Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2003 Páx. 1.080

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA

ANUNCIO.

José Luis Almau Supervía, secretario xeral da Deputación Provincial da Coruña, certifica que na sesión plenaria ordinaria celebrada o día trinta de decembro de dous mil dous, se adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«4. Ampliación da delegación de competencias en materia tributaria por diversos concellos da provincia.

Acepta-la ampliación de competencias delegadas en materia tributaria acordada por diversos concellos da provincia, en relación coas materias e concellos seguintes:

-Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre vehículos de tracción mecánica ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro: Concello de Narón.

-Recadación en período executivo de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de carácter non periódico ou de periodicidade inferior ó ano: concellos de Boqueixón e Narón.

-Recadación voluntaria e executiva das sancións municipais por infraccións da Lei sobre tráfico, circulación e vehículos de motor e seguridade vial, incluíndo a colaboración previa cos concellos para identificación dos propietarios dos vehículos cos que se cometeran infraccións: concellos de Cambre, Cedeira, Cee, Fisterra, Muros, Narón, Neda, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Santa Comba e Valdoviño.

-Recadación voluntaria e executiva das seguintes taxas do Concello de Narón:

-Recollida de residuos sólidos no medio rural.

-Autorización de entrada e saída de vehículos.

A aceptación destas competencias realízase a expensas de que os correspondentes acordos municipais sexan elevados a definitivos.

O exercicio das competencias delegadas obxecto de aceptación, que se levará a cabo nos termos establecidos nas bases para a prestación de servicios tributarios ós concellos da provincia, aprobadas para o efecto por esta corporación provincial, entrará en vigor logo do día 2 de xaneiro de 2003».

E para que conste, e a reserva da aprobación da acta, segundo o disposto no artigo 206 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, expido este certificado na Coruña o dezaseis de xaneiro de dous mil tres.

José Luis Almau Supervía

Secretario da Deputación Provincial da Coruña

Visto e prace

José Luis Torres Colomer

Presidente da Deputación Provincial da Coruña