Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2003 pola que se establecen subvencións para investimento, mantemento e promoción de actividades destinadas á prestación de servicios sociais polas asociacións e outras entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servicios sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais, creada polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, con estructura orgánica fixada polo Decreto 402/2001, do 28 de decembro, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Unha das competencias da Consellería de Asuntos Sociais é precisamente realiza-la planificación xeral dos servicios sociais coordinando as actuacións das entidades prestadoras de servicios sociais, coa finalidade de atender de forma ordenada e global as necesidades, sacarlles rendemento ós recursos dispoñibles, garanti-la calidade na prestación dos servicios e evita-los desequilibrios territoriais.

Na procura do anterior obxectivo, considérase instrumento adecuado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestacións dos servicios sociais sempre que cumpran os requisitos legalmente establecidos de adecuarse á planificación da Consellería de Asuntos Sociais e ó control desta sobre as actividades, servicios ou investimentos subvencionados.

Mediante Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Seguridade Social en materia de asistencia e servicios sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (ISM).

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo, en todo caso, ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regu

ladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 402/2001, do 28 de decembro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades que presten os servicios sociais seguintes:

1.1. Servicios sociais de axuda a domicilio.

1.2. Centros e servicios para minusválidos.

1.3. Centros e servicios para a terceira idade.

1.4. Centros e servicios de prevención da delincuencia e tratamento de delincuentes, de atención a internos e de reinserción de ex penados.

1.5. Centros e servicios para persoas en estado de necesidade e marxinados.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións reguladas na presente orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social das referidas no artigo 32.1º c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, que sexan titulares dos centros ou presten algún dos servicios establecidos no artigo anterior, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

2. A obtención de subvención para o mantemento de centros dos que sexan titulares as entidades de iniciativa social quedará condicionada á solicitude, antes do remate do prazo de presentación das instancias, do permiso de inicio de actividades previsto no Decreto 243/1995, do 28 de xullo. A solicitude presentarase en modelo normalizado e irá acompañada da documentación prevista no artigo 21 do citado decreto.

3. Inclúense no ámbito subxectivo desta orde as entidades que, cumprindo cos requisitos establecidos nela, dirixan a súa actividade a traballadores, pensionistas e beneficiarios do sector marítimo pesqueiro.

4. As entidades que accedan á presente convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións dirixidas en favor de calquera dos colectivos enumerados no artigo primeiro desta disposición.

5. Cando as entidades destinatarias destas axudas soliciten subvencións para desenvolver programas relacionados co voluntariado social será preciso para a súa concesión que as entidades solicitantes estean incluídas no Plan do Voluntariado de Galicia e inscritas no Rexistro Galego de Entidades de Acción Voluntaria, ó abeiro do Decreto 405/2001, do 29 de novembro.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De investimento:

-Adquisición, construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles.

-Equipamento e moblaxe.

b) De mantemento:

-De centros e servicios así como do programa de axuda a domicilio.

-De asociacións e outras entidades.

c) De promoción de actividades:

-De integración social.

-De carácter asociativo ou comunitario.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) Tódalas axudas reguladas na presente orde, por criterio da consellería, poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Asuntos Sociais, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas.

b) Tanto para as subvencións de investimento como para as de mantemento e promoción de actividades, a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

c) As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais da Consellería de Asuntos Sociais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento ás asociacións de iniciativa social.

d) As institucións con personalidade xurídica independente que desenvolvan actuacións nun mesmo ámbito territorial, provincial ou supra provincial, estarán facultadas para solicitar subvencións dirixidas á realización conxunta de actividades con idéntica finalidade. As instancias cursaranse individualmente e cada entidade solicitará unha parte proporcional da axuda, de xeito que a suma resultante das subvencións solicitadas por todas elas non poderá supera-lo custo total da actividade.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas na presente orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003, por un importe inicial máximo de 1.160.245 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, nas aplicacións seguintes:

16.03.212D.480.0 polo importe de 922.562 euros.

16.03.212A.482.2 polo importe de 57.379 euros.

16.03.212D.780.1 polo importe de 180.304 euros.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda,

do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano 2003 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais, servicios centrais ou servicios comarcais da Consellería de Asuntos Sociais, así como en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia. A devandita solicitude deberá ir acompañada, ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme os anexos VII, VIII ou IX da presente orde, segundo corresponda.

1. Documentos comúns a tódalas axudas:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

d) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) As entidades que solicitaran subvención no exercicio anterior, quedarán exentas de presenta-la documentación prevista nas letras c), d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación expedida polo representante da entidade.

2. Documentos específicos para cada tipo de subvención:

2.1. Para subvencións de mantemento:

Carpeta na que conste a identificación do centro, descrición técnica deste, cadro-resumo do persoal, relación de beneficiarios e orzamento de mantemento (anexo IV).

Cando se trate de servicios nos que, polo seu carácter ambulatorio, transitoriedade ou natureza da atención prestada, non sexa posible ou conveniente identificar concretamente as persoas atendidas, substituirase o cadro-resumo e a relación de beneficiarios por unha certificación do director do centro, co visto e prace do presidente da institución, na que se indique o número de beneficiarios ou a frecuencia dos servicios que se prestan, segundo proceda.

No caso dos servicios de axuda a domicilio, a certificación fará referencia ó número de beneficiarios e de horas prestadas.

2.2. Para subvencións de promoción de actividades:

a) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo V):

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Resumo do contido de cada programa.

-Colectivo de atención.

-Descrición e fins de cada programa.

-Período de execución. Localización territorial.

-Número de usuarios directos.

-Metodoloxía e instrumentos que se vaian utilizar.

-Avaliación e seguimento do programa: obxectivos que se pretende acadar, indicador de impacto utilizado para a súa medición e resultado esperado en relación a cada obxectivo.

b) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento.

A entidade solicitante que ó abeiro da presente convocatoria opte pola realización conxunta dun programa con outras institucións participantes, identificará estas, indicando expresamente o custo total da actividade, a parte proporcional da axuda que solicita cada unha delas e os recursos materiais e financeiros que achegan.

c) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2.3. Para subvencións de investimento:

2.3.1. Adquisición de bens inmobles:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.3.2. Construcción, reforma, ampliación ou mellora:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en aluguer ou cedido, declaración do propietario na que faga consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta e que esta cumpre cos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Memoria das obras que se van realizar, co orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

2.3.3. Equipamento:

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretenden realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Asuntos Sociais, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada por Lei 4/1999.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas, para o efecto de comproba-lo disposto no artigo 2.1º, e remitirállela a tódalas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais.

2. As delegacións provinciais ou, cando proceda, os servicios centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido na presente orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se lles considerará por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión Provincial ou Central de Valoración de Axudas Institucionais, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

4. A composición das comisións de valoración será a seguinte:

a) Na esfera central:

-Presidente: o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

-Vocais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais e un subdirector xeral designado polo director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

b) Na esfera provincial:

-Presidente: o/a titular da delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais.

-Vocais: dous funcionarios designados pola delegación provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servicio ó que pertenza o substituído.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade na valoración das axudas institucionais.

1. Criterios xerais:

-Implantación social da entidade e número de socios ou afiliados.

-Garantías de realización das actuacións propostas.

-A constitución da entidade con alomenos dous anos de antelación á publicación da convocatoria. Exceptúanse confederacións ou federacións de recente creación que estean compostas maioritariamente por federacións ou asociacións de máis de dous anos de antigüidade.

-A complementariedade coas actuación públicas ou a satisfacción, por parte dos proxectos deseñados, de necesidades sociais non cubertas suficientemente.

2. Criterios específicos:

a) Axudas de investimento:

-O déficit ou a insuficiencia de recursos na zona de influencia.

-A adaptación dos centros e servicios ó cumprimento dos requisitos esixidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e á correspondente normativa en función do tipo de centro, así como á lexislación sobre accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma galega.

b) Axudas de mantemento:

- O mantemento de centros de atención nas áreas de minusvalidez, vellez e marxinación social, atendéndose con carácter preferente ó mantemento de residencias e centros de día.

-O mantemento de servicios de atención directa de forma continuada en calquera das áreas de actuación a que fai referencia o artigo 1º da presente orde.

c) Axudas de promoción de actividades:

-O desenvolvemento de programas e a realización daquelas actividades que tendan a posibilitar e fomenta-lo desenvolvemento persoal e a integración social dos colectivos recollidos nesta orde.

-En todo caso gozarán de preferencia neste punto, as solicitudes que formulen entidades xuridicamente independentes para a consecución e financiación conxunta de actividades con idéntica finalidade.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Delégase a competencia para resolve-la concesión das axudas solicitadas ó abeiro da presente orde nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, segundo o seu respectivo ámbito territorial, unha vez fiscalizadas polas intervencións competentes. Exceptúanse do disposto anteriormente aquelas axudas destinadas a subvencionar investimento, mantemento e promoción de actividades de asociacións ou entidades de ámbito supra provincial, que serán resoltas pola conselleira de Asuntos Sociais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo ós criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselles ós interesados para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso,

a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes.

3. En materia de infraccións e sancións aplicarase o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Realiza-la actividade o servicio ou o investimento que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

Artigo 14º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. De conformidade co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás no caso daquelas subvencións ou axudas para investimento por unha contía superior ós 1.500 euros.

2. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención procederase ó pagamento e á xustificación na forma que a continuación se indica, agás nos casos nos que se establezan convenios nos que se aplicará o que neles se sinale ademais do establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo

que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2.1. Subvencións de promoción de actividades e mantemento:

Ó abeiro do establecido no artigo 16.2º.1 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e de acordo co disposto por acordo do Consello da Xunta do 27 de decembro de 2002, o pagamento destas axudas poderá facerse segundo se establece a continuación:

Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade no que se reflectirá que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

Nos demais casos, o pagamento das axudas poderá facerse nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación, que poderá acordarse no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes medios documentais provisionais de xustificación:

1. Para as subvencións de mantemento, certificación ou declaración xurada, se é o caso, do director ou responsable da entidade dos gastos realizados durante o exercicio e as cantidades pendentes de pagamento.

2. Para as subvencións de promoción de actividades, certificación ou declaración xurada, se é o caso, do director ou responsable da entidade do inicio das actividades.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente mediante certificación do director ou responsable da entidade, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

c) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión de axuda para mantemento e promoción de actividades, a entidade beneficiaria deberá remitir no prazo dun mes certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Así mesmo, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a Consellería de Asuntos Sociais ou delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción de actividades. Cumprir este trámite considerarase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

2.2. Subvencións de investimento:

No suposto de subvencións para gastos de investimento, o pagamento e a xustificación efectuaranse de acordo co establecido no artigo 16.2º.2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles. O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante a entidade que a concedeu unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención deberá manterse, polo menos durante trinta anos, destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Subvencións para construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas subvencións para a construcción de nova planta, presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 30 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

c) Subvención para equipamento e moblaxe:

-Certificado do representante da entidade na que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

3. Nos dous puntos anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

4. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto, que corresponde ás axudas reguladas pola presente orde.

5. A documentación xustificativa dos gastos realizados deberase presentar antes do 30 de novembro do ano 2003. Non obstante, o prazo de xustificación

das subvencións de promoción de actividades, en casos excepcionais e debidamente xustificados, poderase prorrogar ata o 30 de setembro do ano 2004, sempre que exista crédito adecuado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunta cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá ó reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do tratamento que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei 11/1991, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais e as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2003.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA