Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Mércores, 12 de febreiro de 2003 Páx. 1.573

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de febreiro de 2003 pola que se anuncian subvencións para a creación, remodelación e recuperación dos balnearios e centros de talasoterapia así como centros ludicotermais-spa vinculados a establecementos hoteleiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa Comunidade Autónoma sendo claro exemplo disto o gran número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo cede terreo claramente ó turismo denominado de sol e praia producíndose nalgúns casos o peche de establecementos ou nos casos máis favorables unha existencia de mera supervivencia.

Pero desde non hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia no é allea a este fenómeno, de feito, a nosa oferta turística balnearia está producindo uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben de ser mellorados para seren acordes coas demandas dos usuarios.

Por outro lado estase a producir, no eido da demanda turística, un auxe dos centros de talaso, utilizando a auga do mar e medio mariño con fins terapéuticos e preventivos para a saúde. Tendo en conta que esta demanda vai incidir, tal como xa o fai o balneario tradicional, no noso turismo e considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-la oferta de turismo de saúde en tódalas súas expresións é polo que, con cargo ós créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade e tendo en conta os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia e todo isto conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e

seguindo o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á creación, remodelación e recuperación dos balnearios e centros de talasoterapia e centros ludicotermais-spa vinculados a instalacións hoteleiras, que pola súa conceptuación como actividade turística considérase incentivable ó abeiro do antedito Decreto 172/2001. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá conceder subvencións, con cargo

á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código civil):

1. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias en funcionamento.

2. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias pechadas pola deterioración das súas instalacións sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º desta orde, se inclúa a recuperación de todo o conxunto.

3. De instalacións balnearias que carezan de establecementos de aloxamento e restauración sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º desta orde, se inclúa a creación, formando un conxunto co balneario, de establecementos de aloxamento e restauración.

4. Os promotores de centros de talasoterapia que carezan de establecementos de aloxamento e restauración sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º, se inclúa a creación dun conxunto qua actúe como elemento dinamizador e impulsor da actividade turística da zona.

5. Os promotores de centros de talasoterapia que inclúa nas súas instalacións oferta de aloxamento e restauración sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º, se contemple a creación dun conxunto que actúe como elemento dinamizador e impulsor da actividade turística da zona.

6. Os promotores de centros ludicotermais-spa, vinculados a establecementos hoteleiros que, contando cos medios necesarios, utilizen a auga con fins lúdicos, ofertando programas dirixidos á mellora e equilibrio do estado de saúde e benestar das persoas, así como á mellora e potenciación da imaxe persoal.

Para os efectos desta orde serán considerados centros ludicotermais-spa os que dispoñan, en número suficiente e adecuado para atende-la demanda que se produza, das instalacións mínimas seguintes:

-Piscinas colectivas.

-Cabinas individuais de tratamentos estéticos e envolturas.

-Zona de repouso.

-Vestiarios con duchas e aseos.

Poderán contar ademais con instalacións de carácter non obrigatorio como saunas, baños de vapor e bañeiras de hidromasaxe.

Ás ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse ós créditos para 2003 da aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.0, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e destínase a elas un importe de 5.626.880 euros, distribuídos en 4 anualidades, a saber, no ano 2003, 1.641.107 euros, no 2004, 1.699.655 euros, no 2005, 1.261.894 euros e no 2006, 1.024.224 euros. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, seguirase o que dispoñen os artigos 16.Dous e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios do 2003, 2004, 2005 e do 2006 sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable do 40% segundo o legalmente establecido no artigo 15 do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á creación, modenización e posta en valor turístico dos balnearios e centros de talasoterapia así como a substitución dos seus equipamentos obsoletos. Pola súa vez poderán ser obxecto de subvención os centros ludicotermais-spa, vinculados a establecementos hoteleiros que reúnan os requisitos sinalados no artigo 1º.6 da presente orde.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cento cincuenta mil (150.000) euros, este comprenderá os honorarios de técnicos, non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos, así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

3. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, agás os que se atopen nalgún dos casos determinados nos puntos 2, 3, 4 e 5 do artigo 1º desta orde.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 2003 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, elaborada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura,

Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia así como nas suás normas de desenvolvemento.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Inicia-la súa actividade turística, incluídos tódolos servicios que se incluíron no proxecto, provisto da correspondente autorización de apertura da Administración turística, nun prazo máximo de 6 meses, contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado e mantelos durante un período de 5 anos.

c) Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de xustificación total do investimento subvencionado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

f) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Modifica-las obras subvencionadas sen permiso expreso da Administración.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

* Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

* Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento mínimo subvencionable.

g) Para o caso de que exista servicio de restaurante, no conxunto das instalacións, en ningún caso o seu funcionamento poderá altera-lo fin último do establecemento subvencionado ó abeiro deste orde.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se prevén nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 35% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiránselle 6.000 euros. por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 40% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas á directora xeral de Turismo, e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Innovación, de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226, do 19 de decembro), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de corenta días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) 1º proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

2º Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala adecuada cando o investimento afecte a distribución ou o uso das instalacións existentes.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por personas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

f) Anexo II asinado e debidamante cuberto.

g) No caso dos balnearios, certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgado pola Consellería de Innovación, de Industria e Comercio ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acada-la dita autorización e certificado de inscrición no rexistro de centros, servicios ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acada-la dita autorización. No caso dos centros de talasoterapia terá que acollerse ó disposto na lexislación vixente de aplicación.

h) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se lle solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

i) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

k) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa se vai axustar a tódalas condicións que se sinalan para os destinatarios.

l) Plan de calidade proxectado para o establecemento, normalizados e recoñecidos, nos mercados proxectado para o establecemento. Débese de indicar expresamente se o dito plan está homologado polo Instituto da Calidade Turística Española.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito, se fose o caso, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do

Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da Área de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes, ordenados en función da súa importancia, teranse en conta os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras con elementos configuradores de producto turístico náutico o pola súa fisionomía tradicional mariñeira; o interese do espacio en relación a figuras de protección ambiental ou a declaración oficial como turístico do municipio onde se sitúe.

2º Análise do destino en relación á calidade dos accesos, das infraestructuras básicas e a oferta de servicios de utilización turística.

3º O estado actual e as características da edificación conforme a parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º Número de postos de traballo que se vaian crear e o grao de estabilidade deles.

5º As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

6º A relación entre a oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

7º Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñecidos nos mercados, en particular os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

8º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

9º A incidencia que nos recursos turísticos ten na área do investimento consonte estudios e análise aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

10º No estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará, unha vez recibidos os informes da comisión creada ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 401/1996, do 31 de outubro, á directora xeral de Turismo, os acordos adoptados por ela. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potesta

tivamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ámbolos prazos desde a recepción da notificación da resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2003, 2004, 2005 e 2006 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous meses desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención segundo anexo III.

b) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión.

O proxecto e programa citados, que teñen que ser conformes ó determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberán contar co informe favorable do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da edificación.

d) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorrido o sinalado prazo de dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde vistos os acordos da comisión técnica e a proposta formulada pola directora xeral de Turismo, poderanse conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen ou ben, de ser posible, poderanse incrementa-los importes das xa concedidas ó abeiro desta orde, sempre que non acadasen a porcentaxe máxima do 40% determinado anteriormente.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela

se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase do 2003: 1 de novembro de 2003.

Fase do 2004: 30 de xuño de 2004, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro do 2003.

Fase do 2005: 30 de xuño do 2005, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de terse imputado a máis, 1 de outubro do 2004.

Fase do 2005: 30 de xuño do 2006.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2003, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2003.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberao xustificar o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

De non xustificarse o investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade.

De non xustificarse o investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, modelo oficial que se compón de cara, certificación en orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución e resumo xeral elaborado polos técnicos directores de obra relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, no caso de que o investimento subvencionable se referira á realización das obras e/ou instalacións vistas no artigo 5º.1.c)1º desta orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións do no artigo 5º.1.c).2º desta orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberá especifica-lo interesado a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. Poderase apraza-la presentación deste documento ata a derradeira solicitude de pagamento sempre e cando se xustifique ter iniciados os trámites para a súa concesión. O dito documento é preceptivo, de non presentalo antes da derradeira solicitude de pagamento, a Dirección Xeral de Turismo procederá a incoar de oficio o expediente de reintegro correspondente á subvención concedida.

3.4. Certificados de estar ó día nas suas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3º.5 e anexo II desta orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.7. No caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 30.050,60 euros, cando se solicite o pagamento da anualidade de 2003 ou, se é o caso, do 2004, 2005 ou 2006, ademais da presentación da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén deberán concorre-las seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitarllo ó interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.8. En calquera caso os pagamentos parciais teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

A garantía ou aval deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando, alomenos, o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención, cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral o remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3º e 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 60.101,21 euros.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

* Autoemprego.

* Indefinidos.

* Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autorizar a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-A resolución de concesión poderase, consonte o procedemento e condicións sinaladas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e sub

vencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificar por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, ou en todo caso pola obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación á que fai referencia o artigo 7º desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño doe 2006. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Sétima.-Para as subvencións que co mesmo obxecto que a presente foron concedidas con anterioridade e para as que aínda non rematese o prazo de xustificación da derradeira anualidade, poderase solicitar, en escrito debidamente motivado asinado polo solicitante e polo técnico-director de obra, unha ampliación do prazo de xustificación e, se procedese, un reaxuste de anualidades, cando existisen causas técnicas derivadas da execución do investimento subvencionado que fagan imposible a execución deste nos prazos inicialmente previstos. En todo caso, o total de prazo de execución, non poderá ser superior ó determinado no artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Oitava.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e, tal feito determinase que se fixera preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo