axuda percibida e os xuros de demora desde o momento do seu pagamento de acordo co establecido no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da axuda sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios/as con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario/a ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá dictar resolución de concesión de carácter complementario, cando existisen fondos provenientes de remanentes de subvencións inicialmente concedidas.

Segunda.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta resolución.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Cuarta.-Ós/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nesta resolución seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2003

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA