Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Xoves, 13 de febreiro de 2003 Páx. 1.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2003 sobre axudas á promoción, comercialización e mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

A transformación e comercialización dos productos agroalimentarios ten cada día maior importancia no conxunto da economía agraria en xeral e da galega en particular.

Por outra banda, as tendencias actuais de mercado inclínanse cara ó consumo de productos transformados diferenciados, naturais e con forte imaxe de calidade. Ademais, son cada vez maiores as esixencias do mercado en canto á normalización, presentación comercial e calidade dos productos.

Dentro deste contexto hai que enmarca-las actuacións que nos últimos anos vén desenvolvendo a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no fomento dos productos agrarios e agroalimentarios galegos e moi especialmente

daqueles productos que contan con algún distintivo de calidade, como as denominacións de orixe e específicas, as indicacións xeográficas protexidas ou os productos procedentes da agricultura ecolóxica.

Dentro desta líña de actuacións, esta orde establece as axudas que se outorgarán durante o ano 2003 ós consellos reguladores dos distintos productos con indicativo de calidade e ás asociacións sen fins de lucro, para investimentos encamiñados á promoción, á comercialización e á mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Estas axudas redundan de xeito indirecto nos productores e nas industrias agroalimentarias galegas, en xeral de pequeno e mediano tamaño e con dificultades de acceso ós mercados, especialmente ós de fóra de Galicia, xa que favorecen a transformación na comunidade autónoma de productos diferenciados e con elevado valor engadido, baseándose en materias primas de excelente e contrastada calidade.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-las axudas que vai concede-la Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ós investimentos para a promoción, comercialización e mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos realizados durante o ano 2003.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Os consellos reguladores dos productos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade.

b) As asociacións de productores e/ou de empresas agrarias e agroalimentarias (en adiante asociacións sectoriais) que teñan entre os seus obxectivos a promoción, a mellora das condicións de comercialización e/ou a mellora da calidade dalgún producto agrario ou agroalimentario galego.

c) Calquera asociación sen fins de lucro, naquelas actividades relativas á organización de feiras e certames comerciais consideradas na alínea b do artigo 3º.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables e contía das axudas.

Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades:

a) Promoción.

As accións subvencionables serán actuacións de promoción xenéricas que, en todo caso, se axustarán ós requisitos e limitacións recollidos nas directrices sobre axudas estatais para a publicidade de productos agrarios incluídos no anexo I do Tratado CEE, e de determinados productos non incluídos nel (DOCE C252, do 12 de setembro de 2001).

Para as campañas publicitarias en medios de comunicación establécese unha porcentaxe máxima do 50% do investimento subvencionable, consonte co disposto na normativa comunitaria antes citada. Como requisito previo á súa difusión, as campañas publicitarias deberán ser supervisadas e aprobadas por esta consellería.

No caso doutras accións promocionais distintas das campañas publicitarias tales como presentacións públicas, degustacións, catas comentadas, etc., a axuda poderá acada-lo 75% do investimento subvencionable.

Nas actuacións realizadas, os productos elaborados polas empresas inscritas ou asociadas empregados nas campañas de promoción, poderán ser considerados como parte da porcentaxe de achega ó investimento correspondente ó solicitante, valorándose a prezos de orixe.

b) Feiras e certames comerciais.

Poderá subvencionarse a participación en feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar unha axuda para asistir a distintos eventos, poderá acumular nun só expediente todos aqueles que se produzan no mesmo ámbito xeográfico (peninsular ou extrapeninsular), pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das ferias ou certames comerciais ós que se refira o expediente.

Serán tamén subvencionables a organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario, con exclusión das relativas a concursos, exposicións e feiras de gando, sempre que estean promovidas por consellos reguladores, asociacións sectoriais ou outras asociacións sen fins de lucro.

As axudas serán subvencións cos límites que se determinan a seguir:

-Asistencia: no territorio peninsular (incluído Portugal), ata un 50% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada asistencia.

Nos demais casos, ata un 60% dos gastos subvencionables, cun máximo de axuda de 6.000 A por cada certame.

Neste punto terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de stand (aluguer, decoración, etc.), traslado de productos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do stand ou, se é o caso, os gastos de desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante, sendo, neste último caso, a cantidade máxima subvencionable a regulamentariamente establecida para os funcionarios do grupo 2º da comunidade autónoma.

-Organización: ata un 50% dos investimentos subvencionables, cun máximo de 18.000 A no caso de

consellos reguladores ou de asociacións sectoriais e un máximo de 6.000 A para o caso doutras asociacións sen fin de lucro.

c) Estudios, xornadas técnicas, seminarios e congresos.

Serán subvencionables os estudios de viabilidade, de investigación e prospección de mercados, así como os que teñan por obxecto a mellora da calidade ou dos procesos de comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos. Incluiranse tamén os estudios de conxuntura, análise das perspectivas e evolución dos mercados, sempre que poidan ter unha incidencia directa na mellora dos procesos de comercialización.

Subvencionarase tamén a organización e realización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan como obxectivo a mellora da calidade ou da comercialización dos productos agrarios ou agroalimentarios galegos.

Con carácter xeral, as axudas poderán chegar ata o 70% dos investimentos subvencionables. No caso de estudios destinados á preparación de solicitudes de recoñecemento de denominacións de calidade, poderán acada-lo 100% dos gastos subvencionables.

d) Programas.

Serán subvencionables aqueles programas que teñan como obxectivo a mellora da calidade e o fomento da normalización, tipificación e control da calidade dos productos certificados polo consello regulador.

A axuda poderá chegar ata o 100% do gasto subvencionable, respectándose, en todo caso, as limitacións que neste respecto se recollen nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000).

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Incidencia potencial da actuación na mellora da calidade dos productos e na súa comercialización (ata 10 puntos).

-Importancia da actuación para o desenvolvemento da actividade do consello regulador ou da asociación (ata 10 puntos).

-Relación custo/beneficio da actuación (ata 10 puntos).

-Axuste das actuacións ás demandas do mercado (ata 10 puntos).

Artigo 5º.-Limitacións de carácter xeral.

En todo caso, a contía das axudas consideradas no artigo 3º axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral vixente e, en particular, ó contido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante que, entre outras limitacións, establece que a concesión de axudas

terá carácter decrecente no caso das outorgadas para os gastos dos controis efectuados co fin de garanti-la autenticidade dos productos certificados polas denominacións de calidade, ata a súa desaparición ó sétimo ano da súa aplicación; e que a contía máxima da axuda que se deberá percibir polas actuacións recollidas nas súas seccións 13 (axudas destinadas á producción e comercialización de productos agrícolas de calidade) e 14 (apoio técnico ó sector agrario, no que se inclúe a organización e participación nas feiras), non poderá superar, para cada unha das seccións, a cantidade de 100.000 euros por beneficiario nun mesmo período de tres anos ou, tratándose de pequenas e medianas empresas, non poderá sobrepasa-lo 50% dos gastos subvencionables, segundo cal sexa a cifra máis favorable.

Artigo 6º.-Tramitación de solicitudes.

1. Os interesados deberán presentar, preferentemente nos servicios centrais e nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, segundo o modelo do anexo I que acompaña esta orde. Deberase presentar unha instancia por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción considerada no artigo 3º, alínea b, para a participación en feiras e certames comerciais.

b) Documentación complementaria que se recolle no anexo II desta orde.

A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria poderá solicitar calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá as solicitudes por proposta do director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 4º.

3. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da presente orde. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderase desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Tramitación do pagamento das axudas.

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e sempre destinada á Dirección Xeral de Industrias

e Promoción Agroalimentaria, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados: facturas orixinais e fotocopias, cunha relación numerada delas.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

c) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma.

Para acreditar estar ó corrente nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para solicita-la expedición do certificado xustificativo correspondente, ou ben por autorizar á Xunta de Galicia para que o solicite por vía informática. Neste último caso deberá cubri-la autorización que figura como anexo III desta orde e entregala co resto da documentación no momento de cubri-la solicitude de axuda.

Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, as axudas especificadas no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

d) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nos anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

d.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, spots, etc.).

d.2) No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria na que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

d.3) No caso de estudios: unha copia destes.

d.4) No caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do seu desenvolvemento e dos resultados obtidos.

e) Certificación da entidade bancaria que acredite a existencia da conta a nome do beneficiario, para o pagamento da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse efectuar pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os investimentos realizados. Estes pagamentos non superarán o 80% da subvención concedida, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario

do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que lle foi concedida.

3. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

4. No caso de pagamentos parciais, cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros, e no de anticipos que superen o devandito importe, será preciso que o beneficiario presente as garantías establecidas no artigo 17 do citado Decreto 287/2000.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 9º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente á realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria. No caso de reducción da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos considerados no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estes, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 10º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ó abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos

contemplados no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e actuación administrativa.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, antes citados.

Artigo 11º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde poderán ser compatibles con calquera outra, sen que, en ningún caso, a contía total das axudas percibidas supere o custo da actividade subvencionada, nin os límites establecidos nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DOCE C28/02, do 1 de febreiro de 2000) e normativa concordante.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Única.-O pagamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ós orzamentos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para o ano 2003, nas aplicacións orzamentarias 09.04.714A.770.0, 09.04.615A.770.0 e 09.04.714A.780.0, dotadas inicialmente con 1.500.000, 100.000 e 150.000 A, respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO