Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.735

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2003 pola que se establecen bolsas de prácticas para titulados en especialidades agrarias.

Coa finalidade de que os recentemente titulados en especialidades agrarias acaden maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios, que lles permitan unha mellor preparación para o seu futuro profesional, esta consellería considera interesante establecer unha liña de axudas en forma de bolsas de prácticas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas económicas, que no sucesivo denominaremos bolsas, para realizar prácticas en temas agrarios, conforme as bases contidas nesta orde.

Artigo 2º.-Finalidade.

As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudios e prácticas formativas en materia agraria. As prácticas realizaranse en empresas e entidades relacionadas co sector agrario, así como en unidades da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas teñen carácter formativo e non implican relación laboral nin administrativa dos beneficiarios coas empresas e entidades, nin coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplina da empresa, entidade ou unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social. Nembargantes, subscribiráselles a tódolos bolseiros unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o tempo de duración das prácticas.

Artigo 4º.-Destinatarios e número de bolsas.

Establécense un total de ata 50 bolsas de prácticas, destinadas ós titulados recentemente como enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas, veterinarios ou licenciados en ciencia e tecnoloxía dos alimentos.

Artigo 5º.-Duración e contía económica.

Tódalas bolsas terán unha duración mínima de 3 meses, salvo renuncia ou incumprimento dos beneficiarios. Poderanse realizar a partir do mes de xuño do presente ano. O seu importe económico será de 600 A por mes de prácticas realizado.

No caso de que existan remanentes orzamentarios, e por proposta da comisión de valoración, as bolsas

de prácticas poderanse prorrogar mensualmente ata o mes de decembro deste ano, como máximo.

Artigo 6º.-Empresas interesadas: documentación.

1. As cooperativas agrarias, industrias agroalimentarias, consellos reguladores e demais empresas e entidades relacionadas co sector agrario interesadas en acoller algún bolseiro en período de prácticas, das titulacións que se relacionan no artigo 4º desta orde, solicitarano á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, (anexo I), debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da empresa ou entidade peticionaria, xunto coa seguinte documentación:

-Breve memoria, na que se xustifique a petición e especificando o tipo de prácticas a realizar, duración, horario, etc., así como a titulación do bolseiro que demandan, que se trataría de satisfacer na medida en que sexa posible.

-Fotocopia do CIF da empresa ou entidade.

-Fotocopia dos TC 1 e 2 do último mes, para acredita-lo seu cadro de persoal.

Artigo 7º.-Bolseiros: requisitos.

1. Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas tituladas que:

-Teñan a condición de galegos, ou que alomenos residan actualmente en Galicia.

-Obtivesen o título de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola, veterinario ou licenciado en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, con posterioridade ó 30 de xuño de 1999.

2. Estas bolsas son incompatibles con calquera outra e co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o seu período de duración.

Artigo 8º.-Bolseiros: documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, (anexo II), debidamente cuberto e asinado polo interesado, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI, coa data de nacemento ben lexible.

-Declaración xurada do interesado, na que faga constar que cumpre os requisitos sinalados no artigo 7º desta convocatoria e que non realiza ningún traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda á vez para o mesmo fin.

-Copia compulsada do título ou xustificante de similar valía, expedido polo centro onde cursou os seus estudios.

-Copia compulsada da certificación sobre a cualificación media global que obtivo na súa carreira, a poder ser expresada numericamente.

-Acreditación, en orixinal ou copia compulsada, do coñecemento da lingua galega.

-Xustificación bancaria do número de conta.

Artigo 9º.-Presentación de solicitudes e prazo.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Tanto as empresas como os titulados en especialidades agrarias interesados en solicitar estas bolsas de prácticas deberán presenta-las respectivas solicitudes no prazo de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Tramitación.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria procederá a súa revisión e tramitación. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou non se xuntase a documentación esixida, requirirase os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará por desistido da súa petición e se arquivará a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Selección das empresas.

Terán preferencia aquelas empresas e entidades que:

-Teñan previsto amplia-lo seu cadro de persoal nos 6 meses seguintes á petición do bolseiro, sempre que o xustifiquen na memoria de solicitude.

-Ofrezan para o bolseiro un posto en prácticas acorde coa súa titulación.

Artigo 12º.-Selección dos bolseiros.

1. A selección dos bolseiros faraa unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e da que tamén forman parte: como secretario

un funcionario do Servicio de Fomento Asociativo, e como vocais o subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias e o xefe de Servicio de Fomento Asociativo.

2. A selección realizarase tendo en conta:

* A cualificación media global da carreira, expresada numericamente. Se a nota da carreira non se detallase en número, para efectos de efectua-la selección dos bolseiros, tomaranse como referencia os seguintes valores: aprobado - 1, notable - 2, sobresaínte - 3 e matrícula de honra - 4.

* Os coñecementos de galego. Valoraranse a razón de 0,2 puntos polo nivel de iniciación e de 0,4 puntos polo nivel de perfeccionamento, sen que sexan acumulables ámbalas dúas puntuacións.

* No caso de que varios solicitantes teñan a mesma puntuación, usaranse como criterios de desempate: en primeiro lugar, a maior antigüidade na data de obtención do título; e en segundo lugar, a maior idade dos solicitantes.

3. A consellería poderá reservar ata un máximo dun 15% das bolsas de prácticas convocadas para adxudicalas a titulados en especialidades agrarias que reúnan requisitos excepcionais, xa sexan razóns de interese social, minusvalidez ou discapacidade. En todo caso, os interesados deberán presenta-las correspondentes xustificacións, que deberán recibi-lo informe favorable da comisión de valoración.

4. Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión de valoración confeccionará a lista de posibles bolseiros, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. Esta lista exporase no taboleiro de anuncios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, nos servicios centrais, en San Caetano, Santiago de Compostela. Tamén estará á disposición dos interesados no Servicio de Fomento Asociativo da devandita consellería para calquera consulta, tanto persoal como telefonicamente, (Rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela, teléfono 981 54 00 60). O prazo de exposición e consultas terá lugar previsiblemente entre o 20 e o 30 de maio próximo.

5. De igual forma exporase a relación de bolsas de prácticas que se ofertarán, especificando a empresa, entidade ou unidade desta consellería onde se van realizar, en que localidade, a titulación preferente requirida, a data de comezo e, se é posible, cales son as bolsas susceptibles de prorrogarse.

Artigo 13º.-Proceso de elección das bolsas de prácticas.

1. O día 4 de xuño, ás 12 horas da mañá, convócanse tódolos posibles bolseiros para que cada un elixa a bolsa de prácticas que lle interese. Este acto de elección terá lugar na aula número 5 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

O seu enderezo é: rúa Madrid, nº 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.

2. O proceso de elección farase pola orde de puntuación, de maior a menor. Primeiro elixirán os enxeñeiros agrónomos, seguidamente os licenciados en veterinaria, despois os licenciados en ciencia e tecnoloxía dos alimentos e finalmente os enxeñeiros técnicos agrícolas. O número de bolsas para escoller será como máximo dun cuarto para cada unha das titulacións citadas, salvo que nalgunha delas quedasen vacantes, que entón se poderán acumular ás outras, segundo o criterio da comisión de valoración.

3. Aqueles bolseiros que o día 4 de xuño non comparezan ou non estean representados mediante suficiente acreditación no proceso de elección, entenderase que renuncian á bolsa de prácticas que lles puidese corresponder.

4. Con todos aqueles candidatos que non obtiveron bolsa de prácticas, sempre que cumpran os requisitos esixidos nesta orde e que estivesen presentes o antedito 4 de xuño no proceso de elección, conformarase unha lista de suplentes, ordenada de maior a menor segundo a súa puntuación, para cubrir posibles renuncias ou baixas que se produzan durante o período de duración das bolsas concedidas.

5. Calquera modificación significativa que puidese ter lugar, en relación coa elección das bolsas de prácticas e o seu posterior desenvolvemento, deberá ser acordada pola comisión de valoración e comunicaráselles a tódolos afectados.

Artigo 14º.-Resolución e aceptación das bolsas de prácticas.

1. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá a concesión destas bolsas, segundo proposta da comisión de valoración, unha vez rematados os procesos de selección e elección.

2. O prazo total para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes poderanse entender desestimadas cando transcorra o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

3. No prazo dos 5 días naturais seguintes á data de elección, os bolseiros deberanlle comunicar ó Servicio de Fomento Asociativo, mediante escrito asinado polo interesado, a aceptación da bolsa de prácticas concedida, de acordo co establecido nesta orde.

4. Cada bolseiro deberase presentar no destino onde vai realiza-las prácticas na data de comezo que lle corresponda.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

1. Se se produce calquera incidencia no desenvolvemento dalgunha das bolsas de prácticas que

poida afectar ó pagamento desta, o responsable correspondente da empresa, entidade ou unidade desta consellería, ten a obriga de comunicala rapidamente ó Servicio de Fomento Asociativo. Se antes de rematar cada mes non se comunicou ningunha incidencia, entenderase, baixo a súa responsabilidade, que o bolseiro cumpriu correctamente co labor encomendado.

2. Nos 15 días seguintes á finalización do período de prácticas, os bolseiros remitirán ó antedito servicio un informe final, no que resuman de forma detallada a totalidade do traballo e actividades realizadas.

3. Ó finaliza-la bolsa de prácticas, o responsable da empresa, entidade ou unidade desta consellería, tamén deberá remitir un breve informe sobre o traballo desempeñado polo bolseiro.

4. O pagamento farase a mes vencido, coa excepción do establecido no punto 1 deste artigo. No caso do último mes, o pagamento quedará condicionado a que previamente se reciban os informes citados nos puntos anteriores 2 e 3.

5. Se durante o período de prácticas o bolseiro causa baixa ou perde a condición como tal, poderáselle paga-lo importe correspondente ós meses vencidos que estean pendentes, pero en ningún caso se lle pagarán fraccións mensuais.

Artigo 16º.-Financiamento.

O importe destas bolsas de prácticas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.612-A.480.1

«Axudas á promoción asociativa e social», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha dotación inicial de cen mil euros, (100.000 A), así como con outros remanentes que puideran existir na mesma aplicación.

Artigo 17º.-Perda da condición de bolseiro.

1. O bolseiro perderá a condición como tal:

-No momento en que incumpra calquera dos requisitos que se establecen nesta orde.

-Se non se presenta ou deixa de asistir ó destino onde realiza as prácticas.

-Cando o responsable da unidade, empresa ou entidade emita informe negativo sobre a actitude do bolseiro no desempeño do labor encomendado.

2. Garantizarase en todo caso a audiencia do bolseiro afectado.

3. Ó perde-la condición de bolseiro tamén deixará de percibi-lo importe correspondente, aplicándoselle esta condición con carácter retroactivo desde o primeiro día do mes en curso.

4. Os bolseiros que causen baixa nos primeiros meses serán substituídos, se é posible, polos candidatos incluídos na lista de suplentes, que se convocarán persoal ou telefonicamente de forma correlativa.

5. Tamén se lle poderá anula-la concesión do bolseiro a aquelas empresas ou entidades nas que o traballo de prácticas desenvolvido non garde relación co descrito na solicitude. Para o bolseiro afectado poderase habilitar outra bolsa de prácticas alternativa, sempre que sexa posible.

Artigo 18º.-Seguro.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural contratará unha póliza colectiva de seguro de accidentes para tódolos bolseiros durante o período de prácticas.

Artigo 19º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas dictadas en aplicación da presente orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. Igualmente, os beneficiarios da presente orde de axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria desta consellería para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO