Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Xoves, 27 de febreiro de 2003 Páx. 2.445

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de 11 prazas de conserxe (grupo IV-A) vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión de 11 postos de conserxe vacantes na vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de Administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado polo Consello de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades de conserxería.

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir once prazas de conserxe, grupo IV-A do persoal laboral, polos sistemas de promoción interna e sistema xeral de acceso libre, de acordo coa seguinte distribución:

Do total de prazas convocadas resérvanse sete para seren cubertas polo sistema de promoción interna e catro polo sistema xeral de acceso libre.

As prazas sen cubrir das reservadas para promoción interna acumularanse ás de sistema xeral de acceso libre.

Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas citadas.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia acompañarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (vicerrectorado do campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes polo sistema xeral de acceso libre deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 33,90 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento das taxas suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria, e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou titulación equivalente, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Na quenda de promoción poderán participa-los traballadores da universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión e que dispoñan das titulacións ou formación que os habilite para o desenvolvemento profesional das prazas ás que aspiran e que teñan unha antigüidade mínima de dous anos no grupo ó que pertenzan.

2.3. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar destes durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalías que o tivesen demandado na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de conserxe, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do rectorado da universidade e no vicerrectorado do campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal, na súa constitución, composición e funcionamento, aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría cuarta das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non

apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no rectorado da Coruña, no vicerrectorado do campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueloutros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo respecto do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lle formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Formalizados debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán contratados como conserxes da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de seis meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de conserxe na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados por decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados por decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro) e modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 23 de xaneiro de 2003.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Probas selectivas conserxe

Procedemento de selección

A. Fase de oposición.

-Primeiro exercicio (obrigatorio e eliminatorio): consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas das que só unha será correcta, que versará sobre a primeira parte do programa (anexo II). O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos.

-Segundo exercicio: só para a quenda de acceso xeral libre, constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá en responder por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, baseado

no contido da segunda parte do programa. O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Este exercicio será obrigatorio e eliminatorio.

Segunda proba: consistirá en responder por escrito un cuestionario de preguntas tipo test sobre coñecementos da lingua galega. O tempo máximo de realización será de 60 minutos. Este exercicio será obrigatorio e non eliminatorio.

Cualificación da fase de oposición:

a) Promoción interna: o 1º exercicio cualificarase ata un máximo de 20 puntos, sendo necesario obter 10 puntos para superalo.

b) Acceso xeral libre:

-1º exercicio: cualificarase ata un máximo de 30 puntos, sendo necesario obter 15 puntos para superalo.

-2º exercicio: cualificarase ata un máximo de 20 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

a) Primeira proba: cualificarase ata un máximo de 15 puntos, sendo necesario obter 7,5 puntos para superala.

b) Segunda proba: cualificarase ata un máximo de 5 puntos.

B. Fase de concurso.

a) Promoción interna:

1. Antigüidade na Universidade da Coruña como persoal de conserxería, certificada pola xerencia ou unidade de persoal, a razón de 0,04 puntos por mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais. Cualificarase ata un máximo de 2 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

-Curso de máis de 20 horas: 0,5 puntos por curso.

-Curso de máis de 10 horas e menos de 20: 0,25 puntos por curso.

b) Acceso xeral libre:

1. Experiencia: a máxima puntuación que se poderá acadar pola experiencia profesional será de 15 puntos, coa seguinte distribución:

-Antigüidade na Universidade da Coruña como persoal de conserxería, certificada pola xerencia ou unidade de persoal, a razón de 0,40 puntos por mes traballado, ata un máximo de 15 puntos.

-Antigüidade noutras administracións públicas como persoal de conserxería, certificada pola xerencia ou unidade de persoal, a razón de 0,05 puntos por mes traballado, ata un máximo de 15 puntos.

2. Formación directamente relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais. Cualificarase ata un máximo de 5 puntos, distribuídos da seguinte maneira:

-Curso de máis de 20 horas: 1 punto por curso.

-Curso de máis de 10 horas e menos de 20: 0,50 puntos por curso.

Sistema de puntuación:

a) Promoción interna: a cualificación derradeira das probas, que como máximo será de 26 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada punto, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no primeiro exercicio das probas. Se persistise o empate, este dirimiríase a favor do aspirante de maior antigüidade na administración e de continuar este pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 da presente convocatoria.

b) Sistema xeral de acceso libre: a cualificación derradeira das probas, que como máximo será de 70 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada punto, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no primeiro exercicio das probas. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 da presente convocatoria.

ANEXO II

Programa

-Primeira parte:

1. Funcións e responsabilidades do persoal dos servicios xerais. Vixilancia. Protección e control de edificios, instalacións e persoas. Recepción e saída de paquetes e correspondencia.

2. Atención e información ó público. Funcións. Técnicas de atención. Asistencia ó usuario.

3. O proceso da comunicación: elementos. A comunicación eficaz: obxectivos da comunicación, obstáculos.

4. Instalacións eléctricas: elementos das instalacións e normas de mantemento.

5. Instalacións de iluminación: elementos das instalacións e normas de mantemento.

6. Instalacións de fontanería e saneamento: elementos e normas de mantemento.

7. Instalacións de calefacción e climatización: elementos das instalacións e normas de mantemento.

8. Accións sobre instalacións especiais I: ascensores e montacargas. Planificación e normas de mantemento.

9. Accións sobre instalacións especiais II: instalacións de protección contra a intrusión, instalacións de protección contra incendios. Planificación e normas de mantemento.

10. Disposicións de seguridade e saúde nos lugares de traballo: condicións de seguridade, orde, limpeza e mantemento. Condicións ambientais. Disposicións mínimas en materia de sinalización.

-Segunda parte:

1. Constitución española.

2. Estatuto de autonomía de Galicia.

3. A Lei orgánica de universidades.

4. Réxime xurídico da UDC: os estatutos da UDC. Estructura e órganos da Universidade da Coruña.

5. Réxime xurídico do persoal laboral ó servicio da UDC: o convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña.

ANEXO III

Probas selectivas conserxes

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Víctor M. Cabrera Sánchez, xerente da Universidade da Coruña.

-Gonzalo A. Barrio García, letrado-asesor do Servicio de Asesoría Xurídica.

-Salvador Joaquín Peña Díaz, representante dos traballadores.

-Manuel Romero Beade, representante dos traballadores.

Secretario: Alfonso Vidal Carnota, xefe da Sección de Estudiantes.

Suplentes:

Presidente: Manuel González Sarceda, vicerrector de Estudiantes.

Vocais:

-José Vicente Echevarría González, vicexerente de Recursos Humanos.

-Jesús Fernández Jiménez, vicexerente de Control Interno.

-Mª José Grueiro Maroño, representante dos traballadores.

-Rogelio Lage Vázquez, representante dos traballadores.

Secretario: Luis Vázquez López, xefe da Sección de Xestión de Persoal.