Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Martes, 04 de marzo de 2003 Páx. 2.658

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2003 pola que se convocan probas de selección de alumnos para a promoción 2003/2005 para a Sección de Especialización da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

O Decreto 270/1997, do 18 de setembro, polo que se crea a Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia (DOG nº 191, do 3 de outubro) recolle, dentro do funcionamento da escola, a Sección de Especialización. Nesta sección preténdese achegar ó panorama dos estudios musicais na Comunidade Autónoma de Galicia a oportunidade de perfeccionamento instrumental dos novos valores, nas súas distintas especialidades, mediante a formación individualizada cara á súa integración profesional ó máis alto nivel.

Con esta finalidade, o IGAEM convoca probas de admisión e selección de alumnos cara á vindeira promoción 2003/2005, que van ter lugar os días 24 e 25 de maio de 2003 no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, sito na avda. do Burgo das Nacións s/n, nas especialidades de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón e percusión.

As bases da convocatoria poderán ser examinadas e/ou solicitado o seu envío por correo na sede administrativa do IGAEM (Pavillón de Galicia, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela). As solicitudes poderán presentarse ata o día 28 de abril de 2003 no rexistro do IGAEM, ben persoalmente, ben por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Quen opte por presenta-la súa solicitude nun rexistro diferente ó do IGAEM deberá comunicalo por telegrama ou fax dentro do prazo.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

1. Dúas copias das obras que se van interpretar libremente coa parte de piano, se a ten.

2. Fotocopia do título de grao medio ou superior, ou da certificación de estudios correspondente, ou declaración persoal deste.

3. Fotocopia do DNI ou equivalente.

4. Curriculum vitae e fotocopia da documentación acreditativa dos méritos que se aleguen.

5. Fotocopia do certificado de residencia ou declaración persoal deste.

6. Unha fotografía tamaño carné.

Soamente se lles pedirán documentos orixinais ou compulsados ós alumnos que superen as probas, no momento de formaliza-la matrícula, será imprescindible a súa presentación.

O día 16 de maio de 2003 serán expostos, no taboleiro de anuncios do IGAEM e no da escola no Auditorio de Galicia, os horarios das probas para cada un dos instrumentos.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2003.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA