A actividade administrativa da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:
a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería.
b) A autorización e disposicións dos gastos xerais dos servicios da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.
c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.
d) A designación das comisións do servicio, con dereito a indemnización, previsto no artigo 4 do
Decreto 149/1984, do 13 de setembro, de todo persoal dependente da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio.
e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal.
f) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.
g) O exercicio da competencia para resolve-los recursos administrativos que se interpoñan contra as resolucións dos órganos centrais e periféricos da consellería nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.
h) A subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración con outras administracións públicas ou entes de dereito público, así como cos particulares que outorgue esta consellería sempre e cando:
1º) Non conteñan ningunha obriga de gasto de carácter plurianual.
2º) Non conteñan ningunha obriga de gasto no exercicio vixente por importe superior a 300.506,05 euros.
2. En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as competencias mencionadas no punto anterior quedarán delegadas nos directores xerais, seguindo a orde de prelación establecida no decreto que en cada momento regule a estructura orgánica da consellería durante o tempo que persistan as devanditas causas.
Artigo 2º
As resolucións administrativas que se adopten e mailos convenios que se celebren facendo uso da delegación de competencias conferida pola presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse como propios do órgano delegante.
Artigo 3º
O conselleiro poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 44.2º da Lei reguladora da Xunta e do seu presidente.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 20 de decembro de 2001 e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2003.
Juan Rodríguez Yuste
Conselleiro de Innovación, de Industria e Comercio