Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Mércores, 12 de febreiro de 2003 Páx. 1.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 147/2003, do 31 de xaneiro, polo que se acordan as cesións en propiedade, a título gratuíto, dos predios número 554 e número 822, da zona de concentración parcelaria de San Fiz, Santo André de Illobre e Santa Baia de Vedra (Vedra-A Coruña).

O artigo 31.3º, da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da de concentración parcelaria para Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura está autorizada a exerce-las funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuí

zo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os actos de disposición sobre bens inmobles.

O Concello de Vedra solicitou a cesión en propiedade de dous inmobles situados no seu termo municipal, os predios sobrantes nº 554 e nº 822 das zonas de concentración parcelaria de San Fiz, San Andrés de Illobre e Santa Baia de Vedra, respectivamente, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do disposto no artigo 31 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.

Por ordes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 22 e 30 de maio de 2002 (DOG nº 116 e 117, do 18 e 19 de xuño), declarouse a alleabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural tramitou o expediente de cesión, de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do Concello de Vedra dos seguintes bens inmobles:

1. Predio nº 554 da zona de concentración parcelaria da parroquia de San Fiz e Santo André de Illobre, municipio de Vedra, que teñen unha superficie de 6.370 m, que estrema: norte, Carmen Tato Collazo (555) e outros propietarios (557, 558-1, 558-2, 559, e 560); sur, zona excluída; leste, zona excluída; oeste, camiño. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela nº 1 no tomo 1.267, libro 121, folio 178, predio nº 13.222.

2. Predio nº 822 da zona de concentración parcelaria da parroquia de Santa Baia de Vedra, municipio de Vedra, que ten unha superficie de 3.000 m, que estrema: norte, camiño; sur, Alfonso Pallas Rey (823), rego no medio; leste, Manuel Gestoso Cutrín (819); oeste, camiño. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela nº 1 no tomo 1.343, libro 124, folio 17, predio nº 13.416.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os fins das cesións serán respectivamente, a dedicación do predio nº 554 á instalación e mantemento dun campo de fútbol parroquial e a do predio nº 822 á construcción dunha piscina municipal para uso público.

b) Se os bens cedidos non se aplicasen ós fins sinalados dentro do prazo dun ano, contado desde

o outorgamento das respectivas escrituras públicas, deixasen de estalo con posterioridade, consideraranse resoltas as cesións e os inmobles reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) As cesións formalizaranse mediante escrituras públicas, debendo constar nelas os acordos de cesión e as aceptacións do cesionario, sendo os custos de outorgamento por conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural