Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Luns, 10 de febreiro de 2003 Páx. 1.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 7 de febreiro de 2003 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

No Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, establécese a estructura orgánica da Xunta de Galicia e, no Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a dos seus departamentos.

A necesidade de acadar unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos á titular da consellería que beneficia tanto a Administración como os administrados, sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas, aconsellan delegar na secretaria xeral o exercicio de determinadas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha única norma tódalas delegacións, tanto nos órganos

centrais coma nos periféricos, así como no presidente do Consello Galego de Relacións Laborais.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na secretaria xeral as competencias que se relacionan a seguir, sen prexuízo das que son obxecto de delegación no director xeral de Promoción do Emprego, nos delegados provinciais e no presidente do Consello Galego de Relacións Laborais reguladas nos artigos 2º, 3º e 4º desta orde.

a) O despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As competencias que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

e) As competencias que lle corresponden á conselleira en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela.

f) A inspección de tódolos servicios da consellería.

g) Dispoñer canto concerne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da conselleira ou doutro centro directivo.

h) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan á conselleira nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

En caso de ausencia ou enfermidade da secretaria xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores xerais seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estructura orgánica da consellería, durante o tempo en que persistan as devanditas causas.

Artigo 2º

Deléganse no director xeral de Promoción do Emprego, dentro do ámbito das súas competencias:

a) A contratación das subministracións e servicios que con cargo ó capítulo II sexan necesarios para o funcionamento das escolas obradoiro e obradoiros de emprego dos Camiños de Santiago, xestionados por esta dirección xeral.

b) A autorización e disposición dos gastos de persoal das escolas obradoiro e obradoiros de emprego dos camiños de Santiago, ata ó límite dos créditos correspondentes e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos, o recoñecemento das obrigas e a ordenación de pagamentos relativos a eles.

Artigo 3º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no seu respectivo ámbito territorial e sen prexuízo do establecido no artigo anterior.

a) A designación das comisións de servicios con dereito a indemnización no ámbito provincial a todo o persoal adscrito ás delegacións.

b) A contratación das subministracións de bens funxibles con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

c) A contratación de servicios relativos a gastos correntes con cargo ó capítulo II dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma.

d) A contratación dos contratos administrativos especiais que non xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica.

e) A xestión das obrigas adquiridas mediante a sinatura de contratos de xestión de servicios públicos de carácter asistencial.

f) A xestión das obrigas xeradas polos convenios de colaboración de reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais, ocupacionais e residenciais.

g) As contratacións de persoal laboral temporal, logo de autorización expresa do gasto polos órganos centrais da consellería, cando se trate de postos de traballo vacantes incluídos nas correspondentes relacións de postos de traballo, así como a competencia para efectua-las contratacións de persoal laboral temporal para desempeñar postos de traballo non vacantes cando o seu titular non se encontre no desenvolvemento efectivo das funcións propias del, como nos supostos de incapacidade temporal, licencias e outros similares, todo iso dentro dos créditos consignados para tal efecto.

h) As competencias para tramitar e subscribi-los contratos laborais que se realicen con cargo ás subvencións concedidas polo Instituto Nacional de Emprego para programas de promoción do emprego, reguladas nas respectivas ordes do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 14 de novembro de 2001.

Artigo 4º

Deléganse no presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, dentro do ámbito das súas competencias:

a) O despacho e a resolución de expedientes e asuntos de índole administrativa así como a reso

lución das reclamacións e queixas pola actuación do persoal ó servicio do consello.

b) As competencias que lle corresponden á conselleira en materia do persoal ó servicio do consello agás as reservadas á competencia exclusivas daquel.

c) As competencias en materia de contratación administrativa.

d) Autorizar e dispoñe-los gastos propios do consello, ata o límite dos créditos autorizados, excepto os casos reservados á competencia da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas e solicitar da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

Artigo 5º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de atribucións efectuadas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

En calquera momento a conselleira poderá avocar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde. Quedan excluídos, en todo caso, das delegacións contidas nela, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición adicional

Tódalas referencias contidas nas distintas ordes e programas en vigor referidas ás extintas consellerías de Asuntos Sociais, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais entenderanse feitas á nova Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e ós órganos correspondentes desta nas competencias asumidas por esta.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais