Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Xoves, 13 de febreiro de 2003 Páx. 1.606

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia en materia de obras públicas, portos, aeroportos, estradas, vías férreas, montes e aproveitamentos forestais, aproveitamentos hidráulicos, ordenación do territorio, polo que os diferentes organismos titulares destas competencias teñen que elabora-la súa propia cartografía necesaria para a programación das súas actuacións de planificación e xestión do territorio.

A cartografía é o instrumento para o coñecemento da realidade do territorio, útil para a análise das potencialidades que este ofrece e imprescindible como documento de apoio para o establecemento de estratexias de desenvolvemento e planificación axeitadas no eido dos países con economías de alto desenvolvemento.

A implantación das novas tecnoloxías supuxo a introducción de importantes cambios na cartografía, tanto na captura da información como na producción e acceso a ela. A imaxe satélite e a fotografía aérea permiten achegarnos de maneira directa ó territorio e facilitan a introducción, análise e actualización de información territorial. A informática permítenos manexar grandes bases de datos cualitativos e cuantitativos do territorio, o que nos permite realizar modelos de simulación para establecer diagnósticos e defini-los plans de desenvolvemento necesarios, así como a elaboración dunha cartografía dixital e temática necesaria para a comprensión das potencialidades que ofrece un territorio.

No momento actual a información cartográfica existente, ademais de ser moi heteroxénea, desde o punto de vista do seu formato técnico, atópase dispersa en diferentes departamentos. Esta situación require reforza-la coordinación nestas materias.

Por iso, a Xunta de Galicia entende necesario establece-las bases precisas para atende-las demandas existentes e as futuras no ámbito dos sistemas de información xeográfica e cartográfica, como ocorre en tódalas administracións avanzadas, onde as innovacións tecnolóxicas se están a aplicar á xestión de información sobre o territorio e na mellora da súa relación co cidadán.

Os órganos competentes da Unión Europea están estudiando a normativa para facilita-la dispoñibilidade e acada-la harmonización da información xeográfica, co fin de evita-la fragmentación na defi

nición de novas técnicas e a falta de coordinación existente, baseándose en catro principios xerais:

1º Os datos espaciais deben ser recollidos unha soa vez e, posteriormente, actualizalos, evitando a duplicación da recolleita.

2º Debe compatibilizarse e homologarse tecnicamente toda a información de datos espaciais nas diferentes escalas, de cara á súa harmonización.

3º Debe posibilitarse comparti-la información de cada nivel entre tódolos demais niveis.

4º A información xeográfica necesita para o seu bo goberno, acada-la maior dispoñibilidade posible baixo condicións de uso non restrictivo.

Por todo o dito resulta necesario acadar en Galicia unha efectiva coordinación nos criterios técnicos de obtención da información e na elaboración de sistemas de información xeográfica (GIS) e a documentación cartografía, mediante a creación dunha Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, adaptada ás novas tecnoloxías e referido á información cartográfica e do territorio, e crear instrumentos tecnolóxicos que faciliten a dispoñibilidade da información cartográfica e territorial a través da Internet.

Por todo isto, a Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal, en virtude do estipulado na Lei 7/1996, de desenvolvemento comarcal, no seu artigo 26 onde integra o Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga) na súa estructura operativa, propón a creación da devandita comisión, as características da cal se detallan a continuación.

En virtude de todo o exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

Créase a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de sistema de información xeográfica e cartográfica.

Artigo 2º.-Adscrición.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará adscrita á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública a través da Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

Artigo 3º.-Funcións.

Serán funcións propias da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía as seguintes:

* Deseño dun Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica.

* Coordinación das actividades cartográficas da Xunta de Galicia.

* Coordinación da infraestructura de datos espaciais de Galicia.

* Elaboración dunha normativa relativa de control de calidade, elaboración, catalogación e arquivo de cada un dos documentos cartográficos que se elaboren, co fin de favorece-la homologación e intercambio dos formatos cartográficos entre tódolos departamentos.

* Creación e xestión dun inventario da cartografía e datos xeográficos que estea á disposición das distintas consellerías e demais administracións públicas.

* Difusión dun catálogo da cartografía e apoio á comercialización de tódolos productos cartográficos.

* Execución dos obxectivos e liñas de traballo que lles sexan asignados no Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica.

* Relación con outros organismos nacionais e internacionais con competencias en materia de sistemas de información xeográfica e cartográfica.

* Dar soporte técnico á Comisión de Delimitación de Termos Municipais e á Comisión de Toponimia.

* Coordinación das peticións e solicitudes en materia cartográfica das distintas consellerías respecto a outras administracións.

* Análise das necesidades e da evolución da demanda de cartografía e información xeográfica en Galicia.

Artigo 4º.-Composición.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará composta polos seguintes membros:

1. Presidente: conselleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

2. Vicepresidente: secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

3. Vocais:

a) Un representante de tódalas consellerías con categoría de secretario xeral ou director xeral responsable nesa consellería da área funcional que estea relacionada coa cartografía ou coa toponimia.

b) O director do Instituto Galego de Estatística da Consellería de Economía e Facenda.

* O director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable da Consellería de Economía e Facenda.

* O secretario da Comisión de Delimitación Territorial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

* O secretario da Comisión de Toponimia.

4. As consellerías e demais organismos ou entidades anteriormente mencionados, deberán, así mesmo, designar, ademais do vocal titular un vocal suplente da mesma categoría.

Artigo 5º.-Presidente e vicepresidente.

1. Correspóndelle ó presidente, ou persoa na que delegue, a fixación da orde do día das reunións, presidilas e dirixi-las deliberacións e impulsa-la actuación da comisión.

2. O vicepresidente substitúe o presidente no caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 6º.-Secretaría da comisión.

1. A secretaría da comisión será desempeñada por un representante do Sistema de Información Territorial da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, designado polo presidente da comisión.

2. O secretario asistirá ás reunións da comisión con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou enfermidade do secretario, será substituído temporalmente pola persoa que designe o presidente.

4. Ó secretario da comisión, ademais das funcións reguladas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, corresponderalle:

* Convoca-las reunións por orde do presidente.

* Levantar acta e dar fe dos acordos adoptados co visto e prace do presidente.

* Atende-lo funcionamento interno da comisión, custodia-la documentación, prepara-la relación de asuntos que servirán para forma-la orde do día de cada convocatoria.

* Dar traslado de tódolos acordos adoptados ós membros da reunión.

* Recibir propostas das comisións de traballo que se creen segundo o disposto no artigo 9º.

* Difundir e coordina-la información e propostas recibidas.

Artigo 7º.-Asistencia de expertos.

A comisión poderá contar coa asistencia de expertos ou asesores, logo de acordo do Pleno, sempre que o requiran os traballos que haxa que realizar.

Artigo 8º.-Pleno e relatorios.

1. O Pleno estará integrado por tódolos membros da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

2. A comisión actúa en Pleno, sen prexuízo de distribuí-los seus traballos preparatorios en relatorios, ordinarios ou especiais, de acordo co seu Regulamento interno de organización e funcionamento que lle corresponde aprobar ó seu Pleno.

Artigo 9º.-Comisións de traballo.

1. O Pleno creará comisións de traballo por áreas que poderán ser permanentes ou específicas e estarán formadas polos membros que aquel designe para o efecto, que poderán estar asistidos polos expertos ou asesores que procedan en función do tema que se trate.

2. Corresponderalles ás comisións de traballo a análise sectorial, a recollida de información, a elaboración de propostas e demais competencias que sinale o Pleno.

3. As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren, ou por petición do seu presidente.

Artigo 10º.-Convocatorias.

1. Reuniranse, polo menos, en sesión ordinaria dúas veces ó ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado polo seu presidente, por iniciativa propia, por petición dun tercio dos seus membros, metade dos vocais ou polo pedimento dunha comisión de traballo.

2. As convocatorias coa expresión da orde do día serán asinadas polo presidente e cursadas polo secretario da comisión con cinco días naturais de antelación respecto ó día previsto para a sesión, coa salvidade dos casos de urxencia, apreciada polo presidente, en que o serán con corenta e oito horas.

Artigo 11º.-Funcionamento.

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Disposición adicional

Única.-Este decreto non suporá incremento de gasto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar cantas normas complementarias fosen precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA