Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2003 Páx. 839

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de xaneiro de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e de acordo co establecido nos artigos 38, 40, 131, 149.1.7ª e 13ª da Constitución, e logo da asunción das funcións e servicios do Estado en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación en virtude dos sucesivos reais decretos de traspaso, a través da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas a fomenta-la estabilidade, a xeración de novos postos de traballo e a cultura emprendedora, seguindo as directrices e a estratexia europea para o emprego.

A competencia en materia de política activa de emprego mediante a realización de programas de axuda ou apoio á xeración de emprego e a inserción laboral correspóndelle á citada consellería, en virtude do disposto no Decreto 306/2001, do 15 de decembro e no Decreto 205/2002, do 18 de xullo.

Neste plan de actuación, o novo obxectivo estratéxico da Unión Europea, fixado no Cumio de Lisboa que tivo lugar o 23 e 24 de marzo de 2000, de prepara-lo paso a unha sociedade e a unha economía baseada no coñecemento como motor do crecemento, da competitividade e do emprego, esixe, na perspectiva e no ámbito das políticas activas de emprego, adoptar medidas que permitan aproveita-los beneficios e oportunidades que o contexto da nova economía supón para a xeración de máis e mellores empregos.

Co dito fin instrumentouse un programa específico para impulsar, promover e apoiar, no contexto das políticas activas de emprego, a implantación de iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

O programa de apoio ás Iebts configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, para aproveita-lo potencial de investigadores e titulados universitarios, principalmente, que pretendan xestiona-lo seu propio negocio, e propicia-la transferencia do amplo coñecemento creado, principalmente, en universidades e centros de investigación, en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo.

Para o desenvolvemento normativo do programa seguiuse o sistema de regular separadamente as bases e convocatoria do réxime de axudas económicas dirixidas ás Iebts, que se fixan con carácter anual, daqueloutros aspectos que definen e configuran a singularidade e especificidade do programa, que se determinan nunha perspectiva de permanencia co obxecto de dotalo dun enfoque integral e de continuidade no tempo, que se concretan no seguinte: aspectos substantivos dos proxectos, procedemento de cualificación e inscrición rexistral, e as medidas de asesoramento, acompañamento e avaliación técnica que se levan a cabo a través de estructuras de apoio a emprendedores no ámbito da colaboración e coordinación entre a Administración autonómica, as universidades galegas e outras entidades vinculadas á innovación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora.

Nesta estratexia, na orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (DOG nº 47, do 7 de marzo), regúlanse os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reuni-los proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de Iebts.

Nesta orde fíxanse as bases reguladoras e a convocatoria do réxime de axudas económicas para o ano 2003 dirixido ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

O dito réxime ten por finalidade favorece-la creación de emprego en pequenas empresas de carácter innovador con contido científico e/ou tecnolóxico a través dunha graduación da contía da axuda por cada emprego creado en atención a diferentes criterios relacionados coa concorrencia de determinados gastos, que se configuran como diferentes modalidades dunha axuda única que ten por obxecto promove-la creación de novos empregos.

Como axuda ó emprego ligada a unha nova actividade e investimento queda sometida á normativa europea relativa ó desenvolvemento rexional, séndolle de aplicación o réxime de exención establecido no Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras desta axuda ó emprego e a súa convocatoria axús

tanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ó establecido na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

De acordo co anterior e de conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas reguladas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.470.1, cun crédito de 13.341.735 euros, 14.04.241A.470.2, cun crédito de 13.978.892 euros, e 14.04.241B.475.0.109, na que figura un crédito de 1.818.369 euros. As ditas contías están recollidas na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que establece o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural, e das demais ordes que establecen as bases e as convocatorias das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas

orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas confinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria dun réxime de axudas e subvencións establecido pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de impulsar e facilita-la posta en

marcha de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), mediante o financiamento parcial dos custos necesarios para a creación de emprego en proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, previamente cualificados como Iebts e inscritos no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Fomento do Emprego, en virtude do establecido na Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts).

2. As solicitudes, tramitación e concesión desta axuda axustarase ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.470.1, 14.04.241A.470.2 e 14.04.241B.475.0.109.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, que teñan a consideración de Pemes de acordo co establecido na normativa europea de aplicación, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como Iebts, ou, se é o caso, no que se estableza na resolución de cualificación ou na complementaria que se dicte para o efecto, en atención ó disposto no artigo 3 e 12 da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás Iebts, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Con carácter xeral, as solicitudes de axuda deberán presentarse antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade. Non obstante ó anterior, as modalidades de axuda á creación directa de emprego estable e axuda para o mantemento do emprego, poderán solicitarse durante os dous primeiros anos de actividade.

2. Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil, ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, cando cause alta no censo de Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade productiva cando causen alta no imposto de actividades económicas, ou, se é o caso, desde a data de efectos da concesión de exención do imposto en virtude do establecido no artigo 83.1º b da Lei 39/1988,

do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa redacción dada pola Lei 51/2002, do 27 de decembro.

3. De acordo co previsto no artigo 4 da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás Iebt's, na presentación das solicitudes os beneficiarios poderán contar co asesoramento dos técnicos especializados en Iebts. E, en todo caso, xunto coas solicitudes de axuda deberá presentarse un informe sobre a xustificación e adecuación destas, emitido polo técnico especializado en Iebts que asesorou e informou o proxecto empresarial, ou por outro pertencente á mesma entidade colaboradora.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

1. Co obxecto de promove-la creación de novos empregos, este programa establece un incentivo por cada emprego creado, graduándose a súa contía, en atención á concorrencia de determinados gastos que se configuran coma modalidades dunha axuda única:

a) Axuda á creación directa de emprego estable.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Axuda financeira.

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de local.

2. Terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha da actividade empresarial, de acordo coas previsións contidas nos artigos seguintes para cada unha das modalidades da axuda, e sempre que se presenten nos prazos sinalados no artigo 2.1º, segundo parágrafo desta orde.

3. Para os efectos da axuda recollida nesta orde terán a consideración de desempregados, aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Cando se trate de traballadores autónomos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

4. Os incentivos previstos nesta orde concederanse en atención ó número de postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios ós que se refire o número 3 deste artigo, co límite xeral de 49 traballadores.

Así mesmo, as Iebts para poderen beneficiarse desta axuda deberán incorporar, como mínimo, a un titulado universitario por cada catro traballadores.

Artigo 4º.- Axuda á creación directa de emprego estable.

1. Cando a posta en funcionamento dunha empresa cualificada como Iebts implique a creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servicio Público de Emprego ou polos beneficiarios ós que se refire o nº 3 do artigo anterior, incentivarase cada un deles cunha subvención de ata 5.100 euros, cando a dedicación sexa a tempo completo ou a parte proporcional cando sexa a tempo parcial. Cando o posto de traballo estable creado sexa ocupado por unha traballadora pertencente a un dos colectivos beneficiarios o incentivo incrementarase nunha contía de ata 600 euros.

Cando o posto de traballo o ocupe un desempregado con título universitario, o incentivo será de ata 5.400 euros e, de tratarse dunha muller con titulación universitaria, de ata 6.000 euros.

2. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme con posterioridade a tempo completo, a empresa poderá solicita-la diferencia entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro dos dous primeiros anos da actividade.

3. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, se é o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

4. Só poderán ser obxecto da modalidade de axuda prevista neste artigo, os postos de traballo estables de carácter indefinido creados antes de transcorreren dous anos desde a data de inicio da actividade, co límite xeral de 49 traballadores, agás que na cualificación do proxecto como Iebts se tivera en conta un número superior, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio a Iebts (DOG nº 47, do 7 de marzo).

Artigo 5º.-Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

1. Para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, poderá concedérselles ás empresas cualificadas como Iebts unha subvención equivalente ó 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por tódolos conceptos, do primeiro ano, máis o equivalente ó 35% dos custos laborais totais correspondentes ó segundo ano, cun límite máximo de 30.000 euros, cando a contratación teña unha duración igual ou superior a dous anos e sexa a tempo completo, ou a parte proporcional se é inferior a dous anos ou é a tempo parcial.

2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda os contratos realizados cos titulares ou socios da empresa cualificada como Iebts.

3. A subvención, que se concederá por unha soa vez, estará condicionada á xustificación polas empresas de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela, e a que estas se realicen antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade.

4. Esta modalidade de axuda é incompatible, para o mesmo traballador, coas establecidas nos artigos 4º e 9º desta orde, e é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa e coa finalidade de favorece-la permanencia dos novos empregos creados, poderán ser obxecto de apoio ás funcións xerenciais para axuda-lo promotor ou empresario na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá revesti-las seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que un experto alleo á empresa, persoa física ou xurídica que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, presta ó promotor ou empresario nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que o promotor ou empresario poida recibir para obter e mellora-los seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudios e informes sobre a actividade para que o promotor ou empresario poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servicios obxecto de producción,

incluíndose neste epígrafe os estudios de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado polo apoio á función xerencial deberá producirse no prazo de dous anos desde a constitución da empresa, e sempre que non transcorrese máis dun ano desde o inicio da actividade.

3. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será de ata o 75 por 100 do custo dos servicios recibidos cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

Artigo 7º.-Axuda financeira.

1. A modalidade de axuda financeira ten por finalidade favorece-la creación de postos de traballo, mediante a reducción dos xuros de préstamos para financiar investimentos en activo fixo, que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como Iebts. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do préstamo para financia-lo activo circulante.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de seis puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

En todo caso, a contía máxima desta axuda non poderá ser superior a 5.100 euros por emprego estable creado durante o primeiro ano de actividade para os colectivos de beneficiarios previstos no artigo 3º.3 desta orde.

Artigo 8º.-Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta modalidade consistirá nunha axuda de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, e concederase por unha soa vez. O importe máximo desta modalidade de axuda determinarase en atención ó número de postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos no artigo 3º.3 desta orde, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: ata 12.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: ata 36.100 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: ata 48.100 euros.

-21 ou máis postos de traballo: ata 54.100 euros.

Para a determinación da contía valorarase o volume do investimento do proxecto e a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade.

2. Esta axuda, que se concederá por unha soa vez, irá destinada a sufraga-los gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa sempre que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade: compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, man de obra empregada na reforma ou adecuación do local, publicidade, subministracións; así como outros gastos que por razón da actividade, sempre que estean debidamente xustificados, sexan necesarios para a posta en marcha da actividade.

En ningún caso serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo.

Artigo 9º.-Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de local.

1. Poderán concederse axudas para o mantemento dos postos de traballo estables creados para os colectivos de beneficiarios previstos no número 3 do artigo 3º desta orde, durante os dous primeiros anos de actividade, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de terreos ou local onde se desenvolve a actividade.

2. O incentivo será de ata 90 euros por posto de traballo estable e mensualidade, cun máximo do 80% dos ditos gastos na súa imputación mensual, cun límite máximo de 18.000 euros por proxecto e anualidade ou a parte proporcional en cómputo mensual.

Para os efectos desta axuda en relación co establecido no parágrafo anterior, no suposto de adquisición de terreos ou locais, entenderase como gasto imputable a cada mensualidade a contía resultante de dividi-lo prezo de adquisición entre 120 mensualidades.

3. Ó abeiro da presente orde, poderán solicitarse as axudas correspondentes ás mensualidades comprendidas entre outubro de 2002 e setembro de 2003, ámbalas dúas inclusive, e sempre que estean comprendidas no período de dous anos desde o inicio da actividade e as solicitudes se presenten nos prazos específicos establecidos no artigo 11º.3 desta orde.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 10º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abei

ro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalle ó director xeral de Fomento do Emprego.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ó órgano competente, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro do ano 2003. Maila o anterior, deberán respectarse en todo caso os prazos establecidos no artigo 2º.1, segundo parágrafo, e na disposición adicional terceira desta orde, así como os prazos específicos previstos no punto seguinte en relación coa axuda para o mantemento do emprego.

3. A presentación das solicitudes de axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de local, realizaranse nos seguintes prazos:

-Mensualidades de outubro, novembro e decembro do ano 2002, e xaneiro, febreiro e marzo do ano 2003: ata o 31 de marzo do ano 2003.

-Mensualidades de abril, maio, xuño, xullo, agosto e setembro do ano 2003: ata o 30 de setembro do ano 2003.

Artigo 12º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para tódalas modalidades de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivese constituída, pero que vaia inicia-la súa actividade dentro do ano natural correspondente, o NIF da empresa poderase achegar na fase anterior ó pagamento.

b) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as admi

nistracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo VI). Ou, se é o caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

c) Declaración da súa condición de PEME e de mantemento do emprego (segundo o modelo anexo VII).

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo VIII).

e) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establecen no artigo 16º.1.A desta orde (segundo o modelo anexo IX).

f) Informe do técnico de emprego especializado en Iebts sobre a xustificación e adecuación das axudas.

2. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido para seren ocupados polos colectivos de beneficiarios e relación nominal deles, con indicación de se son ou non titulados universitarios, e con expresión da data de incorporación efectiva ou prevista, (segundo o modelo anexo III).

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-Memoria descritiva da necesidade da contratación de expertos, número e perfís profesionais deles e funcións que se van realizar en relación coas categorías profesionais e custos laborais totais.

-Contratos de traballo e altas na Seguridade Social, ou compromisos de contratación, nos que figure a duración da relación laboral.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, a proposta dos servicios que se van

desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vaia presta-lo apoio e a aceptación do solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade física ou xurídica, que prestara ou xa prestase o servicio de apoio.

d) Axuda financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda.

-Contrato de préstamo, ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo modelo anexo V).

-Plan de investimentos xunto coas facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (segundo modelo anexo III).

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e a posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, con indicación daqueles ós que se vai destina-la subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os vaian a ocupar, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de local:

-Memoria dos gastos de alugamento, compra ou adquisición imputables a cada unha das mensualidades para as que se solicita a axuda para o man

temento do emprego e a acreditación documental da súa existencia.

-Declaración do número de postos de traballo ocupados polos colectivos de beneficiarios e relación nominal deles, en cada unha das mensualidades polas que se solicita subvención.

-DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas que se incorporen á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou que se vaian incorporar nas respectivas mensualidades. E, se é o caso, certificación académica de terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario.

Artigo 13º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán ó interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 14º.-Criterios de graduación.

Para a valoración de axudas ás Iebts terase en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas ou que incorporen a desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres e persoas con discapacidade, e daráselles especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos para titulados universitarios.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización pola correspondente intervención, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autó

noma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que se sinale na resolución de concesión, da documentación común e específica seguinte:

A. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

-De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no censo de Facenda.

-Alta no imposto de actividades económicas, ou, se é o caso, a documentación acreditativa de exención do imposto.

-Relación nominal do persoal incorporado á empresa con indicación dos postos de traballo ocupados polos colectivos beneficiarios.

-Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, nos prazos, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

-Documentación acreditativa de se encontraren ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

-Documentación acreditativa de se encontraren ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegase coa solicitude a debida autorización para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor (segundo o modelo anexo IX).

-Declaración complementaria da establecida no artigo 12º.1 b) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, se é o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

B. Documentación específica:

a) Axuda á creación directa de emprego estable:

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa.

-Documentos de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.

-De non se xuntar á solicitude, contratos de traballo formalizados cos técnicos expertos e alta na Seguridade Social.

c) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física acreditativas do custo do servicio recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Axuda financeira:

-Copia do contrato de préstamo, de non se xuntar á solicitude.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen postos de traballo estables.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

f) Axuda para o mantemento do emprego, en función da existencia de gastos de alugamento, adquisición ou compra de local.

-Documentación acreditativa da situación de alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen empregos estables nas mensualidades polas que se solicita subvención.

2. Malia o sinalado no artigo 12º e nos números anteriores deste artigo, a documentación esixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado.

3. Cando concorran varias modalidades de axudas só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos económicos establecidos nesta orde serán complementarios e compatibles entre si e con calquera outras axudas da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O límite máximo dos incentivos establecidos nesta orde será equivalente ó 55% dos custos salariais totais dos postos de traballo xerados pola nova actividade correspondentes a dúas anualidades.

3. Non se poderán imputa-los mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstos nesta orde, agás naqueles casos que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

4. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego e de iniciativas de emprego rural, de promoción do emprego autónomo, de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego e do de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, así como no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

5. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Os ditos incentivos serán compatibles, se é o caso, con axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 18º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Acreditaren, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de cinco anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

e) As empresas deberán mante-los postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de cinco anos.

2. As empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde deberán cumprir, respecto das distintas modalidades de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvencións á creación directa de emprego estable: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán

presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario e, se é o caso, a condición de posuír titulación universitaria, o que deberá ser comunicado ó órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda por creación de emprego.

b) Modalidade de axuda por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación: as empresas deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polos expertos.

-Recibos dos salarios e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos expertos técnicos contratados, correspondentes ó período subvencionado.

c) Apoio á función xerencial: o beneficiario da subvención acreditará a realización do servicio prestado no prazo de dous meses desde a súa terminación, mediante a presentación da seguinte documentación:

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física da finalización do servicio de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servicios recibidos.

-Facturas acreditativas do custo total do dito servicio.

-Un informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Subvención financeira: o beneficiario da subvención acreditará, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización na súa totalidade do plan de investimentos previsto na concesión da subvención, achegando memoria anual explicativa, dentro do primeiro trimestre de cada ano, ata a terminación do mencionado plan.

e) Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade: as empre

sas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ó ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Artigo 19º.-Modificación da resolución concesoria

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 20º.-Revogación

Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os técnicos especializados en Iebt's que realizan os labores de acompañamento e asesoramento, colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como Iebts unha vez iniciada a súa actividade.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Terceira.-Ás Iebts constituídas como empresa que iniciasen a súa actividade productiva e que segundo o artigo 2º e concordantes o prazo para a presentación das solicitudes finalizara no último trimestre do ano 2002 ou nos meses de xaneiro, febreiro e marzo do ano 2003, poderán acollerse ás modalidades de axudas previstas nesta orde sempre que as solicitudes se presenten antes do 31 de marzo de 2003.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no director xeral de Fomento do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Quinta.-As solicitudes de axudas de iniciativas de emprego de base tecnolóxica que non puidesen ser atendidas no exercicio 2002 por falta de dispoñibilidades orzamentarias, e sempre que reunisen os requisitos establecidos na súa normativa reguladora, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian esta orde.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.470.1, 14.04.241A.470.2 e 14.04.241B.475.0.109 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, fixado na exposición de motivos desta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2003.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude