Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.290

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de febreiro de 2003 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas editoriais para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e materiais didácticos e complementarios, para niveis non universitarios, impresos en lingua galega.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento. Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da promoción e o ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título III, do uso do galego no ensino, establece: O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos e as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

Así mesmo, no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, disponse que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, así como a promoción e ensino da lingua galega. Todo isto sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas e demais disposicións legais.

O Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a citada Lei 3/1983, ordena no seu artigo 8.2º que os materiais que se empreguen nas áreas e materias impartidas en lingua galega estarán escritos normalmente en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuada e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, as peculiaridades de Galicia. Concrétase de seguido que, con esta finalidade, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a elaboración e a publicación dos materiais curriculares correspondentes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás editoriais legalmente constituídas como empresas privadas que elaboren material escolar incluíble no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas do sector editorial para impulsa-la creación, traducción e adaptación de libros e material didáctico de niveis educativos recollidos na LOCE, con suxeición ás normas contidas nesta orde.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E 470.1, por unha contía máxima total de 1.085.300 euros, distribuídos como segue: 905.000 na anualidade de 2003, e 180.300 no exercicio de 2004.

Cada empresa solicitante poderá percibir un máximo de 160.000 euros ó abeiro desta orde, tendo en conta sempre a existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4º.-Requisitos.

Subvencionaranse os libros de texto e o material didáctico e complementario que cumpran as seguintes condicións:

1ª Estaren correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª Atérense ó disposto no Decreto 89/1993, do 19 de abril, polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para o ensino de réxime xeral, e ás ordes que o desenvolven.

3ª Posuí-lo correspondente número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá unha data posterior o 1 de xaneiro de 2002.

Entenderase por material didáctico e complementario os diccionarios, atlas, mapas temáticos, láminas de aula, material audiovisual diverso e libros (agás os de lectura) que complementen o currículo dos proxectos editoriais para cada área ou materia e que se utilicen como material de apoio.

Artigo 5º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde, aínda cumprindo os requisitos esixidos no artigo precedente:

1. Os libros de bibliófilo.

2. Os libros destinados a seren distribuídos gratuitamente.

3. Os libros publicados por clubs do libro ou entidades similares, destinados a seren distribuídos entre os seus subscritores.

4. Os libros de uso escolar correspondentes ás áreas ou materias de lingua e literatura galegas.

5. As publicacións ou material didáctico non destinado a uso escolar.

6. As obras que non sexan primeira edición.

7. As publicacións que recibisen subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

8. As publicacións ou material didáctico que recibisen subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en anteriores convocatorias.

9. As que non posúan número de ISBN nin depósito legal definitivo.

10. As publicacións ou material didáctico que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 40 euros, agás, excepcionalmente, os casos que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considere debidamente xustificados.

Artigo 6º.-Documentación.

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, segundo os prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando o número de contratos da empresa acollidos ó réxime da Seguridade Social.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da entidade ou modificación, se é o caso, desta, e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia compulsada da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal.

4. Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

5. Certificación bancaria orixinal onde conste como titular a empresa solicitante.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Certificación do editor na que se faga consta-la relación de títulos publicados en galego durante o ano anterior.

8. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

9. Un exemplar editado das obras para as que se solicita subvención. Excepcionalmente, e ata un máximo de dous títulos por editorial cando se trate de libros de texto, aceptarase:

a) Un exemplar completo da maqueta definitiva da obra, ou ben, os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos, así como unha memoria explicativa na que se recollan as características técnicas, a temporalización da edición, os destinatarios ós que vai dirixido o citado material, etc.

b) Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 15 de setembro de 2003 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística dentro do citado prazo, enviando, así mesmo, un exemplar da obra.

Desestimaranse automaticamente as solicitudes que non se axusten estrictamente a estes requisitos e os expedientes arquivaranse sen máis trámite. Neste aspecto, cos proxectos editoriais que concorran na base B estarase ó estipulado na correspondente base específica da convocatoria.

10. Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

11. O orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de execución da obra, no que ademais deberá constar expresamente a tirada de exemplares e o prezo de venda ó público sen IVE.

12. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes, efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 7 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes de subvención.

Toda a documentación que se lle deba xuntar á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 7º. Procedemento.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas e, se é o caso, requiriranse editores para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Se transcorrido este prazo non se eliminaran as deficiencias observadas, as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas pola comisión, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º, pola comisión que se creará a tal fin. Esta comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e estará composta ademais polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-Dous funcionarios con experiencia docente.

-Un xefe de negociado ou de grupo da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Con posterioridade, o director xeral de Política Lingüística elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias desta convocatoria. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa, sendo de aplicación o recollido no artigo 9º desta orde.

Artigo 8º.-Criterios de concesión e valoración das propostas.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención os seguintes:

1. A calidade das obras presentadas, que se valorará segundo os seguintes parámetros:

-Adaptación dos contidos ó currículo establecido.

-Estructura pedagóxica da obra (secuenciación, temporalización, etc.).

-Exposición e recursos didácticos.

-Calidade técnica (encadernación, fotografía, etc.).

Cada un destes parámetros será valorado de 0 a 10 puntos e, será preciso acadar unha puntuación global mínima de 20 puntos para ser obxecto de subvención.

2. O grao de orixinalidade, de acordo coa seguinte escala:

a) Creación propia (0-10 puntos).

b) Refundición, adaptación (0-6 puntos).

c) Traducción (0-4 puntos).

Unha vez aplicados estes parámetros repercutirase un coeficiente modificador que vai desde 0,25 a 4, en función do número de páxinas e do formato dos títulos achegados.

Artigo 9º.-Resolución.

Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria notificarálle-la resolución ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, debendo comunica-la súa aceptación por escrito no prazo máximo de dez días naturais contados a partir da recepción da resolución polo solicitante. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite. Do mesmo xeito, nun prazo non superior a dez días naturais, deberán achega-las posibles renuncias ás subvencións adxudicadas, cun escrito no que se expresen os motivos que a ocasionan.

2. Os beneficiarios deberán facer constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Dirección Xeral de Política Lingüística, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Esta colaboración reflectirase impresa nos títulos que concorran como proxecto e, así mesmo, nas obras que concorran ó abeiro da base B desta convocatoria. Cando a subvención se conceda a obras xa editadas, estas poderán indica-lo citado patrocinio de calquera outro modo (serigrafía, adhesivos, etc).

3. Recibidos os exemplares e a documentación para a xustificación das subvencións, a Dirección Xeral de Política Lingüística de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da documentación das subvencións concedidas rematará o día 30 de setembro de 2003 (base A) e nos prazos que recolle a base específica B para cada anualidade.

Antes da citada data deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente, os seguintes documentos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados para a edición da obra, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados na proposta presentada, xunto cunha relación detallada e numerada destes, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

Só se admitirán como xustificantes os relativos a:

a) Gastos de imprenta e material: composición, impresión, encadernación, fotomecánica, etc.

b) Gastos de persoal: autoría/dereitos, ilustración/deseño, maquetación, fotografía, traducción, revisión de textos, etc.

Sempre que a factura ou xustificante de gasto teña un concepto xenérico, xuntarase unha certificación na que se recolla qué parte proporcional corresponde á edición da obra subvencionada.

2. Os exemplares obxecto da axuda concedida e copia dos albarás de entrega dos citados volumes no lugar que se lles indique na resolución de concesión.

3. Certificacións expresas de estar ó día coas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraídas débedas por ningún concepto coa Xunta de Galicia.

4. Un certificado da tiraxe expedido polo impresor ou fabricante e do prezo de venda ó público (excluído o IVE).

5. Unha copia do impreso da Axencia do ISBN e do documento que acredite a existencia do correspondente depósito legal, no seu defecto abondará cunha certificación emitida polo impresor na que se recolla a posesión do depósito legal definitivo. Polo que se refire á base B, isto incluirase na xustificación do exercicio de 2004.

6. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para cada proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Neste caso hai que ter en conta a incompatibilidade expresa coas axudas concedidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que se estipula no artigo 5º desta convocatoria.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas nesta orde, terá como consecuencia a revogación da axuda logo da audiencia á empresa interesada, e esta, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas e mailos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co estipulado nos artigos 78.7º e 78.9º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vigor desta orde, terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía precisa para non excede-lo límite do 100% do investimento subvencionable.

Bases específicas para a concesión

das subvencións

A) Subvencións a obras editadas orixinalmente nos anos 2002-2003 en lingua galega, ou traducidas ou adaptadas doutra lingua distinta do galego.

Esta base subdivídese nas dúas alíneas que se describen a continuación:

a) Comprende os libros de texto e, se é o caso, os cadernos e calquera outro material de traballo que forme parte deles.

b) Engloba o material didáctico e complementario (agás os libros de lectura). Destínase un máximo de 360.000 euros do orzamento total desta convocatoria ás axudas que se concedan ó abeiro desta tipoloxía. De non se esgotar coas subvencións que se asignen, o sobrante engrosará a dotación económica da alínea anterior.

A-1)As solicitudes deberán presentarse desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de maio de 2003, e en todo caso nun prazo que non será inferior a 40 días hábiles. Cada editor encadrará as súas solicitudes dentro do epígrafe que corresponda, sen prexuízo de que o órgano de xestión das axudas poida reconduci-la solicitude de acordo co seu mellor encadramento.

A-2) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/ 1982, do 17 de novembro).

A-3) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

A-4) A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de dezaoito mil cincocentos (18.500) euros por título para o caso das obras orixinalmente editadas en lingua galega, e dez mil cincocentos (10.500) euros, para as obras traducidas ou adaptadas, co límite da porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE).

A-5) Os importes máximos de cada subvención estableceranse con estricta suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias, e determinaranse tendo en conta a materia e o curso ós que vai destinada a obra, os centros de ensino susceptibles de recibi-los exemplares que correspondan, co fin de fornece-las súas bibliotecas, e os criterios de concesión recollidos no artigo 8º desta convocatoria. Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o seu prezo de venda ó público sen IVE.

A-6) A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se a calidade da obra, o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

A-7) Ademais de achega-la documentación solicitada no artigo 6º e de observa-los requisitos e limitacións recollidos nos artigos 4º e 5º desta orde,

para que unha obra poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

Ter como mínimo cincuenta (50) páxinas, agás os libros de educación infantil e aqueles títulos que formen parte dun único proxecto (caso dos libros e material didáctico da área de música, por exemplo) e que así o xustifiquen nunha memoria explicativa que se xuntará á solicitude.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 1 de xaneiro de 2002.

A-8) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, con data límite o día 30 de setembro de 2003, os exemplares obxecto da axuda concedida e fotocopias compulsadas das correspondentes facturas e xustificantes de gasto que causase a realización da obra subvencionada, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada dos xustificantes mencionados, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación, segundo expresa o artigo 11º.

Se o importe xustificado fose inferior ó da subvención asignada, esta minorarase porcentualmente.

B) Subvencións para editar en lingua galega libros de texto e material didáctico e complementario, de especial complexidade, para seren utilizados no ámbito escolar.

B-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, de acordo co preceptuado no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na demais lexislación aplicable. Destinarase a axudas para os proxectos que concorran ó abeiro desta base un máximo de 60.100 euros no exercicio de 2003 e un máximo de 180.300 euros na anualidade de 2004. De non se esgota-la dotación económica asignada para o exercicio corrente, esta pasará a incrementa-la alínea a) da base A desta convocatoria.

B-2) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 40 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-3) As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/ 1982, do 17 de novembro).

B-4) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 50 por cento da tiraxe declarada certificada.

B-5) O importe de cada subvención establecerase con estricta suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias, e non poderá supera-la cantidade de sesenta mil cen (60.100) euros, nunha porcentaxe máxima do 100% do custo de producción (excluído o IVE). .

Cada editor achegará un número de exemplares da obra subvencionada que resultará da relación entre o importe da axuda asignada a cada título e o seu prezo de venda ó público sen IVE.

B-6) A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión

da axuda, se a calidade da obra, o prezo de venda ó público e a tiraxe definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-7) Ademais da documentación solicitada no artigo 6º desta orde, presentarase:

-Unha declaración xurada do editor pola que se compromete a ter editada a obra subvencionable o día 15 de setembro de 2004 como data límite. Unha vez rematada a edición notificarase expresamente á Dirección Xeral de Política Lingüística dentro do citado prazo enviando, así mesmo, un exemplar da obra. De non se cumprir este requisito dentro do prazo establecido o expediente arquivarase sen máis trámite.

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houber, co autor ou co traductor da obra, que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-O proxecto da obra para a que se solicita subvención e alomenos unha ou dúas unidades didácticas dela ou, se é o caso, unha mostra suficientemente representativa que permita a súa correcta avaliación.

-Unha memoria explicativa das características técnicas e pedagóxico-educativas da obra co plan de traballo que desenvolverá cada proxecto editorial.

-Un orzamento desagregado no que se exprese a temporalización e, se as houber, as fontes de financiamento.

-Unha previsión da tiraxe e do prezo de venda ó público (excluído o IVE).

B-8) Unha vez remitidas as aceptacións das subvencións o prazo improrrogable de xustificación rematará como segue: o día 15 de outubro no exercicio de 2003 e o 30 de setembro na anualidade de 2004. A contía que se librará no ano 2003 consistirá nun máximo do 25% da axuda concedida e efectuarase, logo da correcta xustificación do investimento realizado, que en ningún caso poderá ser inferior ó importe resultante da porcentaxe librada, mediante os orixinais ou fotocopias compulsadas das facturas e xustificantes de gasto que causara a edición, ás que se xuntará unha relación detallada e numerada, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación. No último ano, ademais disto e do estipulado no artigo 11º da orde, achegarase o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

Se o importe xustificado fose inferior ó da subvención asignada, esta minorarase porcentualmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria