Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2003 Páx. 958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 16 de xaneiro de 2003 pola que se modifica a Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2003 de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia dirixida a empresas privadas, asociacións ou agrupacións de empresas sen ánimo de lucro e a persoas físicas en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

A Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 establece no seu artigo 43 unha modificación do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa regulación do prazo mínimo para a presentación de solicitudes de axudas e subvencións públicas, ampliándoo de 20 días hábiles a 40 días hábiles.

Así mesmo o citado artigo establece que as ordes de axudas e subvencións manteñan un escrupuloso respecto ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, no que se refire á presentación de documentos que constan en poder da Xunta de Galicia.

Como queira que a orde que se modifica foi publicada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, ó terse tramitado en réxime anticipado, require a súa adaptación ós anteriores mandatos legais.

Para cumprir este mandato e unha vez obtidos os preceptivos informes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o epígrafe 1º do artigo 5 correspondente ó prazo de presentación de solicitudes, quedando redactado como segue:

O prazo para a presentación de solicitudes será o comprendido entre o día 29 de novembro de 2002 e o 7 de febreiro de 2003.

Artigo 2º

Modifícase o epígrafe 3º do artigo 5 correspondente ás solicitudes e documentación, ó que se lle engade o seguinte epígrafe:

Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debéndose indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se atopan.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio