Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Luns, 03 de marzo de 2003 Páx. 2.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 19 de febreiro de 2003 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu consello regulador.

Por Orde do 1 de outubro de 1997, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia recoñeceu a denominación específica Mel de Galicia para os meles producidos e envasados na Comunidade Autónoma do xeito e condicións que determinase o seu regulamento particular.

O Real decreto 1643/1999, do 22 do outubro, regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas. O artigo 5 deste real decreto prevé, en aplicación do artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data da transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, mediante a aprobación e publicación do regulamento de denominación, que deberá ser ratificado, para o efecto, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Polo tanto, unha vez realizada a dita transmisión e de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu consello regulador que figura como anexo á presente disposición, co carácter transitorio establecido no artigo 5.5 do Regulamento (CEE)2081/1992, unha vez que a solicitude de rexistro foi transmitida á Comisión Europea.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu consello regulador

Capítulo I

Xeneralidades

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CEE) 2081/1992, do Consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos productos agrícolas e alimenticios; na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, polo que se establece a normativa á que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos productos agroalimentarios non vínicos; na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, do 25 de xaneiro de 1994, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o Regulamento (CEE) 2081/1992, en materia de denominacións de orixe e indicacións xeográficas dos productos agroalimentarios; e no Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no rexistro comunitario das denominacións de

orixe e indicacións xeográficas protexidas, quedan amparadas coa indicación xeográfica protexida Mel de Galicia os meles tradicionais designados baixo esta indicación xeográfica que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa producción, procesado, envasado, almacenaxe e comercialización tódolos requisitos esixidos polo mesmo, polo prego de condicións e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

1. A indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, e a súa traducción ó castelán, Miel de Galicia, non se porá aplicar a ningún outro tipo de mel máis que o definido por este regulamento, nin se poderán utilizar termos, expresións, marcas ou signos que, pola súa similitude fonética ou gráfica con esta, poidan inducir a confusión cos que son obxecto de protección, aínda no caso de que vaian precedidos polas expresións «tipo», «estilo», «elaborado en», «manipulado en», «fabricado en» ou outras análogas.

2. A protección outorgada esténdese ó uso exclusivo dos nomes das provincias, comarcas, municipios, localidades e demais nomes xeográficos do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así coma o fomento e control da calidade do producto amparado, encoméndanse ó consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, á consellería competente en materia de política agroalimentaria da

Xunta de Galicia, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Comisión das Comunidades Europeas, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. A consellería competente en materia de política agroalimentaria aprobará o Manual de calidade e procedementos, elaborado polo consello regulador, en aplicación da norma EN 45011: «Criterios xerais relativos ós organismos de certificación que levan a cabo a certificación dos productos», que será posto á disposición dos inscritos.

3. O consello regulador elevará á consellería competente en materia de política agroalimentaria os acordos que afecten ós deberes e dereitos dos inscritos, para a súa aprobación.

Capítulo II

Da producción

Artigo 4º.-Producto amparado.

A indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ampara o mel que, reunindo as características definidas neste regulamento cumprise na súa producción, procesado e envasado tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente.

Artigo 5º.-Zona de producción, procesado e envasado.

A zona de producción, procesado e envasado dos meles amparados pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Método de producción e extracción.

1. Só poderá ser amparado coa indicación xeográfica protexida Mel de Galicia o mel producido nas explotacións inscritas que posúan un número mínimo de dez colmeas de cadros móbiles, verticais ou horizontais sempre que se lles coloquen alzas.

2. As prácticas de manexo no colmear serán establecidas no manual de calidade, e tenderán a consegui-la mellor calidade dos meles amparados pola indicación xeográfica. En todo caso, as colmeas non serán sometidas a ningún tratamento químico durante o tempo de recollida do mel polas abellas, e durante o mesmo espacio de tempo estas non recibirán alimento de ningún tipo.

3. A cata das colmeas realizarase de panais totalmente operculados, cunha humidade inferior a 18,5% e exentos de cría.

4. O desabellado dos panais poderá facerse polos métodos tradicionais, preferentemente con escape de abellas ou aire, sen utilización abusiva do afumador, e nunca empregando productos químicos repelentes para as abellas.

5. As ceras dos panais das alzas serán renovadas, como mínimo, cada cinco anos se non se usa o excluidor, e as dos panais da cámara de cría cada tres anos.

6. A extracción do mel poderá facerse por centrifugación ou decantación, pero nunca por prensado. Tanto os aparellos empregados na manipulación do mel como as instalacións, deberán ser de materiais axeitados e reuni-los requisitos establecidos pola normativa sanitaria e os recollidos no Manual de calidade e procedementos.

7. As tarefas de extracción do mel susceptible de ser protexido realizaranse sempre co maior esmero e hixiene e en local cerrado, limpo e habilitado para o efecto, procedendo ó secado cunha semana de antelación, ata acadar unha humidade relativa inferior ó 60%, con deshumidificadores ou aireación. Poderá utilizarse material de deshumidificación para as alzas de mel, se isto é preciso. Queda prohibida a extracción ó aire libre.

8. As técnicas de desoperculado dos panais, en ningún caso poderán modifica-los factores de calidade destes meles. Os coitelos de desopercular estarán ben limpos, secos e sen supera-los 40º C.

9. O mel, unha vez extraído e pasado por un filtro dobre, que reunirá as características que se definan no manual de calidade, someterase a un proceso de decantación que durará un mínimo de tres días. No manual de calidade poderanse establecer, en función das condicións ambientais e as características dos recipientes, tempos de decantación superiores. Antes da almacenaxe e envasado procederase á espumación.

Capítulo III

Do almacenamento e envasado

Artigo 7º.-Recollida e transporte.

1. A recollida e transporte do mel realizarase en condicións hixiénicas, utilizando recipientes de material de uso alimentario, autorizados no manual de calidade e pola lexislación vixente, que garantan a calidade do producto. Estes recipientes deben permanecer sempre hermeticamente pechados, tanto no almacén coma no transporte.

2. Tódolos recipientes que conteñan mel a granel susceptible de ser amparado pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia deberán levar na parte exterior unha etiqueta visible na que conste: o nome completo do productor, o número de rexistro, o termo municipal de onde provén a producción, a data de extracción, o número do bidón, o contido aproximado, o tipo de mel segundo a consideración do apicultor e un espacio en branco para anotacións do consello regulador onde figurarán ademais os datos de control. As etiquetas identificativas serán emitidas polo consello regulador.

Artigo 8º.-Envasado e comercialización.

1. O envasado do mel amparado pola indicación xeográfica deberá efectuarse en instalacións adecuadas, sitas dentro da zona de producción delimitada no artigo 5º deste regulamento, e inscritas nos correspondentes rexistros do consello regulador.

2. O mel amparado pola indicación xeográfica protexida unicamente poderá circular e ser expedida polas industrias inscritas, en envases autorizados polo consello regulador e que non prexudiquen a súa calidade e prestixio.

3. Está permitida a homoxeneización de partidas de mel sempre que se realice cun instrumento manual ou mecánico a poucas revolucións de xeito que non se alteren negativamente as características do producto.

4. Para proceder á decantación e envasado dun mel cristalizado, permitirase a licuación con calor sen supera-los 40º C de temperatura. Este proceso realizarase por métodos e con maquinaria autorizados polo consello regulador no manual de calidade, quedando excluído o proceso de pasteurización.

Artigo 9º.-Presentación do producto.

1. O mel envasado presentarase en estado líquido, cristalizado ou cremoso. No primeiro dos casos poderá conter ademais froitos secos. Non se permitirán presentacións que mostren defectos graves tales como separación de fases ou fermentación.

2. O mel amparado tamén poderá presentarse en porcións de panal totalmente operculados e sen cría.

Artigo 10º.-Envases.

1. O contido dos envases destinados ó consumo directo dos meles protexidos queda establecido, con carácter xeral, en 500 g e 1.000 g. O consello regulador poderá autoriza-lo envasado con outros contidos logo de solicitude do interesado, adecuándose sempre á lexislación vixente nesta materia.

2. A forma dos envases será a adecuada que permita unha perfecta decantación das microburbullas de aire que poidan producirse na enchedura, quedando á libre elección das industrias envasadoras o formato concreto, sempre aténdose á lexislación vixente.

3. O peche dos envases debe ser hermético, non permitindo a perda de aromas naturais, nin a adición de olores, humidade ambiental, etc., que puideran altera-lo producto durante o seu almacenamento.

4. O material do envase será de vidro transparente e incoloro. No manual de calidade poderanse autorizar outros materiais sempre que reúnan as condicións para envasado de productos alimenticios. En meles presentados en seccións, o envase será de material autorizado, permitirá a visualización e a etiqueta e contraetiqueta non esconderán o contido.

Capítulo IV

Das características dos meles

Artigo 11º.-Tipos de meles.

Atendendo á producción tradicional de Galicia, o mel amparado por esta indicación xeográfica protexida, proveniente da flora de Galicia, clasificarase

segundo os seguintes tipos definidos na norma de calidade para o mel destinado ó mercado interior:

a) Segundo a súa orixe botánica:

-Mel multifloral.

-Mel monofloral de eucalipto (Eucalyptus sp.).

-Mel monofloral de castiñeiro (Castanea sp.).

-Mel monofloral de silveira (Rubus sp.).

-Mel monofloral de breixo (Erica sp.).

b) Segundo a presentación e o procedemento de obtención:

-Mel en panais ou en seccións.

-Mel líquido.

-Mel cristalizado.

-Mel cremoso.

Artigo 12º.-Características.

1. O mel amparado pola indicación xeográfica protexida deberá reunir, ademais das características sinaladas na norma de calidade para o mel destinado ó mercado interior, as seguintes:

* Características fisicoquímicas:

a) Humidade: como máximo o 18,5%.

b) Actividade diastásica: como mínimo 9 na escala de Gothe. Os meles con baixo contido encimático, como mínimo o 4 na dita escala, sempre que o contido en hidroximetilfurfural non exceda de 10 mg/kg.

c) Hidroximetilfurfural: como máximo 28 mg/kg.

* Características meliso-palinolóxicas:

Con carácter xeral, o espectro polínico considerado na súa totalidade deberá corresponder ó propio dos meles de Galicia.

En calquera caso a combinación polínica Helianthus annuus-Olea europaea-Cistus ladanifer non superará o 5% do espectro polínico total.

Ademais, segundo a orixe floral dos distintos tipos de mel recollidos no artigo anterior, os espectros polínicos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Mel multifloral: o pole maioritariamente pertencerá a: Castanea sativa, Eucalyptus sp., Ericaceae, Rubus sp., Rosaceae, Cytisus sp-Ulex sp, Trifolium sp., Lotus sp., Campanula, Centaurea, Quercus sp., Echium sp., Taraxacum sp. y Brassica sp.

b) Meles monoflorais:

-Mel de eucalipto: a porcentaxe mínima de pole de eucalipto (Eucalyptus sp.) será do 70%.

- Mel de castiñeiro: a porcentaxe mínima de pole de castiñeiro (Castanea sp.) será do 70%.

-Mel de silveira: a porcentaxe mínima de pole de silveira (Rubus sp.) será do 45%.

-Mel de breixo: a porcentaxe mínima de pole de breixo (Erica sp.) será do 45%.

* Características organolépticas:

Os meles deberán presentar, con carácter xeral, as características organolépticas propias da orixe floral correspondente, en canto a color, aroma e sabor. Segundo a dita orixe as características organolépticas máis destacables serán as seguintes:

a) Meles multiflorais: a súa color poderá variar entre o ámbar e o ámbar-escuro. O sabor e o aroma serán acordes á flora predominante no mel.

b) Monoflorais de eucalipto: cor ámbar, sabor suave e aromas céreos.

c) Monoflorais de castiñeiro: mel escuro, de sabor intenso e fortes aromas a flor.

d) Monoflorais de silveira: cor ámbar escuro, sabor forte afroitado, marcadamente doce e aromas de froitas.

e) Monoflorais de breixo: a súa cor é ámbar escuro ou escuro con tons vermellos, sabor lixeiramente amargo e persistente, aromas florais persistentes.

2. Os meles que non reúnan as características sinaladas non poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

3. Os límites máximos microbiolóxicos e as tolerancias de productos contaminantes e substancias tóxicas axustaranse ó esixido na lexislación vixente.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 13º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de Explotacións.

b) Rexistro de Instalacións de Extracción, Almacenamento e/ou Envasado.

2. As peticións de inscrición nos rexistros correspondentes dirixiranse ó consello regulador, nos impresos por el establecidos, xunto cos datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos, segundo as disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as explotacións e instalacións de procesado serán inspeccionadas polo persoal técnico do consello regulador, co obxecto de comprobar se reúnen as condicións esixidas no presente regulamento e o manual de calidade.

3. O consello regulador denegará, de forma motivada, as inscricións que non se axusten ós preceptos deste regulamento e ó establecido no manual de calidade.

4. O consello regulador entregará ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as que queda inscrito.

5. As empresas que realicen o proceso productivo completo deberán ter inscritas as súas explotacións e instalacións de procesado nos rexistros respectivos.

6. A inscrición nestes rexistros non exime ós interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, debendo acreditalo no momento de solicitar a súa alta no Rexistro da Indicación Xeográfica Protexida.

7. A inscrición nos rexistros da indicación xeográfica protexida é voluntaria, ó igual que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un período de dous anos, para proceder a unha nova inscrición, agás cambio de titularidade.

O titular que se dea de baixa nun rexistro deberá cumpri-las obrigas pendentes co consello.

8. As declaracións que figuren nos rexistros non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen ningunha referencia de carácter individual.

Artigo 14º.-Rexistro de Explotacións.

1. No Rexistro de Explotacións inscribiranse as situadas dentro da Comunidade Autónoma de Galicia que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, queiran destina-la súa producción á obtención de mel amparado pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

2. Na inscrición figurará: o nome do propietario e, se é o caso, o do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestiona-la explotación; o tipo e número de colmeas, transhumancia, e todos aqueles datos que se consideren necesarios para a clasificación, localización e axeitada identificación da explotación inscrita.

3. Calquera explotación procedente de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que queira asenta-las súas colmeas nela e ampara-la súa colleita por esta indicación xeográfica protexida, deberá inscribirse no presente rexistro, non podendo destina-la súa producción de mel para ser protexido ata que transcorra un ano desde a súa inscrición.

4. O cambio de titularidade das explotacións xa inscritas levarase a cabo segundo o establecido no manual de calidade.

5. Aquelas explotacións que se instalen fóra da zona de producción protexida, perderán a inscrición no rexistro. Nestes casos para obte-la nova inscrición os titulares procederán segundo o establecido neste capítulo.

6. Os titulares inscritos declararán ó consello regulador o número de quilos obtidos, tipo de mel esti

mado, situación do colmear catado e cantos datos se consideren oportunos para o adecuado control das produccións.

Artigo 15º.-Rexistro de Instalacións de Extracción, Almacenado e/o Envasado.

1. No Rexistro de Instalacións de Extracción, Almacenado e/o Envasado inscribiranse todas aquelas que, situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, se dediquen a algunha das actividades de procesado de mel que poida ser amparado pola indicación xeográfica protexida.

2. Na inscrición figurará: o nome do titular e/o arrendatario, se é o caso, a razón social, a localidade, o número de Rexistro de Industrias Agrarias e o número de Rexistro Sanitario, e cantos datos sexan precisos para a súa identificación.

3. Nas industrias inscritas no Rexistro de Instalacións de Extracción, Almacenado e/o Envasado só poderá entrar mel procedente de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

4. Os locais inscritos nos rexistros deberán reuni-los requisitos de carácter técnico e sanitario que establece a lexislación vixente.

Artigo 16º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón o presente regulamento, debendo comunicar ó consello regulador calquera variación que afecte ós datos subministrados na inscrición. En consecuencia, o consello regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrucción do correspondente expediente que se substanciará polas normas do procedemento administrativo común.

2. O consello regulador efectuará inspeccións periódicas para comproba-la efectividade de canto se dispón neste artigo.

3. As inscricións serán renovadas no prazo e forma que se determine no Manual de calidade e procedementos.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 17º.-Titulares dos dereitos.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas inscritas nos rexistros do consello terán dereito a utiliza-la indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

2. Só poderá aplicarse a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ó mel procedente das instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador, que fose producido conforme as normas esixidas por este regulamento e as establecidas no manual de calidade, e que reúnan as condicións que deben caracterizalas, e que se recollen no artígo 12º.

3. O dereito ó uso da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e dos seus símbolos, anagramas e logotipo, na propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do consello regulador. Non obstante, o consello regulador poderá autorizar que nos envases de productos elaborados nos que o mel sexa un compoñente principal, se indique que están elaborados con Mel de Galicia cando a dita materia prima estea controlada polo consello regulador e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no manual de calidade.

4. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas físicas ou xurídicas inscritas, quedan obrigadas ó cumprimento das disposicións do presente regulamento, do prego de condicións, do manual de calidade e dos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de política agroalimentaria e o consello regulador, así como a satisface-las exaccións que lles correspondan.

5. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento ou para beneficiarse dos servicios que preste o consello regulador, as persoas inscritas deberán estar ó día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

Artígo 18º.-Nomes comerciais.

1. As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia á indicación xeográfica protexida, unicamente poderán empregarse para a comercialización ou propaganda de productos que respondan, efectivamente, ás condicións que establece este regulamento e logo de autorización expresa do consello regulador.

Para que tal autorización se produza deberá ser solicitado ó consello regulador cos comprobantes que este esixa, facendo manifestación expresa de que se responsabilizan en todo canto concirne ó uso do dito nome en mel amparado pola indicación xeográfica protexida.

2. Os nomes comerciais, marcas autorizadas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se utilice, aplicados ós meles protexidos pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, non poderán ser empregados, nin sequera polos propios titulares, na comercialización doutros meles non amparados por esta indicación xeográfica.

3. No caso de que unha marca autorizada cause baixa nos rexistros da indicación xeográfica, non poderá ser utilizada para ningún tipo de mel durante un período de tres anos.

Artigo 19º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas comerciais antes da súa posta en circulación deberán ser autorizadas polo consello regulador para os efectos que se relacionan neste regulamento. Non se autorizarán as etiquetas

incorrectas ou que por calquera causa poidan inducir a confusión ó consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, instruíndo expediente conforme á Lei 30/1992, do 26 de novembro.

En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada envasador utilizadas nos meles amparados, deberá figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente. Ademais, poderá figura-lo tipo de mel segundo as clasificacións recollidas no artigo 11º.

Artigo 20º.-Contraetiqueta e logotipo.

1. Os meles amparados por esta indicación xeográfica con destino ó consumo levarán un precinto de garantía, etiqueta ou contraetiqueta numerada, que será controlada, subministrada e expedida polo consello regulador, de acordo coas normas recollidas no manual de calidade. Este distintivo será colocado nas instalacións de envasado, antes da súa comercialización, e de forma que non sexa posible unha segunda utilización.

2. O consello regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, unha vez aprobado pola consellería competente en materia de política agroalimentaria.

3. O consello regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de almacenaxe e envasado inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica.

4. Os establecementos de venda ó por menor que vendan mel amparado pola indicación xeográfica protexida, poderán utiliza-lo distintivo propio dela, colocado de forma visible e de maneira que permita unha correcta identificación do mel amparado.

Artigo 21º.-Circulación do producto.

Toda expedición de meles con dereito a protección, que se faga entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo consello regulador, na forma que se determine no manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 22º.-Acordos de colaboración.

Para favorece-la comercialización, o consello regulador poderá establecer acordos de colaboración con almacéns, grandes superficies e outras canles de distribución, estipulando con eles as condicións de colaboración para que, baixo a supervisión do propio consello se garanta a procedencia e calidade do mel

comercializado baixo a contraetiqueta da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

Artigo 23º.-Controis.

1. Tódalas persoas, físicas ou xurídicas, titulares de bens inscritos nos rexistros, as explotacións, as instalacións e os productos, estarán sometidas ó control realizado polo consello regulador, co obxecto de verificar que os productos que leven a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, cumpren os requisitos deste regulamento.

2. O consello regulador controlará en cada campaña as cantidades de mel certificado pola indicación xeográfica que foron expedidos ó mercado por cada firma inscrita no Rexistro de Envasadores, para verificar que é correcta a súa relación coas cantidades de mel producidas ou adquiridas ós apicultores censados no Rexistro de Productores e a outras firmas inscritas.

3. Os controis basearanse en inspeccións das explotacións e das instalacións, revisión da documentación, análise da materia prima e do producto acabado.

4. Cando se comprobe que a materia prima ou os productos rematados non se obtiveron de acordo cos requisitos deste regulamento ou presenten defectos ou alteracións sensibles, estes non poderán comercializarse baixo o abeiro da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador recollido no capítulo VIII deste regulamento.

Artigo 24º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controla-los procesos de producción, extracción, almacenado, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario poder acredita-la orixe e calidade do mel amparado pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas productoras de mel e titulares das instalacións de envasado, estarán obrigadas a cumpri-las seguintes formalidades:

a) Tódolos productores de mel amparado pola indicación xeográfica declararán ó consello regulador: o número de colmeas por asentamento, cantidade de mel producido, indicando o seu destino, e no caso de venda, o nome do comprador. As agrupacións de apicultores poderán tramitar nun só documento a dita declaración, achegando unha relación co nome, cantidades e demais datos correspondentes a cada socio. A presentación desta declaración ó consello regulador realizarase antes do 30 de outubro de cada ano.

b) Tódalas industrias de envasado inscritas, mentres teñan existencias, deberán declarar ó consello regulador no momento de solicitar etiquetas, as existencias de mel na envasadora apto para ser amparado, así como a súa procedencia.

2. As declaracións a que se refire o punto 1 deste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen ningunha referencia de carácter individual.

Artigo 25º.-Envasado de producto non protexido.

1. Nas instalacións de envasado inscritas no correspondente rexistro do consello regulador só se permitirá o envasado de mel non amparado cando, sendo procedente de explotacións inscritas nos rexistros do consello regulador, non superara o proceso de certificación e polo tanto non poida ser amparado pola indicación xeográfica protexida.

2. En todo caso, o envasado deste mel non protexido deberá contar coa autorización do consello regulador e farase de maneira que se evite en todo momento a súa mestura ou confusión co producto con dereito ó amparo da indicación xeográfica protexida.

3. O consello regulador establecerá no manual de calidade as normas xerais e particulares para estes supostos e vixiará o seu correcto cumprimento.

Capítulo VII

Do Consello regulador

Artigo 26º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia é un órgano colexiado dependente da consellería competente en materia de política agroalimentaria, con carácter de órgano desconcentrado e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomenden neste regulamento, de acordo co que determinan as disposicións vixentes.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción, procesado e envasado.

b) En razón do producto, polo mel amparado pola indicación xeográfica protexida, en calquera das súas fases de producción, extracción, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización.

c) En razón das persoas, tanto físicas como xurídicas, polas inscritas nos rexistros do consello.

Artigo 27º.-Funcións.

1. Segundo o artigo 10.1º do Regulamento (CEE) 2081/1992, do consello, a función do consello regulador como estructura de control da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia é a de garantir que o producto que leva a devandita indicación xeográfica protexida cumpre os requisitos do prego de condicións.

2. É tamén obxecto principal do propio consello regulador, aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que, con carácter xeral, se encomendan ós consellos reguladores no artigo 87 da Lei 25/1970, do Estatuto da viña, do viño e os alcohois e dis

posicións vixentes complementarias, así como as que expresamente se indican neste regulamento.

3. O consello regulador poderá revisar este regulamento e o prego de condicións, e propoñe-las modificacións oportunas deles para preservar ou mellora-las características do producto acollido.

Artigo 28º.-Composición.

1. O consello regulador estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Catro vocais, en representación do sector productor, elixidos democraticamente por e entre os titulares das explotacións inscritas no rexistro correspondente do consello regulador.

d) Catro vocais, en representación das empresas de procesado e envasado, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións inscritas no rexistro de instalacións de extracción, almacenamento e/o envasado do consello regulador.

e) Dous delegados da administración un deles nomeado pola consellería competente en materia de política agroalimentaria e o outro pola consellería competente en materia de comercio.

Estes dous delegados asistirán ás reunións do consello con voz pero sen voto.

2. O presidente e vicepresidente serán nomeados polo conselleiro competente en materia de política agroalimentaria de entre os candidatos propostos polos vocais do consello regulador.

3. Os cargos de vocais do consello regulador serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

4. No caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo seu substituto legal, desigando segundo a forma que determine a normativa vixente en materia de procesos electorais e renovación dos membros dos consellos reguladores, se ben o mandato do novo vocal só durará ata que se produza a seguinte renovación do consello regulador.

5. O prazo para a toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

6. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que represente. Igualmente causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas nun período dun ano, por causar baixa nos rexistros do consello, ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 29º.-Vinculación dos vocais.

1. Os vocais elixidos na forma que se determina no artigo anterior, deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por ser representantes das sociedades que se dediquen

ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa, física ou xurídica inscrita nos dous rexistros, non poderá ter no consello regulador dobre representación, unha no sector productor e outra no sector envasador, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

2. Os vocais elixidos en calidade de directivos ou representantes dunha firma inscrita, cesarán no seu cargo ó cesar como tales na devandita firma, aínda que sigan vinculados ó sector por pasar a outra empresa. No dito caso a empresa procederá a designa-lo seu substituto, dando conta ó consello regulador.

Artigo 30º.-O presidente.

1. Ó presidente correspóndelle:

a) Representa-lo consello regulador. Nos casos nos que sexa necesario, esta representación poderá ser delegada de forma expresa no vicepresidente, ou na súa ausencia, en calquera outro membro do consello.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do consello regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do consello regulador, sinala-la orde do día, someter á decisión deste os asuntos da súa competencia e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interno do consello regulador.

f) Propoñer ó consello a contratación, suspensión o renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios do consello regulador.

h) Informa-la consellería competente en materia de política agroalimentaria das incidencias que ocorran na producción e mercado.

i) Remitir á consellería competente en materia de política agroalimentaria aqueles acordos que, para cumprimento xeral, adopte o consello regulador en virtude das atribucións que lle confire este regulamento e aqueloutros que pola súa importancia estime deban ser coñecidos por ela.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde, ou que lle confíe a consellería competente en materia de política agroalimentaria, en consonancia cos fins encomendados.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos.

3. O presidente cesará:

a) Ó remata-lo tempo do seu mandato.

b) A petición propia, unha vez aceptada a súa dimisión.

c) Por decisión do conselleiro competente en materia de política agroalimentaria, logo de incoación dun expediente, se a súa actuación atenta contra o correcto funcionamento do consello.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de dimisión, cesamento, abandono ou falecemento do presidente ou vicepresidente, os vocais do consello realizarán no prazo dun mes unha proposta á consellería competente en materia de política agroalimentaria para a designación do/s seu(s) substituto(s), nos termos do artigo 28º.2 deste regulamento.

5. As sesións de constitución do consello regulador e as que teñan por obxecto a elección do presidente, serán presididas por un funcionario, designado para o efecto polo conselleiro competente en materia de política agroalimentaria.

Artigo 31º.-O vicepresidente.

Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, na súa ausencia polo vocal de maior antigüidade e idade, por esta orde, ata a designación, se é o caso, do novo presidente.

No exercicio das súas funcións, en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 32º.-Réxime interno.

1. O consello regulador reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ou por petición da metade dos vocais, sendo obrigatorio celebrar sesión polo menos unha vez cada trimestre.

2. As sesións do consello regulador convocaranse polo menos con oito días de antelación, debendo xuntar á citación a orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos tres vocais, con catro días de antelación como mínimo.

No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citarase ós vocais polos medios axeitados, con vintecatro horas de antelación como mínimo.

A falta de convocatoria, e con carácter excepcional, o consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión notificarao ó consello regulador, expresando a causa da súa ausencia.

4. Os acordos do consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para que estes sexan válidos será necesario que concorran en pri

meira convocatoria máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorran máis dun tercio. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite poderá constituírse unha comisión permanente que estará formada polo presidente do consello e dous vocais, un por cada sector, designados polo pleno, que poderá delegar na dita comisión a resolución de asuntos concretos.

6. Tódalas decisións que tome a comisión permanente ou outras comisións que se creasen, serán comunicadas ó pleno do consello na primeira reunión que este celebre.

Artigo 33º.-Estructura administrativa.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro aprobado polo pleno e que figure dotado no seu orzamento.

2. O consello regulador terá un secretario designado polo propio consello a proposta do presidente, do que dependerá directamente e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz pero sen voto, cursa-las convocatorias, levantar actas e custodia-los libros e documentos do consello regulador.

c) Os asuntos relativos ó réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo consello regulador.

e) Recibi-los actos de comunicación dos vocais do consello, e por tanto as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

f) Expedir certificacións de consulta, dictames e acordos aprobados.

g) As demais funcións que lle encomende o presidente, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o consello regulador poderá contar cos servicios técnicos necesarios, recaendo a súa dirección nun técnico competente designado polo consello.

4. Para os servicios de control e vixilancia poderá contar con vedores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos. Estes vedores serán designados polo consello regulador e habilitados pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, logo da solicitude do consello.

Terán as seguintes atribucións inspectoras:

a) Sobre as explotacións situadas na zona de producción e inscritas no Rexistro da Indicación Xeográfica Protexida.

b) Sobre as instalacións de extracción, almacenamento e envasado situadas na zona de producción e inscritas no rexistro correspondente da indicación xeográfica.

c) Sobre o producto protexido pola indicación xeográfica.

5. O consello regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobada no seu orzamento dotación para este concepto.

6. A todo o persoal do consello, tanto de carácter fixo coma eventual, aplicaráselle a lexislación laboral vixente.

7. O consello regulador poderá contar coa axuda dun equipo de asesoramento formado por profesionais do sector, de recoñecido prestixio no seu ámbito de traballo, e elixidos polo propio consello. Os informes dictados por este equipo non serán en ningún caso vinculantes.

Artigo 34º.-O comité de cualificación e a certificación do producto.

1. O consello regulador poderá dispor dun comité de cualificación dos meles, formado por un mínimo de tres expertos e un delegado do presidente do consello. Este comité terá como misión emitir informe de calidade dos meles que opten a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, de acordo co establecido por este regulamento e polo correspondente prego de condicións. Este comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que estime necesarios.

2. No manual de calidade estableceranse as normas de constitución e funcionamento do comité de cualificación.

3. O consello regulador á vista dos informes do comité de cualificación e de tódalas análises realizadas, resolverá no prazo máis breve posible, tendo en conta en todo caso as previsións da Lei 30/1992, o que proceda sobre a certificación ou non das partidas ou lotes de mel controladas, comunicándoo seguidamente ó interesado.

Artigo 35º.-Acordos, publicidade e recursos.

1. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos, notificaranse mediante o envío de circulares ós seus inscritos e expoñéndoas nas oficinas do consello. Tamén se remitirán ás organizacións do sector legalmente constituídas.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o consello regulador poderase interpor recurso ante o conselleiro competente en materia de política agroalimentaria, dentro do prazo dun mes contado desde a súa notificación, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 36º.-Réxime económico.

1. O financiamento das obrigas do consello regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás que se aplicarán os seguintes tipos:

a) O 1% á exacción sobre o valor dos meles producidos nas explotacións inscritas, entregados ós envasadores e que sexan aptos para seren envasados baixo o amparo da indicación xeográfica.

b) O 1,5% á exacción sobre o valor dos meles cualificados aptos para seren envasados e protexidos pola indicación xeográfica.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ó establecido en cada caso pola normativa vixente.

d) O dobre do prezo de custo sobre as precintas ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha das exaccións son:

Da a): os titulares das explotacións inscritas.

Da b): os titulares das instalacións de envasado inscritas.

Da c): os titulares das explotacións e empresas inscritas que soliciten certificados ou visados de facturas.

Da d): os titulares das instalacións de envasado inscritas que soliciten contraetiquetas ou precintas.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto, das que sexa beneficiario o consello regulador.

1.3. As cantidades que se puidesen percibir en concepto de indemnización por danos e perdas ocasionados ó consello regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas deste.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do consello regulador, pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970 e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren no orzamento correspóndelle ó consello regulador.

4. A aprobación do orzamento do consello regulador e da súa contabilidade será efectuada pola consellería competente en materia de política agroalimentaria, de acordo coas normas establecidas por esta e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na materia.

Artigo 37º.-Confidencialidade.

O consello regulador, os seus compoñentes e tódolos órganos de control, xestión e certificación, así

como as persoas que forman parte deles, están obrigados a observa-la máis absoluta confidencialidade respecto ás informacións e datos recollidos e/ou coñecidos no curso das súas actividades de xestión, control e certificación.

Capítulo VIII

Das infraccións, sancións e procedemento

Artigo 38º.-Base legal.

Tódalas actuacións que sexa necesario desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois e o seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; ó Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 39º.-Sancións.

1. As infraccións ó disposto no presente regulamento e ós acordos do consello regulador serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercador, suspensión temporal no uso da indicación xeográfica ou baixa no correspondente rexistro desta, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das sancións que, por contravi-la lexislación xeral sobre a materia, poidan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse de acordo co artigo 120 do Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

Artigo 40º.-Clasificación das infraccións.

1. As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da indicación xeográfica protexida, contra o disposto no presente regulamento e os acordos do consello regulador clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións ó establecido neste regulamento sobre producción, procesado, almacenaxe, envasado e características dos meles protexidos.

c) Infraccións por uso indebido da indicación xeográfica ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción das tarefas inspectoras ou de control do consello regulador ou dos seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5 do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 41º.-Faltas administrativas.

1. Son faltas administrativas, en xeral, as inexactitudes e omisións nas declaracións, documentos comerciais autorizados, asentos, libros de rexistro, fichas de control e demais documentos e, especialmente, as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos nos que sexan necesarios para a inscrición nos distintos rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó consello regulador, desde o momento no que se produza, calquera variación que afecte ós datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) O incumprimento por inexactitude ou omisión do establecido neste regulamento e nos acordos do consello regulador sobre declaracións de producción, elaboración e envasado de meles con indicativo de calidade.

d) O incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 21º deste regulamento.

e) A falta de libros de rexistro, fichas de control ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o presente regulamento.

f) As restantes infraccións do regulamento ou dos acordos do consello regulador na materia á que refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse con apercibimento ou con multa do 1 ó 10% do valor dos productos afectados.

Artigo 42º.-Infraccións sobre producción, procesado, almacenaxe, envasado e características do producto amparado.

1. Son as seguintes:

a) O incumprimento das normas sobre prácticas de producción, procesado, almacenaxe, transporte e envasado do mel.

b) Empregar no proceso de producción algún tipo de producto que poida dar lugar a residuos tóxicos e/ou a sabores estraños no mel.

c) Incumpri-las normas de almacenaxe e envasado contempladas neste regulamento.

d) Envasar mel baixo o amparo da indicación xeográfica cando non cumpra as condicións e normas de calidade establecidas neste regulamento e demais normativa afín.

e) Envasar mel baixo o amparo da indicación xeográfica cando proceda de productores ou de explotacións non inscritas.

f) Envasar mel non certificado como apto e que polo tanto non poida comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica.

g) A utilización de prácticas expresamente prohibidas polo regulamento ou polo manual de calidade.

h) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento ou contra os acordos do consello regulador na materia a que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% do valor dos productos afectados. Ademais, neste caso poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 43º.-Infraccións por uso indebido da indicación xeográfica protexida ou por actos que poidan causar prexuízo ou desprestixio.

1. Son as seguintes:

a) O emprego de razóns sociais, nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutros meles non protexidos ou doutros productos de similar especie, así como as infraccións ós artigos 19º e 20º deste regulamento.

b) O emprego da indicación xeográfica no mel que non fora producido, procesado, envasado, almacenado ou comercializado conforme as normas establecidas pola lexislación vixente e por este regulamento, ou que non reúnan as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalo.

c) O emprego de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobados polo consello regulador.

d) As infraccións ó disposto no artigo 25º deste regulamento e no manual de calidade, sobre envasado de productos non amparados.

e) A indebida tenza, negociación ou utilización de documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas, selos, etc., propios da indicación xeográfica ou do consello regulador, así como a súa falsificación.

f) A existencia de mel en instalacións de extracción, almacenaxe e/o envasado inscritas, sen a preceptiva documentación que ampare a súa orixe e calidade para ser protexida pola indicación, ou a presencia nestas instalacións de documentación que acredite unhas existencias de mel protexido pola indicación sen a contrapartida dese producto. A cantidade de mel nas devanditas instalacións debe coincidir coas existencias declaradas documentalmente, se ben o consello regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 2%, tanto por exceso como por defecto.

g) A expedición de meles ó mercado cando non se correspondan as características de calidade coas mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) A expedición, circulación ou comercialización de meles amparados, en tipos de envases non aprobados polo consello regulador.

i) A expedición, circulación ou comercialización de meles amparados pola indicación xeográfica, desprovistos das precintas ou contraetiquetas ou caren

tes dos medios de control establecidos polo consello regulador.

j) Efectua-lo envasado, etiquetaxe ou contraetiquetaxe do mel amparado en instalacións que no sexan as inscritas e autorizadas polo consello regulador ou non axustarse ós acordos do consello nesta materia.

k) O incumprimento do establecido neste regulamento, no manual de calidade, ou nos acordos de consello regulador, no referente ó envasado, presentación, documentación, precintado e transporte do mel con indicación xeográfica destinado á exportación.

l) Falsear ou omitir nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros os datos e/ou comprobantes que en cada caso sexan necesarios, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

m) Non estar ó día de pagamento das exaccións parafiscais previstas no artigo 36º, por parte dos suxeitos pasivos de cada unha delas.

n) En xeral, calquera acto que contraveña o disposto neste regulamento ou os acordos do consello regulador e que prexudique ou desprestixie á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ou supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde 120,20 euros ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, cando este valor supere a dita cantidade, levando aparellado o comiso do producto ou productos en cuestión.

Artigo 44º.-Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador.

1. Son as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministrar datos, facilitar información ou permiti-lo acceso á documentación requirida polo consello regulador ou os seus axentes autorizados para cumpri-las funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución das materias ás que se refire o presente regulamento, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa.

b) A resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós vedores ou representantes do consello regulador, así como a tentativa de exercer tales actos.

c) A manipulación, traslado ou disposición en calquera forma de mercancía cautelarmente intervida polo consello.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 45º.-Infraccións cometidas por persoas non inscritas nos rexistros do consello regulador.

1. Son as seguintes:

a) Usar indebidamente a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

b) Utilizar razóns sociais, nomes comerciais, marcas, expresións, signos ou emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica, fonética ou semántica cos nomes protexidos pola indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ou con signos ou emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza e a orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Utiliza-los nomes xeográficos protexidos por esta indicación xeográfica, en etiquetas e propaganda de meles e outros derivados que non teñan dereito ó seu uso, aínda que vaian precedidos polo termo «tipo» ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia ou tenda a producir confusión no consumidor con respecto dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde 120,20 euros ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, cando este valor supere a dita cantidade, e ademais co seu comiso.

Artigo 46º.-Graduación das sancións.

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo cando:

a) Se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen transcendencia directa para os consumidores ou que no supoña especial beneficio para o infractor.

b) Se corrixan os defectos no prazo establecido para eso polo consello regulador.

c) Se comprobe que non existiu mala fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio cando :

a) A infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

b) Non se corrixan os defectos no prazo sinalado polo consello.

c) A infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo consello regulador.

d) En tódolos demais casos nos que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo cando:

a) Se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permiti-lo acceso á documentación esixida neste regulamento, no manual de calidade ou nos acordos do consello regulador.

b) Se probe manifesta mala fe.

c) Se deriven da infracción graves prexuízos para a indicación xeográfica, os inscritos e/ou os consumidores.

d) Se producise obstrucción ós vedores do consello na investigación da infracción.

4. Poderase aplica-la suspensión temporal do uso da indicación xeográfica ou a baixa nos seus rexistros, sempre que se respecte o establecido no artigo 129 da Lei 30/1992 e no título V da Lei 25/1970 e do Decreto 835/1972.

A suspensión do dereito ó uso da indicación xeográfica protexida levará aparellada a suspensión do dereito a obter e a utilizar certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do consello regulador, así como do dereito a utilizar símbolos, emblemas, etc., que supoñan unha vinculación coa indicación xeográfica.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda de dereitos inherentes á indicación xeográfica protexida. Non poderá solicitar de novo a alta ata transcorridos dous anos desde o cumprimento efectivo da sanción.

Artigo 47º.-Reincidencia.

1. Considerarase reincidente o infractor sancionado no ano anterior, mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas neste regulamento.

2. No caso de reincidencia, as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento, sen prexuízo das sancións que puideran corresponderlle en virtude da lexislación vixente.

3. Se o reincidente cometese unha nova infracción, as multas poderán ser elevadas ata o triple de ditos máximos.

Artigo 48º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos vedores do consello regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutivo de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo vedor e polo dono ou representante da explotación ou instalación, ou polo encargado da custodia da mercadoría, en poder do que quedará unha copia da acta.

Ámbolos asinantes poderán facer constar na acta cantos datos ou manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignen nela, así como cantas incidencias ocorran no transcurso do acto de inspección ou levantamento da acta.

As circunstancias que o vedor consigne na acta consideraranse feitos probados, salvo que do conxunto de probas que se practiquen resulte concluínte o contrario.

Se o interesado na inspección se negase a asina-la acta, farao constar así o vedor, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que o vedor, o dono da mercadoría, ou responsable desta o consideren conveniente, tomaranse mostras do producto obxecto de inspección. Cada mostra tomarase polo menos por triplicado e en cantidade suficiente para o seu exame e análise. Precintaranse e etiquetaranse, quedando unha en poder do interesado.

4. Cando o vedor que levante a acta o considere necesario poderá dispoñer que a mercadoría, etiquetas, contraetiquetas e outros artigos queden retidos ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo máis breve posible, cun máximo de quince días hábiles a partir da data de levantamento da acta de inspección.

O productos retidos consideraranse como productos en depósito, non podendo polo tanto ser trasladados, manipulados, ofrecidos en venda ou vendidos. No caso de que se estime procedente poderán ser precintados.

Artigo 49º.-Incoación e instrucción de expedientes.

1. A incoación e instrucción dos expedientes sancionadores corresponderalle ó consello regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos demais casos, o consello poñerao en coñecemento da consellería competente en materia de política agroalimentaria.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador, o consello regulador poderá realizar actuacións previas, conseguindo os informes necesarios das persoas que considere convenientes, co fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo consello regulador corresponderalle ó propio consello cando a sanción non exceda de 300,51 euros. Se excedese desta cantidade elevarase proposta sobre a súa resolución á consellería competente en materia de política agroalimentaria.

Para o efecto de determina-la competencia a que se refire o punto anterior, engadirase o valor de comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo consello regulador deberá actuar como instructor o secretario do consello e como secretario exercerá o seu letrado ou, no caso de non habelo, unha persoa ó seu servicio, asegurando sempre a adecuada separación entre as fases de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

6. Cando se impuxera o comiso da mercadoría como sanción e esta non fora factible, substituirase polo pagamento do importe do seu valor.

7. Nos casos nos que a infracción se refira ó uso indebido da indicación xeográfica, o consello regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.

8. En tódolos casos en que a resolución sexa con sanción, o infractor deberá aboa-los gastos orixinados pola toma e análise de mostras ou polo recoñecemento que se realizara e demais gastos que ocasionen a tramitación e resolución do expediente.

Artigo 50º.-Responsables.

Das infraccións en productos envasados será responsable a firma ou razón social que figure na etiqueta.

Sobre as que se producisen en productos a granel, o tedor destes. Nas que se deriven do transporte de mercadoría, recaerá a responsabilidade nas persoas que determine a lexislación vixente.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO