Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2003 Páx. 620

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2003 pola que se modifica a Resolución do 19 de novembro de 2002 pola que se convocan axudas a corporacións locais, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 2003.

A Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, establece no seu artigo 43 unha modificación do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa regulación do prazo mínimo para a presentación de solicitudes de axudas e subvencións públicas, ampliándoo de 20 días hábiles a 40 días hábiles.

Así mesmo, o citado artigo establece que as ordes de axudas e subvencións manteñan un escrupuloso respecto ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no que se refire á presentación de documentos que constan en poder da Xunta de Galicia.

Como queira que a resolución que se modifica foi publicada con anterioridade á entrada en vigor da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, ó terse tramitado en réxime anticipado, require a súa adaptación ós anteriores mandatos legais.

Para cumprir este mandato e unha vez obtidos os preceptivos informes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 3º correspondente ás solicitudes e documentación, ó que se lle engade o seguinte punto:

Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indica-lo solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se encontran.

Artigo 2º

Modifícase o artigo 4º correspondente ó prazo de presentación de solicitudes, quedando redactado como segue:

O prazo para a presentación das solicitudes amplíase a 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2003.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo