Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2003 Páx. 981

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución do parque empresarial, no concello de Barreiros.

Antecedentes.

1º. O Concello de Barreiros e o Instituto Galego de Vivenda e Solo formalizaron con data 12 de xullo de 2000 un convenio co obxectivo de realiza-la promoción pública dun parque empresarial nese concello.

2º. O Plan Parcial do Parque Empresarial de Barreiros na zona da Espiñeira foi aprobado definitivamente polo Pleno do concello na súa sesión do 26 de febreiro de 2002. No devandito plan parcial optouse por desenvolver una parte do ámbito do solo cualificado como apto para urbanizar polas normas

subsidiarias de planeamento polo sistema de expropiación.

3º. O Instituto Galego de Vivenda e Solo, mediante resolución do seu director xeral do 4 de abril de 2002 acordou inicia-la tramitación do expediente do proxecto de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciándose no xornal El Progreso do 4 de xuño de 2002 e no DOG nº 118, do 20 de xuño de 2002.

4º. A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal das correspondentes follas de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Así mesmo, en aplicación do disposto no artigo 145.5º deuse traslado do expediente ó concello, para o trámite de audiencia.

5º. O Instituto Galego de Vivenda e Solo remitiu o expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución do parque empresarial a esta consellería para a súa aprobación definitiva, de conformidade co disposto polo artigo 145.6º da LSG.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-A competencia do Instituto Galego de Vivenda e Solo para inicia-lo presente procedemento, como administración actuante, vén determinada pola Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do instituto, en virtude do previsto nos artigos 41, puntos 1º e 2º e 45, e a súa competencia en materia de xestión urbanística, como administración actuante, recoñecida no artigo 189.2º da LSG, polo que pode optar pola aplicación do procedemento de taxación conxunta, segudo o previsto no artigo 144.2º da devandita lei.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse, polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Cuarto.-No Concello de Barreiros están vixentes unhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente con data 28 de outubro de 1994, nas que se prevé un ámbito de solo apto para urbanizar de uso industrial na zona da Espiñeira.

Os terreos obxecto de expropiación encóntranse comprendidos dentro do ámbito do Plan Parcial do Parque Empresarial de Barreiros que foi aprobado definitivamente polo Pleno do concello na súa sesión do 26 de febreiro de 2002. No devandito plan parcial fíxase un ámbito de 131.947 m, para desenvolver polo sistema de expropiación.

Á vista do que antecede, e de acordo co establecido no artigo 54 da LSG, en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), resulta acreditada a utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Quinto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ós establecidos polo título III, artigos 23 e seguintes da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Sexto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, correspondelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo sétimo punto 1º e) da orde do 21 de novembro de 2002 do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (Diario Oficial de Galicia nº 230, do 28 de novembro) sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución do parque empresarial do Concello de Barreiros, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Instituto Galego de Vivenda e Solo, ó Concello de Barreiros e, de xeito individualizado, a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta Dirección Xeral de Urbanismo a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da Lei do solo de Galicia, advertíndolles que transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia).

Terceiro.-Publica-la presente resolución así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e nos taboleiros de edictos do Instituto Galego de Vivenda e Solo e do Concello de Barreiros:

predio

TitularesBens que se van

expropiar

Valoración

103Adelina Palmeiro IglesiasSolo: 2.067 m e

plantacións

6.485,19 euros

108Minerva Bermúdez MontenegroSolo: 1.600 m e

plantacións

4.789,64 euros

187Herdeiros de Felisa Pedrosa PosadaSolo: 2.756 m7.043,80 euros

370Tomás Iglesias MoredaSolo: 1.400 m e

plantacións

4.392,49 euros

373Adelina Palmeiro IglesiasSolo: 1.292 m3.302,10 euros

374Herdeiros de Rogelio ReySolo: 200 m511,16 euros

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos, ós que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, da xurisdicción contencioso-administrativa). Para o caso de que se interpoña o recurso potes

tativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifesta-la súa desconformidade como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo