A Orde do 6 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva dos buques dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos prevé, no seu artigo 4º, que as convocatorias poderán ser varias, e que se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde, e que os remanentes dunha convocatoria se acumularán á seguinte.
A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003 prevé que o prazo de presentación de solicitudes de axudas non será inferior a corenta días hábiles.
Para tal obxecto, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.
Convócanse axudas á paralización definitiva dos buques dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 6 de febreiro de 2002 (DOG do 21 de febreiro); o prazo de presentación de solicitudes, de acordo co artigo 43º da vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, será de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.
Artigo 2º.-Crédito orzamentario.
As subvencións concédense con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.770.1 do exercicio vixente e cun importe de 5.508.000 euros.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2003.
Enrique César López Veiga
Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos