Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Mércores, 12 de febreiro de 2003 Páx. 1.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de febreiro do 2003 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitario.

A institucionalización por parte da Real Academia Galega, a partir de 1963, do día 17 de maio, como o Día das Letras Galegas, foi, sen dúbida, un acontecemento que, ano tras ano, colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que, en toda a Comunidade Autónoma galega, se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida, para a celebración desta efeméride, a publicación, no ano 1863, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara, a través do Decreto 6/2003, do 2 de xaneiro, o ano 2003 como ano de Antón Avilés de Taramancos. Preocupado desde moi novo pola lingua galega, foi fundamentalmente e sobre todo poeta, aínda que cultivou outros xéneros como o relato, o ensaio e o teatro.

O poeta, nunha primeira etapa, crea textos de corte clasicista para articular logo o seu mundo poético arredor dun referente mítico, sobre todo desde a súa experiencia na emigración americana. Con todo, a significación de Antón Avilés de Taramancos non se limita á creación literaria, senón que actuou como un verdadeiro animador cultural a través de múltiples iniciativas destinadas a promove-la lingua galega e a cultura de noso.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ó que se lle dedica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, dedicarase alomenos unha hora, en cada un dos grupos de cada curso, ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó poeta e animador cultural homenaxeado este ano, Antón Avilés de Taramancos.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria