Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Luns, 03 de marzo de 2003 Páx. 2.606

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2003, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental dunha estación depuradora e centro de expedición de moluscos bivalvos, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Hermanos Vidal Padín, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 17 de outubro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental dunha estación depuradora e centro de expedición de moluscos bivalvos, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Hermanos Vidal Padín, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2003.

Javier Pereiro Muñoz

Director xeral de Recursos Mariños

ANEXO

Antecedentes.

O Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986,

do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dispón que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Entre os proxectos previstos no antedito anexo I atópanse as instalacións de acuicultura intensiva cunha capacidade de producción superior a 500 toneladas ó ano.

Dado que a instalación proxectada prevé unha producción anual de 7.227 toneladas ó ano de moluscos bivalvos depurados, o proxecto cualificouse como sometido a avaliación de impacto ambiental, polo que se procede a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O proxecto consiste na rehabilitación, acondicionamento e modernización dunha antiga depuradora de moluscos bivalvos localizada nunha área completamente antropizada e rodeada de construccións. A superficie da nave existente é de 2.284,31 m nos que se construirán cinco depósitos de decantación e nove píos de depuración. A captación de auga salgada realizarase mediante o emisario existente.

Con data 17 de xaneiro de 2002 (DOG nº 12) publicouse a Resolución do 29 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se somete a información pública o estudio ambiental correspondente ó citado proxecto. Durante o período de exposición pública non se ten constancia da presentación de alegacións.

Con data 26 de xullo de 2002 recíbese nesta dirección xeral o expediente do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Recursos Mariños que, contén, xunto co seu informe, o certificado de información pública e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública a de Conservación da Natureza.

Con data 5 de agosto de 2002 solicitase ó promotor un exemplar do estudio de impacto ambiental, presentado o 9 de outubro de 2002.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental do centro depurador de moluscos bivalvos, no lugar de Vilaxoan, concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola empresa Hermanos Vidal Padín, S.L.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Recursos Mariños e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental (EsA).

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas foron tidas en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Declaración de efectos ambientais.

Examinada a documentación presentada pola empresa promotora, «Estudio de impacto ambiental. Centro depurador de moluscos bivalvos. Hermanos Vidal Padín, S.L.», a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á rehabilitación, acondicionamento e modernización dunha depuradora existente, no concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). A superficie da nave é de 2.284,31 m.

Proxéctase a construcción de cinco depósitos de decantación e nove píos de depuración. A captación de auga salgada realizarase mediante o emisario existente.

A localización da granxa mariña será a que se recolle no plano «Situación e localización. Plano nº A-2» do estudio de impacto ambiental.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no contorno da granxa e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal efecto, deberase presentar un estudio acústico e unha proposta de plan de vixilancia de ruídos, tendo en conta que se deberá realizar unha medición do ruído na fase preoperacional e que as medicións deberán ser realizadas por entidade homologada por esta dirección xeral e vir asinadas por técnico da entidade, segundo o indicado no punto 8.1 da presente DIA.

3. Protección das augas.

A vertedura das augas deberá cumpri-lo estipulado na lexislación vixente, sendo necesario contar coa correspondente autorización de vertedura emitida por Augas de Galicia.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, deberá realizarse un seguimento específico, polo que o promotor deberá presentar unha proposta de seguimento da calidade das augas, tendo en conta que:

1. A toma de mostras deberá cumprir como mínimo o especificado na Orde do 13 de xullo de 1993. Terase en conta que se deberá controlar tamén a calidade das augas nas zonas de baño (praias) que se poidan ver afectadas pola depuradora. Ademais, deberase detalla-la periodicidade de toma de mostras.

2. Os parámetros que haberá que incluír serán os do anexo IV do Real Decreto 345/1993, do 5 de marzo, debendo realizarse unha análise na fase preoperacional.

3. Deberanse cumpri-los obxectivos de calidade das augas indicados na Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia.

4. Ademais, deberanse realiza-las seguintes análises:

* Control de sedimentos e organismos no medio receptor. Terase en conta que o primeiro ano a periodicidade será como mínimo semestral.

* Análises da calidade da auga das zonas de baño situadas na zona de influencia da granxa.

* O seguimento da calidade das augas débese facer coas instalacións en funcionamento.

As augas provenientes dos servicios hixiénicos, labores de limpeza e fabricación de xeo deberanse verter á rede de saneamento, tal e como se indica no estudio ambiental.

No caso de realiza-lo pozo de barrena, tal como se indica no estudio, este deberá contar coas preceptivas autorizacións.

Para a depuración das augas non se poderá utiliza-lo sistema de vertedura sobre un parque de cultivo de ameixa e ostra, por non considerarse unha medida aceptable. Polo que se deberán propoñer alternativas á depuración que garantan que o vertedura non supere os límites establecidos na lexislación vixente, ademais de achegar datos sobre a calidade prevista das augas ó remata-lo período de depuración, tal e como se indica no punto 8.3 da DIA.

4. Protección do solo.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da zona de obras, e que conten coas debidas autorizacións.

As actuacións que se realicen na zona de dominio público marítimo terrestre deberán contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Costas.

Respecto á ampliación do peirao deberanse identificar e valora-los efectos sobre a calidade da auga, sobre os recursos mariños e sobre a dinámica litoral, polo que se deberá presentar un proxecto de ampliación do peirao, xunto cun estudio de impacto ambiental e un estudio básico de dinámica litoral, segundo o requirido no punto 8.4 da DIA.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos xerados como consecuencia da instalación e explotación da granxa serán xestionados en función da súa natureza, de acordo co estipulado pola lexislación vixente de aplicación. Neste sentido, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por verteduras accidentais.

O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, poderá efectuarse dentro dunha zona delimitada en lugares previamente seleccionados e sinalizados, dotados dos medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación.

O tratamento dos residuos dos moluscos deben cumpri-las normas establecidas no Real decreto 747/2001, de 29 de xuño, polo que se establecen as substancias e productos indesexables na alimentación animal e na Orde 28 de febreiro de 2001 pola que se regula o destino de determinados subproductos animais.

Os entullos de demolición e/ou construcción resultantes das obras xestionaranse segundo a lexislación vixente, e os sobrantes de escavacións serán levados e depositados en sitio autorizado por órgano competente.

6. Protección da fauna.

Deberase presentar una lista detallada de productos de limpeza e desinfección que hai que utilizar, acompañado dun calendario de limpeza e desinfección das instalacións e unha proposta de seguimento da posible afección destes productos sobre o medio e as poboacións da fauna presentes na zona, segundo o requirido no punto 8.5 da DIA.

Dado que na zona de influencia da explotación existe unha autorizacións marisqueiras, deberase realizar un estudio detallado sobre tódolos recursos pesqueiros-marisqueiros existentes na zona de influencia da explotación e valora-los posibles impactos que se poidan producir, segundo o requirido no punto 8.6 da DIA.

7. Protección do patrimonio cultural.

As obras restrinxiranse ás definidas no documento titulado «Estudio de impacto ambiental. Centro depurador de moluscos bivalvos. Hermanos Vidal Padín, S.L.» No caso de que as obras proxectadas (ou outras obras auxiliares) teñan lugar fóra do ámbi

to recollido no estudio ambiental será necesaria unha prospección arqueolóxica.

8. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras o promotor presentará, nun prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da DIA, perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

8.1. Estudio acústico e proposta dun plan para o control do ruído, segundo o indicado no punto 2.1 da presente DIA, terase en conta que o informe de resultados estará asinado por técnico da entidade realizadora da medición.

8.2. Proposta detallada de seguimento da calidade das augas no que se recolla todo o indicado no punto 3 da presente DIA. A proposta terá que contar con planos onde se reflictan os puntos elixidos para levar a cabo o control. Terase en conta que a toma de mostras de tódalas analíticas serán realizadas por laboratorio homologado.

8.3. Proposta detallada e xustificada de alternativas para a depuración da auga de mar utilizada na depuradora.

8.4. Proxecto, informe valorativo dos posibles impactos ambientais e estudio básico da dinámica litoral da ampliación do peirao.

8.5. Lista de productos de limpeza e desinfección, calendario de utilización e proposta xustificada dun plan para o control da incidencia destes productos sobre a fauna da zona e sobre a calidade das augas, tendo en conta o indicado no punto 6 da presente DIA.

8.6. Estudio detallado sobre tódolos recursos pesqueiros-marisqueiros existentes na zona de influencia da explotación, valora-los posibles impactos que se poidan producir e proposta de medidas correctoras para os posibles impactos detectados, segundo o indicado no punto 6 da presente DIA.

8.7. Desenvolvemento detallado do plan de vixilancia proposto polo promotor.

8.8. Copia da autorización emitida polos diferentes órganos competentes para a vertedura ó mar, así como a autorización de captación de auga no caso de realiza-lo pozo de barrena indicado no estudio ambiental.

8.9. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

8.10. Notificación do responsable do seguimento ambiental, segundo o requirido no punto 10.3 da DIA.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, que inclúa tódalas actividades que se van realizar, a execución das medidas protectoras e correctoras.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Durante a execución das obras: con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa,

1. Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia que aprobe esta dirección xeral e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas na presente DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías deberase indica-la data e hora de toma e o informe deberá vir asinado polo técnico responsable.

2. No primeiro informe durante a execución de obras incluirase unha copia da inscrición no rexistro de pequeno productor de residuos perigosos na fase de obras.

3. Resultados e conclusións das campañas de análises das calidades das augas (puntos de vertedura e zonas de baño) realizadas durante as obras, asinado polo técnico responsable.

9.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da depuradora e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

1. Definición das incidencias ou imprevistos acontecidos desde a emisión do último informe de obras,

cos contidos indicados no devandito punto 9.1 da DIA, descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

2. Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras.

3. Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

9.3. Seguimento ambiental semestral, a contar desde o inicio da explotación, e durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

1. Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento da depuradora. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento en que sexan obtidos, terase en conta que o informe de resultados estará asinado por técnico da entidade realizadora da medición.

2. Resultados e conclusións das campañas de análises das calidades das augas (puntos de vertedura e zonas de baño) trala finalización das obras de construcción.

3. Documentación acreditativa da inscrición no rexistro de pequenos productores de residuos perigosos para a fase de explotación.

4. Informe detallado dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto polo promotor e completado na presente DIA, e das incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA.

9.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá os mesmos contidos co informe descrito no punto anterior.

9.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da depuradora, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no estudio ambiental, xunto coa súa xustificación.

9.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses a contar desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós diferentes residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral, e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas.

10. Condicións adicionais.

10.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

10.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na DIA.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

10.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo tramite de avaliación ambiental.

10.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. A proposta de aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata.

10.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como na fase de explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

10.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

10.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

10.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

10.10. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.11. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa realizado este trámite.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto presentado consiste na rehabilitación, acondicionamento e modernización dunha antiga depuradora de moluscos bivalvos. A superficie da nave existente é de 2.284,31 m nos que se construirán cinco depósitos de decantación e nove píos de depuración. A captación de auga salgada realizarase mediante o emisario existente.

Medidas protectoras e correctoras.

-Fase de obras:

* Esixiranse os certificados de posta a punto da maquinaria que se utilice na obra.

* En épocas de seca procederase ó apantallamento e rega das zonas de posible emisión de po.

* Os sobrantes da obra depositaranse en vertedoiro legalmente establecido.

* As reparacións e mantemento de maquinaria realizaranse en talleres especializados e homologados.

* Os residuos xerados durante a fase de obra amorearanse nun punto, evitando a súa dispersión, e semanalmente retiraranse a vertedoiro autorizado.

-Fase de explotación:

* O refugallo orixinado nos servicios hixiénicos serán conducidos á rede municipal de saneamento.

* O cloro utilizado na desinfección de augas eliminarase á atmosfera, dentro do recinto da depuradora, contando coa ventilación suficiente e estando illada do resto do recinto.

* Os restos de moluscos e moluscos mortos depositaranse en contedores para a súa recollida por xestor autorizado.

* Realización de controis mensuais sobre os parques de cultivo onde se proxecta a vertedura.

* O control das variables físico-químicas, así como o seguimento periódico de tódalas variables biolóxicas da explotación, tanto ambientais como de producción, sería efectuado, no caso de que fose necesario, polo persoal técnico adscrito ó proxecto.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable no que conclúe:

No caso de que as obras proxectadas, ou as auxiliares, teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia, será necesaria unha prospección arqueolóxica da área que implique novos movementos de terra.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, coa seguinte puntualización:

* Deberán extremarse os controis do efluente ó medio receptor, de tal xeito que a calidade da auga das zonas de baño (praias), situadas na área de influencia desta depuradora, non se vexa afectada pola vertedura do efluente.

* En canto á subministración de auga potable na instalación, mediante un posible pozo de barrena, recórdase que a dita auga deberá cumpri-los caracteres de potabilidade que esixe a lexislación vixente.

A Dirección Xeral de Recurso Mariños emite informe no que conclúe:

* O proxecto presentado para informe é moi incompleto. Achegan datos xerais sobre a depuración recollidos dun libro e baséanse nunha normativa derrogada desde o ano 1999.

* No estudio de impacto ambiental non fan ningunha valoración sobre a afección á calidade das augas, aínda que a cualifican como moderada. Non teñen en conta o impacto que pode implica-la ampliación do peirao. Dado que é unha zona de producción deberíanse cumpri-las normas de calidade indicadas no anexo IV de Real decreto 345/1993, do 5 de marzo. Non achegan ningún estudio sobre afeccións ós recursos mariños.

* O método de depuración proposto non se pode considerar como válido. Ademais, no estudio non achegan ningún dato que avale a eficacia deste método de depuración.

* Considerando que é un estudio moi incompleto deberíase engadir:

-Datos sobre calidade prevista das augas ó remate do período de depuración de moluscos.

-Un estudio dobre a afección á calidade das augas, os recursos mariños e a dinámica mariña en tódalas fases do proxecto, incluído a ampliación do peirao existente.

-Un sistema eficaz de depuración de augas residuais.

-Medida correctoras tendentes a diminuí-los ditos efectos.

-Un plan de seguimento ambiental detallado.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que conclúe:

Na fase de construcción deberase cumprir, ademais de tódalas medidas preventivas e correctoras propostas no estudio ambiental, as seguintes condicións:

* Evitar depositar residuos ou productos sólidos en zonas que poidan ir parar ás augas coa conseguinte contaminación destas.

* Toma-las medidas de seguridade necesarias para evitar verteduras accidentais dos tanques de almacenamento de productos como aceites, graxas e carburantes de motores.

Con relación á fase de explotación, hai comenta-la necesidade de executar, en tódolos casos, as medidas tomadas no correspondente estudio ambiental, para previr aqueles efectos susceptibles de provocar prexuízos ó medio.

No concernente ó Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental, elaboraranse os informes correspondentes, tal e como recolle o estudio ambiental. As análises dos parámetros estudiados realizaraas persoal cualificado. Esta actuación permitirá levar un seguimento exhaustivo de actividade, que será revisado polo organismo competente. No caso de provocar calquera afección ambiental, tomaranse as medidas necesarias para reduci-lo prexuízo comunicándoo o antes posible ó organismo competente, quen decidirá sobre a solución que hai que adoptar, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos negativos ocasionados.

Por outra banda, procurarase incrementa-la formación e sensibilización ambiental de todo o persoal, ademais de velar por actuacións preventivas.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL